Seis funcións manteñen a presenza do Titiriberia na Feira Cabalar de Francos

Cartaz Titiriberia 2019

Programa Completo do Titiriberia 2019

A cuarta edición do único festival do estado especializado nos títeres tradicionais, celebrarase entre o sábado 9 e o venres 15 de outubro en Teo

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo co apoio do Concello de Teo e da Deputación da Coruña, celebrará a súa cuarta edición entre o sábado 9 e o venres 15 de novembro. Deste xeito, o Festival volverá coincidir coa celebración da Feira Cabalar de San Martiño de Calo na Carballeira de Francos, recuperando así por terceiro ano consecutivo esta histórica feira como un espazo para os monicreques tradicionais. Con ese obxectivo de recuperación, Titiriberia instalará a súa xa habitual barraca na Feira de Francos os días 10 e 11 de novembro, días no que se desenvolverán un total de seis funcións. Así, Titiriberia conectará coa histórica tradición dos titiriteiros europeos que, durante séculos, percorreron o continente de feira en feira para achegar diversión, cultura e espectáculo.

A actividade na Barraca comezará na véspera da celebración da Feira Cabalar. O domingo, 10 de novembro, ás 21.30 h. terá lugar As varietés do Barriga Verde, un espectáculo para o público adulto conducido pola actriz e cabareteira Iria Pinheiro co acompañamento musical do grupo Áureas. A música e as intervencións de Pinheiro, que se enfundará a pel do seu personaxe Concha Cocos, unha diva decadente vida a menos, servirá de fío condutor para os números de clown, escapismo e manipulación de obxectos que ofrecerán compañías galegas como Quinquilláns, Trécola, Títeres Alakrán ou Pajarito e artistas arxentinas como Maria Dobronich.

Xa o luns 11, festividade de San Martiño, o Festival Titiriberia iniciará a súa actividade ás 10.30 h. con espectáculos de animación a cargo de Títeres Alakrán, Seisdedos Marionetas e a Cía. Indignati da Asociación Galega de Commedia dell’arte. Este grupo de artistas animará a Feira de Francos e chamará pola participación dos asistentes, tal e como se facía tradicionalmente nas portas da barraca da Familia Silvent, que montaban espectáculos para chamar polo público por todo o campo da festa. Barriga Verde aparecerá na Barraca ás 11.30 h. da man da compañía Títeres Alakrán, que lle brindará ao público o seu espectáculo Barriga Verde ataca de novo. Os números máis famosos do mítico personaxe galego, desde a tourada até o militar, pasando polo enterro e, por suposto, pola sempre elegante aparición do demo, fan parte desta proposta na que se reinterpreta a obra clásica.

Ás 12.30 h., tomará o relevo na Barraca de Titiriberia a artista napolitana Irene Vecchia, que levará até Teo a Pulcinella, o personaxe italiano por excelencia do monicreque de cachaporra e un dos grandes exemplos dos guaratelle napolitanos, tradición titiriteira con máis de cinco séculos de existencia á que se remonta a orixe de Barriga Verde. Pola súa banda, o artista de orixe brasileira afincado en Portugal Marcelo Lafontana ocupará a Barraca en dúas quendas: ás 10.30 h. e ás 16.00 horas. Nesta dupla sesión, Lafontana ofreceralle ao público familiar a segunda achega internacional deste ano en Titiriberia: o Mamulengo Capiroto. A presenza na Feira de Francos deste personaxe da tradición lusófona conectará as expresións artísticas dos monicreques de ambos dous lados do Atlántico.

Titiriberia é o único festival do estado especializado en recuperar e difundir a longa tradición dos títeres tradicionais. Cómpre lembrar que o teatro popular de títeres estivo presente en feiras, festas e prazas das vilas e cidades até ben entrado o século XX e constitúe unha forma de entretemento, educación e comunicación das comunidades antes da irrupción dos medios de comunicación de masas e das transformacións que experimentou a sociedade nas últimas décadas. En Galicia, esta expresión cultural permanece aínda na memoria colectiva das xeracións nacidas antes de 1950, pero corre o perigo de desaparecer.

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: