Viravolta Títeres e a mostra Kinetiko abren Titiriberia en Rianxo

O festival de títeres celebrará en Rianxo entre o 22 e 30 de decembro a súa quinta edición cunha ducia de funcións e a participación de nove compañías

O programa, que se descentralizará polo municipio ao espallar a súa oferta por espazos como o Auditorio Municipal, a Casa de Cultura Cuartel Vello, ou os soportais da praza Castelao, poderase seguir integramente a través da rede para garantir o máximo acceso ao público no contexto sanitario

Rianxo. 21 de decembro de 2020.-

O Festival Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebra a súa quinta edición en Rianxo entre os días 22 e 30 de decembro. En total, unha ducia de funcións conformarán o programa deste ano no que tamén se inclúen mesas redondas, exposicións e obradoiros. O cartel arrinca hoxe cos dous pases da obra ‘O horroroso crime de Xan Miñoca’, espectáculo para todos os públicos de Viravolta Títeres que se representará no Centro Sociocultural A Capela do Araño ás 17.00 h. nun primeiro paso e ás 19.00 h., nun segundo. Trátase dun espectáculo de títeres de cachaporra con música de piano en directo, no que se descobre a verdade sobre os terribles crimes que disque cometeu tan perigoso personaxe. Inspírase na obra de Blanco Amor ‘Amor e crimes de Juan Pantera’. Nese mesmo espazo, durante os horarios de exposicións, o público poderá coñecer os paneis que conforman a exposición Onde foi Barriga Verde?, unha mostra que presenta unha reflexión xeral sobre o personaxe e o seu esquecemento. A historia dos Silvent, a importancia das feiras, o patrimonio inmaterial ou a tradición dos títeres europeos.

Artesanía e monicreques

Outra das exposicións que se inclúe na programación do Titiriberia é Kinetiko, mostra que estará aberta entre mañá martes, 22 de decembro, e o vindeiro día 27 -agás o festivo de Nadal- na Casa da Cultura do Cuartel Vello en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h. É unha iniciativa que bebe de dúas fontes artesás para crear unha serie de autómatas pensados para o xogo, para tocar e desfrutar nun contorno interxeracional apostando por recuperar un oficio ben antigo e moi relacionado co mundo das marionetas. O titiriteiro Ero Vázquez Cabrera de Teatro Marionetas Trécola e mais o xogueteiro Manuel Taboada Fernández de A Chintofanería, unen os seus coñecementos e experiencias nunha exposición que fará as delicias das persoas interesadas tanto na artesanía coma no xogo, títeres e/ou mecanismos.

Nesta edición de 2020, a primeira que se celebrará en Rianxo tras catro anos no municipio de Teo, o Titiriberia incluirá unha programación cuxo obxectivo principal será, un ano máis, achegarlle ao público a longa tradición do títere tradicional, xénero escénico cun gran arraigamento histórico na cultura galega. Neste ano tan insólito e complexo por mor da pandemia, o festival adaptarase ás circunstancias, cumprindo co máximo rigor con todas as medidas sanitarias en canto á protección individual e a limitacións de aforos. Ademais, para garantir o máximo acceso posible ao público, poderase seguir pola rede o conxunto da programación a través da canle https://www.youtube.com/user/morreuodemo

Ao longo dos sete días presenciais que durará o festival, pasarán por Rianxo compañías como Viravolta Títeres, Diáspora Teatro, Seisdedos Marionetas, Fantoches Baj, Títeres Cascanueces, Xirapaus ou a Cova das Letras, o colectivo Indignati Asociación Galega de Commedia dell’Arte, artistas como Fran Rei, Borxa Insua, Iria Pinheiro, Lucho Penabade, Tero Rodríguez, Borxa Insúa e Esther Carrodeguas, ou grupos de música como Áureas.

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: