Pulcinella e Dom Roberto protagonizan a segunda xornada de Titiriberia

Pulcinella de Luca Ronga

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo co apoio da Deputación da Coruña e o Concello de Teo, continúa hoxe venres centrando a súa programación na centenaria técnica de manipulación de títeres de luva napolitana.

O titiriteiro napolitano Luca Ronga, un dos coñecedores da técnica de luva,  representará a súa obra Le Guaratelle di Pulcinella ás 13.00 horas nun pase escolar no IES Cacheiras e ás 18.30 no Auditorio Constante Liste nunha función para o público xeral.

En Le guaratelle di Pilcinella, recóllense As aventuras xa clásicas dos personaxes collen vida nesta ocasión cuns bonecos que son auténticas esculturas talladas a man e cunha manipulación na que o ritmo e a improvisación marcan unha historia de acción, humor e tenrura.

Proxección e coloquio

A programación de Titiriberia seguirá 20.00 horas na Mediateca do Grilo, onde se proxectará a película portuguesa Dom Roberto, de José Ernesto de Sousa (1962). Trátase dunha das obras fundadoras do Novo Cinema portugués. Narra, con influencias da Nouvelle Vague francesa, a historia e os amores dun fantocheiro portugués. Un filme fundamental na historia do cinema luso que aposta por retratar a importante tradición titiriteira do país. A continuación un coloquio abordará cuestións relacionadas coa evolución do títere tradicional no país veciño, vendo como se produciu o seu devalo e recuperación e o xeito no que as políticas públicas e o apoio social puideron influír neste proceso. Estará presentado por Comba Campoi, João Costa, fantocheiro especializado nos Robertos, e de Lara Rozados, que dará a coñecer a colaboración do Cineclube Compostela co Festival Titiriberia.

Obradoiro escolar

O IES Cacheiras acollerá ademais a partir das 10.00 horas un obradoiro que, baixo o título de Barriga Verde a escena, pretende facilitar as ferramentas técnicas e dramáticas para a montaxe dunha das escenas da tradicional obra de títeres. A seguir as liñas plásticas e dramáticas dadas polas guías, introducirase ás participantes na tradición de títeres de cachaporra, a súa construción e técnicas de manipulación.

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: