>> A programación gravarase integramente e poderase ver na canle de youtube da Asociación Morreu o Demo para garantir o maior acceso ao público e no ámbito presencial, cumpriranse rigorosamente ás restricións sanitarias que están en vigor no municipio
Sábado, 26 de decembro de 2020.- O Festival Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebra a súa quinta edición en Rianxo entre os días 22 e 30 de decembro. En total, unha ducia de funcións conforman o programa deste ano no que tamén se inclúen mesas redondas, exposicións e obradoiros. O encontro continúa este sábado 26 de decembro, cunha función a cargo da compañía Títeres Cascanuececes e unha conferencia sobre commedia dell’arte de Nando Llera. As entradas pódense reservar no 664 183 217 ou escribindo a auditorio@concelloderianxo.gal.
A actividade comezará así ás 18.00 h. no Auditorio de Rianxo onde Títeres Cascanueces representará o espectáculo O baúl de Barriga Verde. O personaxe Barriga Verde percorreu toda Galiza da man da familia Silvent durante o século pasado. Nesta nova versión, da man do titiriteiro cubano afincado en Compostela Lázaro Duyos, chega á vila co mesmo espírito enxeñoso e retranqueiro que no seu día encheu de risa a crianzas e maiores.
Xa ás 19.30 h., no Centro Sociocultural A Capela do Araño, Nando Llera ofrecerá a súa conferencia Commedia dell’arte: artesanía teatral. Llera é actor, director, profesor na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e presidente da Asociación Galega de Commedia dell’Arte “Indignati”. A súa charla versará sobre a historia dos monicreques, que empre estivo vinculada á Commedia dell’Arte. Personaxes tan coñecidos como Don Cristóbal, o inglés Punch ou o noso Barriga Verde, presumen dun antepasado común: o mítico Pulcinella napolitano. Nesta conferencia afondarase nas orixes, a evolución e o estado actual dun modelo de espectáculo que hoxe continúa tan vixente como nas súas grandes épocas de esplendor.
Nesta edición de 2020, a primeira que se celebrará en Rianxo tras catro anos no municipio de Teo, o Titiriberia incluirá unha programación cuxo obxectivo principal será, un ano máis, achegarlle ao público a longa tradición do títere tradicional, xénero escénico cun gran arraigamento histórico na cultura galega. Neste ano tan insólito e complexo por mor da pandemia, o festival adaptarase ás circunstancias, cumprindo co máximo rigor con todas as medidas sanitarias en canto á protección individual e a limitacións de aforos que se establezan en Rianxo. Ademais, para garantir o máximo acceso posible ao público, poderase seguir pola rede o conxunto da programación a través da canle https://www.youtube.com/user/morreuodemo
Ao longo dos sete días presenciais que durará o festival, pasarán por Rianxo compañías como Viravolta Títeres, Diáspora Teatro, Seisdedos Marionetas, Fantoches Baj, Títeres Cascanueces, Xirapaus ou a Cova das Letras, o colectivo Indignati Asociación Galega de Commedia dell’Arte, artistas como Fran Rei, Borxa Insua, Iria Pinheiro, Lucho Penabade, Tero Rodríguez, Borxa Insúa e Esther Carrodeguas, ou grupos de música como Áureas. A programación do festival descansará os días 24 e 25 para regresar o sábado 26.