O festival Titiriberia continúa mércores en Rianxo con espectáculos de sete compañías e a conmemoración de 40 anos de teatro de títeres en Galicia

Rianxo, 26 de xullo de 2022.- O Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, continúa mañá mércores 27 de xullo coas actuacións de sete compañías diferentes e a conferencia coa que se conmemorará máis de corenta anos de teatro profesional de marionetas en Galicia. Entre as 12 e as 14.30 horas, a Praza Castelao e o Subcampo contarán coas actuacións dos espectáculos coa técnica de lambe-lambe de Diáspora Teatro, que representará a peza Victoria; Os Monicreques de Kukas, que fará o propio con Gernika, e Seisdedos Marionetas, que ofrecerá a súa obra Este espectáculo foi ilegal.

O mércores tamén chegará o primeiro nome internacional do Titiriberia deste 2022. Será a compañía lusa Teatro e marionetas de Mandrágora, que amosará entre as 12.00 horas e as 14.30 horas o primeiro pase do seu espectáculo itinerante O máis maior grande Dom Roberto. A peza céntrase nunha figura xigante e interactiva que representa un Dom Roberto, o tradicional fantoche portugués, que sairá ao encontro das xentes de Rianxo. Realizada polo artista plástico enVide neFelibata, O Mais Maior Grande Dom Roberto convida a ollar para a grandeza deste títere tradicional dun xeito diferente.  Esta escultura en movemento circulará polas rúas da vila para revivir memorias dun teatro tradicional que renace e que se reinventa. Xa pola tarde, entre as 18.00 e as 20.00 horas, celebrarase unha nova quenda que partirá tamén da Praza Castelao. 

Ás 12.00 h. na Praza de Rianxiño, a compañía Trécola Producións representará nº8 Rúa dos Contos. Unha peza clásica dos títeres galegos, cunha longa historia e traxectoria. Nada en 1981, Trécola recupera a peza creada no seu día pola mestra titiriteira galega Fernanda Cabrera xunto ao seu compañeiro Rafa Vázquez. Os actuais integrantes da compañía, segunda e terceira xeración desta saga, presentan esta proposta familiar con ocasión dos corenta anos da formación. Este pase enmárcase dentro da programación dos Campamentos de Conciliación do Concello de Rianxo. 

Función na praia

Ás 13.00 h. a Praia de Tanxil converterase no escenario para que a compañía galega A Xanela do Maxín represente a súa obra Lúa quere viaxar a… Marte. A seguir a inspiración de  grandes mulleres científicas, investigadoras e astronautas, ninguén vai afastar a Lúa do seu empeño. As aventuras para conseguir este obxectivo e os personaxes que atopará polo camiño amosan esta singular aventura que combina narración oral e títeres para abordar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Ás 18.30 horas no Auditorio de Rianxo celebrarase unha mesa redonda moderada por Topo Vidal na que participarán representantes de Os Monicreques de Kukas, Tanxarina, Viravolta Títeres e Trécola para falar das catro décadas de teatro de títeres profesional en Galicia.

Ás 21.30 horas terá lugar no Auditorio de Rianxo a última obra da xornada: Eva, da formación andaluza Trastero 203. Trátase dunha comedia musical e filosófica, cunha soa actriz acompañada dun gran elenco de marionetas que ela mesma manipula. Toda unha mostra das habilidades desta compañía para interpretar diferentes papeis e combinalos con distintas técnicas e bonecos.

30 compañías e artistas

O Festival Titiriberia na súa sétima edición traerá a Rianxo a máis de trinta compañías, formacións e artistas do teatro de títeres tradicionais para ofrecer os seus espectáculos, participar nas mesas redondas, impartir os cursos de formación a profesionais ou acompañar a cativada nos obradoiros de construción de bonecos que se insiren no programa dos Campamentos de conciliación do Concello de Rianxo. Este ano, o encontro rianxeiro recupera tras dous anos de crise sanitaria a súa dimensión internacional ao contar coa participación de artistas e investigadoras procedentes de México, Italia e Portugal. 

PROGRAMA COMPLETO

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: