Domingo , 27 de decembro de 2020.- O Festival Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebra a súa quinta edición en Rianxo entre os días 22 e 30 de decembro. En total, unha ducia de funcións conforman o programa deste ano no que tamén se inclúen mesas redondas, exposicións e obradoiros. O encontro continúa mañá luns, 28 de decembro, cunha función a cargo da compañía Fantoches Baj e unha mesa redonda sobre o títere de cachaporra. As entradas pódense reservar no 664 183 217 ou escribindo a auditorio@concelloderianxo.gal.
Ás 18.00 h., a Sala Arcos Moldes do Auditorio Municipal de Rianxo recibirá a compañía galega Fantoches Baj, que representará o seu espectáculo para o público familiar Os romeiros do caracol. A obra preséntanos os irmáns Quitá, que percorren o camiño de volta de San Andrés de Teixido á súa casa despois de cumprir a promesa de levar ao seu defunto avó ao santuario en forma de caracol, xa que non fora de vivo. Nun enorme caracol-vivenda cóntanse e cántanse as cancións e as lendas de San Andrés. Ignacio Vilariño emprega títeres, cartel de cego, máscaras, e outros recursos do teatro popular neste espectáculo coa música en directo do acordeón diatónico de Carlos Quintá.
Ás 21.00 h., celebrarase unha mesa redonda baixo o título A innovación da Cachaporra. Novos xeitos para traballar a tradición. Nela participarán Inacio Vilariño, Alba Grande e o actor Santi Prego. Moderá Comba Campoi e o faladoiro xirará ao redor da tradición e da innovación, que poden parecer termos contrapostos, mais en realidade están emparellados. A tradición, entendida como algo que se vai nutrindo ao longo dos séculos da creatividade dos pobos, debe ter na innovación un dos seus ingredientes fundamentais. O encontro poderase seguir exclusivamente de forma telemática, a través da seguinte ligazón: https://meet.jit.si/mesa_redonda_titiriberia2020
Nesta edición de 2020, a primeira que se celebrará en Rianxo tras catro anos no municipio de Teo, o Titiriberia incluirá unha programación cuxo obxectivo principal será, un ano máis, achegarlle ao público a longa tradición do títere tradicional, xénero escénico cun gran arraigamento histórico na cultura galega. Neste ano tan insólito e complexo por mor da pandemia, o festival adaptarase ás circunstancias, cumprindo co máximo rigor con todas as medidas sanitarias en canto á protección individual e a limitacións de aforos que se establezan en Rianxo. Ademais, para garantir o máximo acceso posible ao público, poderase seguir pola rede o conxunto da programación, que está a ser gravada integramente, a través da canle https://www.youtube.com/user/morreuodemo. Na canle, xa se poden atopar vídeos de diferentes espectáculos xa celebrados en Rianxo.
Ao longo dos sete días presenciais que durará o festival, pasarán por Rianxo compañías como Viravolta Títeres, Diáspora Teatro, Seisdedos Marionetas, Fantoches Baj, Títeres Cascanueces, Xirapaus ou a Cova das Letras, o colectivo Indignati Asociación Galega de Commedia dell’Arte, artistas como Fran Rei, Borxa Insua, Iria Pinheiro, Lucho Penabade, Tero Rodríguez, Borxa Insúa e Esther Carrodeguas, ou grupos de música como Áureas.