A programación gravarase integramente e poderase ver na canle de youtube da Asociación Morreu o Demo para garantir o maior acceso ao público e no ámbito presencial, cumpriranse rigorosamente ás restricións sanitarias que están en vigor no municipio
A programación do festival descansará os días 24 e 25 para regresar o sábado 26.
Martes , 22 de decembro de 2020.- O Festival Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebra a súa quinta edición en Rianxo entre os días 22 e 30 de decembro. En total, unha ducia de funcións conformarán o programa deste ano no que tamén se inclúen mesas redondas, exposicións e obradoiros. O encontro continúa mañá mércores, 23 de decembro, con tres funcións a cargo das compañías Seisdedos Marionetas, Diáspora Teatro e Títeres Cascanuececes.
A actividade comezará así ás 12.00 h. na Casa de Cultura Cuartel Vello, onde durante dúas horas a compañía Diáspora Teatro ofrecerá o seu espectáculo Victoria. Nostalxias do pasado. María Dobronich pon en escena esta obra de teatro Lambe Lambe. Desde o intimismo dunha caixa escénica representa, con pequenos bonecos e obxectos, en non máis de 5 minutos, secretas situacións teatrais, que son apreciadas por só un ou dous espectadores cada vez, que observan a peza a través dunha fiestra. Victoria é un espectáculo sen palabras que fala do paso do tempo, das partidas, da memoria. Unha homenaxe ás avoas e a todas as mulleres que tiveron que dicir adeus ao que foi o seu fogar.
Nese mesmo recinto, tamén entre ás 12.00 h. e ás 14.00 h., Seis Dedos Marionetas ofrecerá a peza de cinco minutos Este espectáculo foi ilegal, do titiriteiro lalinense Anxo García. El texto preséntanos o monólogo do compadre Fidel d’Os Cornos de D. Friolera de Valle-Inclán, nunha fermosa tradución de Mari Luz Méndez.
Xa ás 18.00 h., no Centrosociocultural A Capela do Araño, Títeres Cascanueces representará o espectáculo O baúl de Barriga Verde. O personaxe Barriga Verde percorreu toda Galiza da man da familia Silvent durante o século pasado. Nesta nova versión, da man do titiriteiro cubano afincado en Compostela Lázaro Duyos, chega á vila co mesmo espírito enxeñoso e retranqueiro que no seu día encheu de risa a crianzas e maiores.
Nesta edición de 2020, a primeira que se celebrará en Rianxo tras catro anos no municipio de Teo, o Titiriberia incluirá unha programación cuxo obxectivo principal será, un ano máis, achegarlle ao público a longa tradición do títere tradicional, xénero escénico cun gran arraigamento histórico na cultura galega. Neste ano tan insólito e complexo por mor da pandemia, o festival adaptarase ás circunstancias, cumprindo co máximo rigor con todas as medidas sanitarias en canto á protección individual e a limitacións de aforos que se establezan en Rianxo. Ademais, para garantir o máximo acceso posible ao público, poderase seguir pola rede o conxunto da programación a través da canle https://www.youtube.com/user/morreuodemo
Ao longo dos sete días presenciais que durará o festival, pasarán por Rianxo compañías como Viravolta Títeres, Diáspora Teatro, Seisdedos Marionetas, Fantoches Baj, Títeres Cascanueces, Xirapaus ou a Cova das Letras, o colectivo Indignati Asociación Galega de Commedia dell’Arte, artistas como Fran Rei, Borxa Insua, Iria Pinheiro, Lucho Penabade, Tero Rodríguez, Borxa Insúa e Esther Carrodeguas, ou grupos de música como Áureas. A programación do festival descansará os días 24 e 25 para regresar o sábado 26.