Titiriberia celebrará en Rianxo o 40º aniversario das compañías Viravolta e Trécola, referentes do teatro de títeres profesional

O festival de títeres tradicionais leva ao municipio rianxeiro entre o 24 e o 31 de xullo a trinta compañías, formacións e artistas que participarán nun programa que inclúe funcións, obradoiros, conferencias e exposicións 

Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón, de Viravolta Títeres

Viravolta fundouse en 1982 e Trécola estreou a súa primeira obra nese mesmo ano. As dúas formacións actuarán no festival e participarán, xunto a Tanxarina e Os Monicreques de Kukas, nun encontro para analizar catro décadas do xénero en Galicia

Programa completo do festival

Rianxo, 18 de xullo de 2022.- O Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta, conmemorará as catro décadas do teatro profesional de títeres en Galicia ao contar no seu programa con dúas compañías que celebran o seu 40º aniversario neste 2022: Teatro de Marionetas Trécola e Viravolta Títeres. Ambas as dúas formacións, xunto aos Monicreques de Kukas ou Tanxarina, participarán no Titiriberia deste ano en calidade de auténticos referentes do sector, xa que levan toda unha vida profesional abrindo camiños. 

Precisamente será un destes veteranos grupos quen se encargue de abrir o programa de Titiriberia o vindeiro domingo 24 de xullo. Viravolta Títeres participará cos seus cabezudos tradicionais xunto á Asociación de Música e Baile Tradicional Vai de Roda nun pasarrúas que partirá do Auditorio Municipal e percorrerá Rianxo baixo o título A festa dos títeres. Trátase, ademais da primeira das dúas producións propias de Morreu o Demo que se verán no festival.

Viravolta Títeres naceu en 1982 da man de Anxo García, Pilar Álvarez e Xulio Balado. Nestes corenta anos, a formación ofreceu máis de trinta espectáculos e en Titiriberia representarán dúas funcións dun deles: Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón. A peza poderase ver o martes 26 ás 21.00 horas na Praza Rafael Dieste e o sábado 30 ás 13.00 horas na Praia de Tanxil. 

De xeración en xeración

Pola súa banda, Teatro de Marionetas Trécola cumpriu corenta anos de traxectoria en 2021. Naceu da man de Fernanda Cabrera Varela e Rafael Vázquez Núñez, que apostaron por recuperar a tradición das marionetas de fíos en Galicia coa histórica peza Teatriño de Feiras, que aínda hoxe continúa nas táboas actualizado co nome The Piccole Theatre. En 2006, Ero Vázquez Cabrera xunto a Isa García Coldeira, fanse cargo dunha compañía que chega ao Titiriberia este ano coa colaboración especial da terceira xeración desta familia de artistas ao actuar Ura e Naia Vázquez. 

Trécola ofrecerá dúas funcións da súa obra Nº8 Rúa dos Contos o mércores 27 ás 12.00 h. no Pazo de Rianxiño e xoves, tamén ao mediodía, no Parque de Santa Lucía de Asados. Trécola ofrecerá ademais unha postfunción para falar co público de que significa herdar un espectáculo e o legado familiar nunha compañía que pasa de xeración en xeración. 

O programa tamén inclúe outra formación de longo percorrido nos nosos escenarios:  Os Monicreques de Kukas. A compañía conformada por Marcelino de Santiago Kukas e Isabel Rey, naceu en 1979, é toda unha referencia para o sector e  tamén pasará este ano polo Titiriberia. Actuarán con Gernika, espectáculo de técnica lambe-lambe na Praza Castelao entre ás 12.00 e ás 14.30 horas do mércores 27 de xullo. 

Mesa Redonda

Precisamente estas compañías, xunto a representantes do histórico grupo Tanxarina, analizarán o percorrido dos corenta anos do títere profesional en Galicia. Estas formacións afanáronse en recuperar un xénero que desaparecera da nosa escena cando a familia Silvent deixou de representar Barriga Verde. O acto estará conducido por Topo Vidal e celebrarase o mércores 27 ás 18.30 h. no Auditorio de Rianxo. 

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: