Dona Barriga Verde e tres exposicións abren o VI Titiriberia en Rianxo

O programa do festival, que celebra entre o 20 e o 24 de xullo no municipio rianxeiro a súa sexta edición, espallará a súa oferta cultural pola xeografía do concello ao repartir representacións e actos por Araño, Isorna, Taragoña, Leiro, Asados ou Rianxo

Escena de Dona Barriga Verde

Programa completo do VI Titiriberia

Rianxo , 19 de xullo de 2021.-O Festival Titiriberia. Festival de Títeres tradicionais, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebra dende mañá e até o próximo sábado a súa sexta edición en Rianxo. O festival desenvolverase así por segundo ano consecutivo no municipio rianxeiro, co obxectivo neste 2021 de estreitar lazos coa veciñanza, fomentar a implicación comunitaria e descentralizar a actividade para espallar a oferta por diferentes parroquias do municipio. Así, o programa deste VI Festival Titiriberia comezará mañá da man de Larraitz Producións Artísticas, que ofrecerá dúas funcións da obra Dona Barriga Verde.

A primeira sesión terá lugar ás 12.00 h. no Campo Maneiro, Taragoña, e estará reservada para a rapaza que participe nos Campamentos de Conciliación do Concello de Rianxo, nos que tamén se desenvolverán no marco do festival obradoiros de construción de monicreques e de títeres en igualdade. A segunda función, no Centro Cultural Vicente Vidal, en Leiro, será ás 21.00 h. Ademais, a compañía brasileiro-exipcia Habib e Valeria ofrecerán en exclusiva para os participantes nos Campamentos de Conciliación un pase da súa obra ‘O día em que a morte sambou’.

Dona Barriga Verde é unha obra de títere de cachaporra que integra elementos do Barriga Verde do noso país con préstamos doutras tradicións titiriteiras europeas. Os paisanos, o demo ou a morte, atópanse en escena co crocodilo ou o bebé, habituais do Punch inglés. E todo cunha grande particularidade: a de desafiar as convencións do xénero, xa que por vez primeira no noso país, Barriga Verde, a protagonista da obra, é unha muller.

A asistencia ás actividades do Titiriberia 2021 implica a reserva obrigatoria de localidades en https://concelloderianxo.gal/reservas (preferente), ou no teléfono981 100 688, nos prazos que se indiquen na publicidade específica de cada proposta.

EXPOSICIÓNS

Ademais, dende hoxe até o sábado poderanse visitar no Auditorio Municipal de Rianxo tres exposicións diferentes. A primeira delas, titulada Onde foi Barriga Verde?, achega unha reflexión xeral sobre o personaxe e o seu esquecemento. A segunda, A grande familia do Títere europeo, é un conxunto de paneis que recollen a xenealoxía de Barriga Verde e os títeres europeos: Pulchinella, Punch, Guignol ou Kasper. Por último, a mostra A Arte dos Silvent debulla a traxectoria desta importante familia na tradición titiriteira galega.

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: