Subimos á rede o vídeo íntegro da mesa redonda Títeres: O patrimonio esquecido. Un encontro no que, moderados por Germám Ermida, varios especialistas debateron sobre a problemática consideración dos espectáculos de bonecos tradicionais como patrimonio. A historiadora da arte e especialista en museoloxía Sabela Pato, a especialista en xestión do patrimonio da Universidade da Coruña Elvira Lezcano, Santiago Veloso, coordinador de “Ponte… nas ondas!” e un dos promotores da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO e mais Pablo Sanmartín López, responsable do Arquivo Municipal do Concello de Teo participan neste encontro no que tamén contamos coas notas de Felipe Garduño, responsable de Patrimonio na delegación estatal da Unión Internacional de Marionetistas que non puido asistir.
Logo de que nos últimos anos a UNESCO recoñeceu como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade diferentes tradicións de marionetas de Chequia, Eslovaquia, Italia ou Xapón, con este encontro quixemos pór sobre a mesa a situación e as perspectivas para conseguirmos un recoñecemento efectivo do patrimonio que supoñen as diferentes tradicións titiriteiras, en pé de igualdade con outras formas de cultura popular. Un interesante debate que percorreu desde diferentes perspectivas o potencial e os desafíos para estes bens.