‘Titiriberia. Olladas sobre o cristovos’, que se celebra entre o 4 e o 11 de
novembro no Concello de Teo, inclúe un total de 12 funcións, mesas redondas, conferencias e obradoiros espallados pola xeografía do municipio
Santiago, 5 de novembro-.
O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola
Asociación Cultural Morreu o Demo para o Concello de Teo e coa colaboración da Deputación da Coruña, comeza mañá coa programación escolar da súa terceira edición, que se celebrará até o vindeiro domingo 11 de novembro. En total, o festival ofrecerá doce funcións espalladas pola
xeografía teense e dobrará a súa aposta pola Feira de Francos, recuperando tanto a Carballeira como a festividade de San Martiño como espazo de exhibición e difusión dos títeres tradicionais.
A programación escolar comezará mañá martes co grupo galego Mircromina Títeres, que ofrecerá a súa obra A familia unida cunha dupla sesión: ás 10.00 horas no CEIP A Igrexa-Calo e ás 12.30 horas, no Auditorio Constante Liste. A obra preséntanos a Cromina que, logo de ser pai,
confronta a súa natureza festeira coa seriedade necesaria para optar a unha oferta laboral vitalicia. Unha reinterpretación das obras clásicas de luva na tradición de Punch, Pulcinella e o Bululú, con inimigos como a autoridade, a paternidade, o dragón ou a morte. As seguintes sesións escolares celebraranse o xoves no Auditorio Constante Liste coa obra Angelita, do grupo catalán Tactilicüa, e o venres 9 no IES de Teo con Viravolta Títeres, que presentarán Todos ao balcón.
Estrea ‘Dona Barriga Verde’
Nesta edición, o programa incluirá a estrea de Dona Barriga Verde, espectáculo de Larraitz Producións Artísticas que supón unha actualización das formas e dos xeitos do clásico personaxe dos monicreques de cachaporra, achegando unha protagonista feminina que, sen perder os gags
clásicos, fomenta novas visións aos roles de xénero e aos estereotipos dos monicreques. A Asociación Morreu o Demo colabora co proxecto prestando asesoramento histórico e documentación. A intención é que esta montaxe, producida desde a propia organización do festival, poida xirar con posterioridade en diferentes feiras tradicionais e eventos que están a contar de xeito habitual con títeres tradicionais. ‘Dona Barriga Verde’ estrearase na Barraca da Feira.
As varietés do Barriga Verde
A de Larraitz Producións Artísticas non será a única estrea que programe Titiriberia nesta terceira edición, xa que o festival inclúe unha montaxe singular o sábado 10 de novembro ás 21.30 horas na Carballeira de Francos. Baixo o título As varietés do Barriga Verde, a montaxe pretende reproducir, cunha óptica actual, os espectáculos que a familia Silvent realizaba na súa barraca de xeito previo á representación da obra de Barriga Verde. Con ese espírito, a produción reunirá as actuacións de compañías galegas como Mircromina, Tanxarina Títeres, Títeres Alakrán, Os Monicreques de Kukas, Diego Anido ou Arturo Nono. Todo baixo a presentación da actriz Iria
Pinheiro e a coordinación musical de Alonso Caxade, Joam Casas e Paco Nogueiras.