Titiriberia comeza mañá domingo en Rianxo co pasarrúas ‘A festa dos títeres’

A ruada que abrirá o programa do encontro organizado pola asociación Morreu o Demo sairá ás 12.30 horas do Auditorio e inclúe música, baile e cabezudos tradicionais nunha produción propia con Viravolta e Vai de Roda

PROGRAMA COMPLETO

Rianxo, 23 de xullo de 2022.- O Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, festival de Títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, arrinca mañá domingo co espectáculo A festa dos títeres, produción propia do festival xunto a histórica compañía Viravolta Títeres e a agrupación Vai de Roda. Trátase dun pasarrúas que dará comezo ás 12.30 horas no Auditorio de Rianxo. Dende alí, percorrerá as rúas da localidade trazando un itinerario que subirá primeiro á zona da Martela, onde se fará parada con bailes nos xardíns, para despois continuar cara á praza de Castelao e cara ao paseo da Ribeira. Finalmente, a ruada retornará ao propio Auditorio, espazo que en caso de choiva acollerá o conxunto do espectáculo. Con esta peza de animación dos espazos públicos, Titiriberia ofrece un adianto das actividades que se desenvolverán durante o festival.

N’A festa dos títeres conflúen a charanga da Asociación Vai de Roda e os cabezudos tradicionais tanto de Rianxo coma de Viravolta, compañía galega que celebra en Titiriberia o seu 40º aniversario. O festival recupera así a tradición dos desfiles para reivindicar o formato escénico tradicional dos cabezudos, unha variedade máis de monicreques que aínda agarda polo seu xusto recoñecemento.

Este será o inicio dun Festival Titiriberia que na súa sétima edición traerá a Rianxo a máis de trinta compañías, formacións e artistas do teatro de títeres tradicionais para ofrecer os seus espectáculos, participar nas mesas redondas, impartir os cursos de formación a profesionais ou acompañar a cativada nos obradoiros de construción de bonecos que se insiren no programa dos Campamentos de conciliación do Concello de Rianxo. Este ano, o encontro rianxeiro recupera tras dous anos de crise sanitaria a súa dimensión internacional ao contar coa participación de artistas e investigadoras procedentes de México, Italia e Portugal.

Programa do martes

Tras o festivo do 25 de xullo, o programa de Titiriberia regresará o martes 26 cun novo espectáculo de Viravolta Títeres. A compañía representará na praza Rafael Dieste o seu espectáculo Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón. Nesta peza, retrátanse as andainas que lle deron sona a Mamede Casanova co sobrenome de Toribio de Mañón, famoso bandoleiro galego de comezos do século XX. Na historia deste personaxe inspirouse Valle-Inclán para escribir Las galas del difunto. Tras a función, a compañía manterá un encontro co público.

Xusto unha hora antes, no mesmo espazo, ás 19.00 h. o investigador José Luís do Pico Orjais ofrecerá unha conferencia que, baixo o título de A viaxe de Toribio: de Mañón a Rianxo?, versará sobre esta figura histórica que deveu en lenda que acabou por protagonizar unha cantiga popular e por darlle nome ao meco que protagoniza o Entroido local.

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: