Titiriberia despidese sábado coa estrea da ‘Feira das sementes’ e coa compañía catalá La Fábrica Fantástica

A fábrica fantástica

Rianxo , 23 de xullo de 2021.-O Festival Titiriberia. Festival de Títeres tradicionais, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, despídese mañá, sábado en Rianxo da súa sexta edición con dúas funcións e a presentación dun libro. Así, a actividade, para este sábado 24 de xullo será a seguinte:

O Auditorio de Rianxo, na Sala Arcos Moldes, acollerá ás 12.00 h. a obra ‘Retro contes’, montaxe para maiores de 4 anos da compañía catalá La Fábrica Fantástica. O espectáculo, artellado a partir de textos de Gianni Rodari, mestura proxeccións, manipulación de monicreques e traballo actoral sobre o escenario. A historia dun pai e da súa filla separados polo traballo e que manteñen a súa relación a base de contos, convida ás familias a unha reflexión sobre a importancia das historias para manter a humanidade nun mundo opresivo.

Xa pola noite, ás 21.00 h., no mesmo recinto, o Auditorio de Rianxo, na Sala Arcos Moldes, terá lugar a segunda estrea desta sexta edición: Feira das sementes, de Babaluva. Trátase dun espectáculo que nos presenta unha feira onde nada se vende, onde as sementes se trocan por outras, por un conto, por un refrán ou por unha canción. Mirari, unha vasca afincada en Galicia percorre o país coa súa feira de sementes, un posto onde leva sementes pra trocar. Ademais, representa on monicreques diferentes contos, como A proba da semente, Garavanciño e o esquío ou O rapto do centeo.

A xornada de clausura desta sexta edición incluirá ademais a presentación de Fábulas da montaña, de Inacio Vilariño. Trátase dun libro convertible a teatro de papel con personaxes listos para xogar ás marionetas, baseado nas fábulas orixinais en verso de Concepción Arenal. A presentación será ás 20.30 h. no Auditorio de Rianxo.

A asistencia ás actividades do Titiriberia 2021 implica a reserva obrigatoria de localidades en https://concelloderianxo.gal/reservas (preferente), ou no teléfono 981 100 688, nos prazos que se indiquen na publicidade específica de cada proposta. Toda modificación ou alteración do programa publicarase con antelación a través do web do Concello de Rianxo.


Dez compañías en catro días

O VI Festival Titiriberia despregará a súa oferta por Araño, Isorna, Taragoña, Leiro, Asados e Rianxo entre os días 20 e 24 de xullo grazas aos espectáculos que ofrecerán dez compañías, das cales oito son galegas (Larraitz Producións Artísticas, Seisdedos, Trécola, Paporrubio, Micromina, Indignati, Alakrán e Babaluva), unha catalá (La Fábrica Fantástica) e unha internacional, ao procederen os seus integrantes de Brasil e Exipto (Habib e Valeria).

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: