A programación gravarase integramente e poderase ver na canle de youtube da Asociación Morreu o Demo para garantir o maior acceso ao público e no ámbito presencial, cumpriranse rigorosamenteás restricións sanitarias que están en vigor no municipio
Sábado , 26 de decembro de 2020.- O Festival Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebra a súa quinta edición en Rianxo entre os días 22 e 30 de decembro. En total, unha ducia de funcións conformarán o programa deste ano no que tamén se inclúen mesas redondas, exposicións e obradoiros. O encontro continúa mañá domingo, 27 de decembro, con dúas funcións a cargo da compañía da Cova das letras e de Indignati-Asociación Galega de Commedia dell’Arte. As entradas pódense reservar no 664 183 217 ou escribindo a auditorio@concelloderianxo.gal.
O programa comezará ás 12.00 h. no Auditorio de Rianxo a cargo de A Cova das Letras, que representará Teatro á Feira. A peza está interpretada por Anxo García e Cristina Collazo, que cos seus contos e cantos fan voar a imaxinación da asistencia. Entre os dous defenderán seis personaxes diferentes.
Pola tarde na Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo, ás 19.00 h., será a quenda de Indignati Asociación Galega de Commedia dell’Arte, que representarán o espectáculo Ratas!, espectáculo de Commedia dell’Arte que combina a improvisación coa música en directo, algo de acrobacia, loita escénica e unha grande dose de humor. No marco dunha praga que arrasa a cidade, Ratas! convértese nunha interesante metáfora para estes tempos de crise sanitaria, en que todos ansiamos que apareza da nada unha máxica solución, aferrándonos a calquera melodía que soe a esperanza, perseguindo como nenos ao Flautista de Hamelín.
Nesta edición de 2020, a primeira que se celebrará en Rianxo tras catro anos no municipio de Teo, o Titiriberia incluirá unha programación cuxo obxectivo principal será, un ano máis, achegarlle ao público a longa tradición do títere tradicional, xénero escénico cun gran arraigamento histórico na cultura galega. Neste ano tan insólito e complexo por mor da pandemia, o festival adaptarase ás circunstancias, cumprindo co máximo rigor con todas as medidas sanitarias en canto á protección individual e a limitacións de aforos que se establezan en Rianxo. Ademais, para garantir o máximo acceso posible ao público, poderase seguir pola rede o conxunto da programación a través da canle https://www.youtube.com/user/morreuodemo
Ao longo dos sete días presenciais que durará o festival, pasarán por Rianxo compañías como Viravolta Títeres, Diáspora Teatro, Seisdedos Marionetas, Fantoches Baj, Títeres Cascanueces, Xirapaus ou a Cova das Letras, o colectivo Indignati Asociación Galega de Commedia dell’Arte, artistas como Fran Rei, Borxa Insua, Iria Pinheiro, Lucho Penabade, Tero Rodríguez, Borxa Insúa e Esther Carrodeguas, ou grupos de música como Áureas.