Luns, 28 de decembro de 2020.- O Centro Social da Atalaia, Asados, acollerá ás 17.00 e ás 19.00 h. senllas funcións de ‘O conto de Barriga Verde’, espectáculo unipersoal de Fran Rei que mestura narración oral, humor e maxia. Escrito por Avelino González a partir de tres obras de Manuel María (Barriga Verde, Os soños na gaiola e Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela), O conto de Barriga Verde pretende ser un achegamento á poesía, prosa e teatro do autor lucense.
O Festival Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebra a súa quinta edición en Rianxo entre os días 22 e 30 de decembro. En total, unha ducia de funcións conforman o programa deste ano no que tamén se inclúen mesas redondas, exposicións e obradoiros. O encontro continúa mañá martes, 29 de decembro, con dous pases do espectáculos ‘O conto de Barriga Verde, unha obra protagonizada por Fran Rei. As entradas pódense reservar no 664 183 217 ou escribindo a auditorio@concelloderianxo.gal.
Nesta edición de 2020, a primeira que se celebrará en Rianxo tras catro anos no municipio de Teo, o Titiriberia inclúe unha programación cuxo obxectivo principal é, un ano máis, achegarlle ao público a longa tradición do títere tradicional, xénero escénico cun gran arraigamento histórico na cultura galega. Neste ano tan insólito e complexo por mor da pandemia, o festival adaptarase ás circunstancias, cumprindo co máximo rigor con todas as medidas sanitarias en canto á protección individual e ás limitacións de aforos que se establecen en Rianxo. Ademais, para garantir o máximo acceso posible ao público, poderase seguir pola rede o conxunto da programación, que está a ser gravada integramente, a través da https://www.youtube.com/user/morreuodemo. Nesta canle, xa se poden atopar vídeos de diferentes espectáculos celebrados en Rianxo.