Titiriberia estrea o 23 a súa coprodución con Indignati e celebra As Varietés de Barriga Verde

O Auditorio de Rianxo acollerá ás 23.00 h.  ‘As Varietés de Barriga Verde’,  espectáculo de variedades e cabaré presentado por Iria Pinheiro e que incluirá a presentación do libro ‘República Sideral’, da dramaturga Esther F. Carrodeguas.

Programación completa

Nando Llera, protagonista de Maldita Máscara

Rianxo , 22 de xullo de 2021.-  O Festival Titiriberia. Festival de Títeres tradicionais, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebra até este sábado 24 de xullo a súa sexta edición en Rianxo. O festival desenvolverase así por segundo ano consecutivo no municipio rianxeiro, co obxectivo neste 2021 de estreitar lazos coa veciñanza, fomentar a implicación comunitaria e descentralizar a actividade para espallar a oferta por diferentes parroquias do municipio. Mañá venres, 23 de xullo, será un dos días máis cargados de actividades deste VI Festival Titiriberia, que modifica algúns dos seus emprazamentos por mor das predicións meteorolóxicas.

A actividade da xornada comezará ás 12.00 h, no Pavillón do CEIP Ana María Diéguez de Asados, que recibirá a compañía galega Mircromina, que representará a súa obra ‘Vacacións no mar’. Trátase dun espectáculo de monicreques de luva no que se conxuga a tradicional estilo da cachaporra cuns caracteres e feitos renovados para o público de hoxe en día. Esta representación, pensada para o público familiar, ofrecerase en exclusiva para a cativada participante nos Campamentos de Conciliación do Concello de Rianxo, onde tamén se están a realizar obradoiros de creación de monicreques dentro do programa do festival

Primeira estrea

Ás 20.30 h. no Centro Cultural A Capela, de Araño, Indignati (Asociación Galega de Commedia dell’Arte), en coprodución co Festival Titiriberia, estreará o espectáculo ‘Maldita Máscara’.  Esta obra toma como punto de partida o 18 de xullo de 1984, día no que o Piccolo Teatro de Milán levou a escena o seu Arlecchino durante o Olympic Arts Festival en Estados Unidos. Á volta, o barco que transportaba os colectores coa escenografía e vestiario viuse inmerso nunha treboada, perdendo a mercancía.  Máscaras, contos, música ao vivo e acrobacia fúndense neste exercicio de interpretación que lle amosará o público os segredos da commedia dell’arte.

Ás 23.00 h., no Auditorio de Rianxo, celebrarase ‘As Varietés de Barriga Verde’, proposta escénica  iniciativa do festival Titiriberia que pretende reproducir, desde unha óptica actual, o espectáculo que a familia Silvent realizaba na súa barraca e no que estaba incluída a peza de Barriga Verde. Canción melódica, malabares, marionetas, equilibrismo e números de clown sucederanse nun ambiente de cabaré orientado ao público adulto.  Participarán Larraitz Urruzola, Títeres Alakrán, Rafa Rey, Tero Rodríguez, Lucho Penabade e a artista de clown Malala. Todo conducido pola actriz e cantante Iria Pinheiro e acompañado de música ao vivo cun cuarteto da Escola de Música de Rianxo, coordinado por Bernal Muíños. Ademais, durante o seu transcurso a dramaturga Esther F. Carrodeguas presentará o seu libro República Sideral (Ed. Embora). Xusto unha hora antes do inicio das Varietés, a compañía Alakrán realizará números tradicionais nas inmediacións do Auditorio.

A asistencia ás actividades do Titiriberia 2021 implica a reserva obrigatoria de localidades en https://concelloderianxo.gal/reservas (preferente), ou no teléfono 981 100 688, nos prazos que se indiquen na publicidade específica de cada proposta. Toda modificación ou alteración do programa publicarase con antelación a través do web do Concello de Rianxo.

Dez compañías en catro días

O VI Festival Titiriberia despregará  a súa oferta por Araño, Isorna, Taragoña, Leiro, Asados e Rianxo  entre os días 20 e 24 de xullo grazas aos espectáculos que ofrecerán dez compañías, das cales oito son galegas (Larraitz Producións Artísticas, Seisdedos, Trécola, Paporrubio, Micromina, Indignati, Alakrán e Babaluva), unha catalá (La Fábrica Fantástica) e unha internacional, ao procederen os seus integrantes de Brasil e Exipto (Habib e Valeria).

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: