O VII Titiriberia leva a Rianxo unha trintena de compañías

O festival de títeres tradicionais continúa a medrar ao ampliar o seu programa ao longo dunha semana neste 2022 no que se continuará a afondar nas súas grandes metas: a creación de públicos, a descentralización e o espallamento deste xénero escénico

Xosé Lois Penas, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña; Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo; Jacobo Sutil, director da Agadic, e Larraitz Urruzola, coordinadora de Titiriberia

Programa completo do festival

O cartel deste ano, que inclúe unha vintena de formacións galegas, recupera a vertente internacional tras as limitacións da pandemia ao levar ao municipio rianxeiro a titiriteira italiana Irene Vecchia e as portuguesas de Teatro e Marionetas de Mandrágora

Rianxo, 13 de xullo de 2022.- O Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, festival de Títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, celebrará entre os días 24 e 31 de xullo a súa sétima edición cunha programación que inclúe unha trintena de formacións artísticas. Ademais, neste 2022, recupera a súa dimensión internacional ao contar no seu cartel con artistas italianas e portuguesas. Así o adiantou hoxe Larratiz Urruzola, coordinadora de Titiriberia, nunha rolda de prensa celebrada no Concello de Rianxo na que tamén participaron o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas.

Urruzola subliñou que o Titiriberia deste ano é “o Titiriberia da consolidación en Rianxo e o da ampliación do seu programa ao estender a actividade ao longo dunha semana”. “Esta sétima edición significa crecemento e expansión e tamén, por suposto, a edición na que recuperamos a normalidade tras dous anos de pandemia”, sinalou Urruzola antes de engadir que o festival afondará nas súas metas habituais: “recuperar o xénero dos títeres, captar novos públicos, fomentar espectáculos de rúa, descentralizar a cultura e visibilizar o traballo das mulleres nas artes escénicas e nos equipos de traballo”.

Atoparse co público

A descentralización do programa de Titiriberia é un dos seus trazos principais dende a súa posta en marcha en Rianxo, procurando levar os espectáculos a distintos escenarios do municipio para garantir un encontro directo e próximo tanto coa veciñanza coma cos visitantes que pasan o verán no municipio. Deste xeito, as parroquias de Asados, O Araño, Taragoña, Isorna ou Leiro contarán con diversas funcións e igual acontecerá coas praias da Torre e de Tanxil.

Nesa liña de entrar en contacto directo cos espectadores para captar novos públicos, Titiriberia integrará talleres do seu programa nas actividades dos Campamentos de Conciliación do Concello de Rianxo. Así, desenvolveranse entre os días 26 e o 29 de xullo obradoiros para a cativada que mesturan a construción de bonecos coa súa manipulación. Os pasarrúas tamén serán outra canle que explorará Titiriberia para atoparse cos públicos. Baixo o título d’A festa dos títeres, a agrupación Vai de Roda e Viravolta Títeres partirán do Auditorio de Rianxo ás 12.30 horas para percorrer as rúas o domingo 24 de xullo, xornada inaugural do programa.

Do Barriga Verde ao Dom Roberto

Un total de 30 compañías, formacións e artistas acudirán a Rianxo para amosar os seus espectáculos, participar nas conferencias, impartir os obradoiros, difundir o xénero dos títeres de cachaporra e revisitar algúns dos personaxes máis destacados da tradición europea como son o Dom Roberto portugués, o Pulcinella italiano e, por suposto, o galego Barriga Verde. No caso luso, será a compañía Teatro e marionetas de Mandrágora, mentres que Irene Vecchia achegará a visión anovada do personaxe transalpino a través de dous espectáculos e dun obradoiro de títeres destinados aos profesionais.

Unha vintena de compañías e artistas ofrecerán ao longo de toda a semana unha ampla mostra da produción galega dentro do xénero dos monicreques. Formacións como A Xanela do Maxín, Fantoches Baj, Diáspora Teatro, Seisdedos Marionetas, Trécola Produccións ou Os Monicreques de Kukas ofrecerán as súas obras. Ademais, Tiriberia volverá a producir o seu propio espectáculo anual: As Varietés de Barriga Verde. Conducido pola actriz Antía Costas, a montaxe que se celebrará no Auditorio o venres 29 ás 22.30 horas incluirá actuacións de artistas como a propia Urruzola, Pajarito, Santi Prego, Jorge de Arcos, Irene Vecchia, Títeres Cascanueces e o Grupo de Teatro Airiños co acompañamento musical do Cuarteto da Escola de Música.

Dende Andalucía, chegará o grupo Trastero 203, que representará no Auditorio o seu espectáculo Eva o mércores 27, menres que Títeres desde Abajo, cuxos integrantes son de Andalucía e Cataluña, representarán o xoves Paral.lel 55 no mesmo recinto. As funcións que se celebren no escenario municipal serán as únicas de pago e as entradas custarán 5 euros.

O programa complétase con conferencias como a que impartirá José Luis Pico Orjais baixo o título A viaxe de Toribio: De Mañón a Rianxo?, mesas redondas como a que anilizará as catro décadas dos títeres profesionais en Galicia, exposicións nos escaparates de Rianxo ou a charla que ofrecerá por vía telemática a investigadora mexicana Elvia Mante co título: ‘O que non se nomea non existe. As mulleres na arte dos títeres’.

Tamén che podería gostar...

2 Responses

  1. Hola Soy Juan Alemany titiritero en la compañía de títeres la pajarera, venimos de Argentina y estamos por Asturias. Contamos con un espectáculo tradicional que lo hemos presentado en el festival de marionetas de Ovar, hemos participado en el festival de titeres de Lleida y el de Redondela. Ahora estamos presentandolo en el festival Asturisas de Aviles. Nos gustaria participar en su festival. Sabemos que seguramente tengan la grilla cerrada pero podemos actuar en off a la gorra y poner una parada de titeres que construimos nosotros. Puedo enviarles más información si me envian un mail. Muchas gracias. jczalemany7@gmail.com 603153419

  2. The next time I read a blog, Hopefully it doesnt disappoint me as much as this particular one. After all, Yes, it was my choice to read, nonetheless I actually thought you would probably have something interesting to say. All I hear is a bunch of crying about something that you could possibly fix if you were not too busy looking for attention.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *