Irene Vecchia na Escola de Títeres Barriga Verde

A Escolta de Títeres Barriga Verde volta ao Titiriberia na súa sétima edición. A recoñecida titiriteira napolitana Irene Vecchia amosará no noso país a arte tradicional dos Guaretelle, a achegar estas técnicas a profesionais e persoas interesadas na arte dos títeres.

Curso de manipulación de guaratelle con Irene Vecchia

A Asociación Morreu o Demo, coa colaboración do Concello de Rianxo, a Deputación da Coruña e a AGADIC/Xunta de Galicia, continúa a súa oferta formativa coa Escola de Títeres Barriga Verde dentro das actividades programadas no Titiriberia. 

A recoñecida titiriteira Irene Vecchia imparte este obradoiro dirixido a persoas adultas que desexen perfeccionar ou achegarse á manipulación de títere de luva tradicional. Formada na “Scuola delle Guarattelle”, escola especializada en títere de tradición napolitana, Vecchia gradouse en Artes visuais e escénicas na Academia de Belas Artes de Nápoles e é internacionalmente recoñecida como un dos principais expoñentes desta tradición escénica. Constrúe e crea os seus propios espectáculos dende o 2012. Ao longo desta década de traxectoria, ten actuado tanto nas rúas de Nápoles como en programacións e festivais de relevancia internacional.

Este obradoiro eminentemente práctico permite ás persoas participantes coñecer de preto as forzas que se crean entre os títeres e nos repertorios clásicos da guaratelle e experimentalas desde o interior. Ademais, facilita dominar polo miúdo as técnicas de manipulación deste tipo de bonecos de cara á súa inclusión en diferentes espectáculos. Vecchia non esquece as mudanzas inherentes a toda tradición e aborda tamén a problemática de actualizar o xeito de levar a escena un repertorio con cincocentos anos de existencia que se espallou por todo o continente europeo.

No curso, as persoas participantes poderán aprender, mediante o manexo dos bonecos tradicionais propios destes antigos espectáculos, as técnicas de manipulación empregadas nas diferentes escenas desta forma artística. Os contidos do curso serán personalizados e adaptados tanto para público sen coñecementos previos como para persoas con nocións sobre o manexo de títeres e mesmo para profesionais que queiran puír as súas técnicas de cara a algunha montaxe. 

Segundo explica a propia docente, a través deste antigo espectáculo cada persoa “tiña a oportunidade de rir dos seus medos, das súas deibilidades e das súas incertezas dun xeito semple, sen facer dano, e de reunirse ao tempo cos seus compañeiros e compañeiras. Unha función catártica, celebrada dunha maneira sinxela, que a sociedade precisaba para seguir adiante e enfrontar con maior serenidade os problemas que impón a vida. Co seu ritmo e a súa potente linguaxe xestual, a guaratelle vai alén dos límites da lingua oficial e convértese nunha ferramenta eficaz para a comunicación intercultural”.

Con esta iniciativa a asociación Morreu o Demo quere contribuír á divulgación das técnicas de títeres tradicionais no seo do colectivo titiriteiro do país, favorecendo o desenvolvemento de novas montaxes a empregar esta técnica ou  linguaxe escénica.

PRAZO E REQUISITOS:

Datas: 30 e 31 de Xullo de 2022.  

■ Horario: 10:00 a 14:00

■ Lugar: Centro Sociocultural A Capela do Araño, Rianxo (A Coruña).

■ Prezo: 50€ sen aloxamento (50% de desconto ás persoas que fan parte do voluntariado do festival.)

■ Inscrición: reserva por orde de inscrición e pago

info@barrigaverde.eu

■ Prazo: enviar solicitude de asistencia antes do día 20 de xullo, achegando os datos persoais de contacto e un breve texto de presentación e de cal é o motivo de querer facer o curso.

■ Dirixido a: +16 anos (Persoas adultas que desexen perfeccionar ou achegarse á manipulación de títere de luva tradicional, un teatro popular con trazos comúns en tantos países europeos.)

–   Se alguén dispón dun teatriño de títeres axustado á súa altura, pode traelo para practicar nel durante o curso e compartilo con quen non teña

*As persoas socias de Unima que así o soliciten,  poden acceder á seguinte axuda para asistir ao curso: 0.10 €/km de viaxe e 18 €/día de estancia. secretaria@unima.es

Información del curso en castellano.

Tamén che podería gostar...

1 Response

  1. 17/07/2022

    […] un taller impartido por la gran maestra napolitana de los guaratelle Irene Vecchia (ver aquí), y una exposición de títeres en los escaparates de muchos comercios de la ciudad, pertenecientes […]

A %d blogueros les gusta esto: