Titiriberia levará a Teo un total de doce funcións a cargo de oito compañías na súa segunda edición

Borja Insua, Goretti Sanmartín, Pilar Faxil e Anxo García na presentación de Titiriberia

Programa completo no web de Titiriberia

Titiriberia, único festival do estado especializado nos títeres tradicionais, celebrarase entre o xoves e o domingo 12 no municipio teense

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo co apoio da Deputación da Coruña e o Concello de Teo, celebrará a súa segunda edición entre o xoves 9 e o domingo 12 de novembro cun total de doce funcións a cargo de oito compañías. Así o adiantaron hoxe en rolda de prensa no Concello de Teo a concelleira de Cultura, Pilar Faxil; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o presidente da Asociación Cultural Morreu o Demo, Anxo García.

Titiriberia, único festival do estado especializado nos monicreques tradicionais, contará este ano con formacións procedentes de toda a península. Así, as galegas como Seisdedos Marionetas Tradicionais, Danthea Teatro, Viravolta Títeres e Títeres Alakrán compartirán cartel co mestre titiriteiro catalán Eudald Ferré ou a compañía portuguesa Mãozorra. Como gran novidade, este ano o festival gaña un cariz máis internacional ao convidar ao mestre titiriteiro italiano Luca Ronga e á compañía francohispana Pelele.

“Durante estes catro días, poderemos gozar de espectáculos de títeres, charlas, mesas redondas, proxeccións obradoiros e exposicións en diferentes espazos do Concello”, sinalou Pilar Faxil, antes de remarcar que “se recupera a Feira Cabalar de Francos como espazo para os títeres e para a nimación cultural”. Pola súa banda, Goretti Sanmartín destacou tamén a importancia de “dedicarlle catro xornadas a falar do mundo dos títere tradicionais”. “Este festival é unha gran ídea que saudamos con entusiasmo”.

Finalmente, Anxo García destacou a variedade da programación desta segunda edición, poñendo en valor actividades complementarias como a proxección da película Dom Roberto ou a mesa redonda “O Patrimonio esquecido”. Ademais, adiantou que a asociación xa ten en vista a organización da terceira edición do Titiriberia.

Xoves e venres

O programa da segunda edición do Titiribeira, que expande a súa duración ao celebrarse ao longo de catro días, arrincará este xoves 9 de novembro no Auditorio Constante Liste, que acollerá dúas funcións escolares ás 11.00 e ás 12.30 horas de O galo Quirico e os seus amigos, de Seisdedos Marionetas Tradicionais. O mesmo recinto acollerá ás 18.00 horas nunha función xeral a obra Z, las aventuras del Zorro, obra do titiriteiro catalán Eduald Ferré e o napolitano Luca Ronga. Precisamente, Ronga será o protagonista do venres, xa que o mestre de luva napolitana ofrecerá dous pases da súa montaxe Le guarattelle di Pulcinella ás 11.30 horas no IES de Cacheiras e ás 18.30 horas no Auditorio para o público xeral.

Feira de Francos

Este sábado 11 de novembro, festividade local polo San Martiño, Titiriberia terá un dos seus días fortes, xa que coincidindo coa celebración da Feira Cabalar de San Martiño, na Carballeira de Francos, Titiriberia recuperará a histórica feira como un espazo para os títeres tradicionais. Con ese obxectivo, Titiriberia instalará unha barraca na Feira de Francos na que actuarán as compañías galegas Títeres Alakrán ou Seisdedos Marionetas Tradicionais e a formación lusa Mãozorra.

Domingo

A actividade sobre os escenarios finalizará o domingo con dúas funcións que porán o ramo a esta edición. A primeira delas correrá a cargo da compañía Mãozorra, que interpretará O Caçador ás 12.30 horas no Auditorio Constante Liste. A segunda terá lugar ás 20.30 horas no Local Social da Pontevella de Reis, onde Danthea Teatro representará O espello de Francisquiña.

Obradoiros e exposicións

A programación do Titiriberia inclúe exposicións, proxeccións e obradoiros. Dende hoxe e até o domingo, o Auditorio Constante Liste acollerá a mostra Panorámica do títere galego despois de Barriga Verde, realizada a partir de fondos do Museo Galego da Marioneta.

Pola súa banda, a Mediateca do Grilo acollerá o xoves ás 20.00 horas a mesa redonda Títeres: o patrimonio esquecido. O mesmo recinto, o venres ás 21.00 horas, acollerá a proxección e o coloquio da película portuguesa Dom Roberto, (José Ernesto de Sousa, 1962), fita considerada como peza fundacional do Novo Cinema Portugués que trata a tradición dos monicreques do país.

Por último, o programa incluíra dous obradoiros. O primeiro deles, titulado Barriga Verde a Escena, celebrarase no IES de Cacheiras ás 10.00 horas deste venres. O segundo, baixo o nome de Monicreques de luva con material de refugallo, celebrarase no Constante Liste o domingo ás 11.00 horas.

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: