Rianxo , 21 de xullo de 2021.- O Festival Titiriberia. Festival de Títeres tradicionais, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebra até este sábado 24 de xullo a súa sexta edición en Rianxo. O festival desenvolverase así por segundo ano consecutivo no municipio rianxeiro, co obxectivo neste 2021 de estreitar lazos coa veciñanza, fomentar a implicación comunitaria e descentralizar a actividade para espallar a oferta por diferentes parroquias do municipio.
O Auditorio de Rianxo, na Sala Arcos Moldes, recibirá mañá xoves ás 12.00 h. a Habib&Valeria, compañía cuxas integrantes proceden do Brasil e de Exipto, e o seu espectáculo O día em que a morte sambou. A peza preséntanos a Seu Biu, un vello brincador que non deixa que a súa idade nin a morte poñan fin á súa alegría de vivir. Ten música, danza e, sobre todo, unha forte conciencia da súa profunda conexión coa natureza. Un día, a Morte decide buscalo. Pero cando chega á casa do ancián, é recibida dun xeito totalmente inesperado. A compañía emprega a antiga técnica das sombras chinesas para pór en escena esta orixinal historia en portugués.
Xa pola tarde, ás 20.00 h. no Pazo do Rianxiño, convócase a mesa redonda ‘Títeres e medios, unha relación inexistente’. No encontro, moderado por Comba Campoi, participarán Xoán Carlos Rioboo, da revista de teatro erregueté; Jorge Rey, titiriteiro de Títeres Cachirulo, e Lara Rozados, xornalista e investigadora. As súas voces reflexionarán sobre o escaso espazo que os medios de comunicación dedican ao teatro en xeral e ao mundo dos monicreques en particular.
A asistencia ás actividades do Titiriberia 2021 implica a reserva obrigatoria de localidades en https://concelloderianxo.gal/reservas (preferente), ou no teléfono981 100 688, nos prazos que se indiquen na publicidade específica de cada proposta. Toda modificación ou alteración do programa publicarase con antelación a través do web do Concello de Rianxo.
Dez compañías en catro días
O VI Festival Titiriberia despregará a súa oferta por Araño, Isorna, Taragoña, Leiro, Asados e Rianxo entre os días 20 e 24 de xullo grazas aos espectáculos que ofrecerán dez compañías, das cales oito son galegas (Larraitz Producións Artísticas, Seisdedos, Trécola, Paporrubio, Micromina, Indignati, Alakrán e Babaluva), unha catalá (La Fábrica Fantástica) e unha internacional, ao procederen os seus integrantes de Brasil e Exipto (Habib e Valeria).