Rianxo, 27 de xullo de 2022.- O Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, continúa mañá xoves 27 de xullo cun programa de cinco funcións que inclúe a expansión ás parroquias de Asados, Isorna e Araño, a obra Paral.lel 55 de Títeres desde Abajo no Auditorio Municipal e un espectáculo itinerante polas rúas da localidade rianxeira da compañía Seisdedos.
A actividade comezará así ás 12.00 horas da man da formación portuguesa Teatro e marionetas de Mandrágora, que representará no Campo do Souto en Isorna Teatro de Robertos. Trátase dun espectáculo no que se percorre a tradición do Dom Roberto, personaxe equivalente no país veciño ao noso Barriga Verde. O grupo luso volverá actuar cun segundo pase desta obra ás 20.00 horas no Centro Sociocultural A Capela do Araño. Ao seu remate, Teatro e marionetas de Mandrágora ofrecerá un encontro postfunción co público para achegarse en profundidade a historia do Dom Roberto.
Ás 12.00 horas no Parque de Santa Lucía de Asados terá lugar a función nº8 Rúa dos contos, espectáculo da histórica formación Trécola, que celebra en Titiriberia o seu 40º aniversario. É unha peza clásica dos bonecos galegos, cunha longa historia e traxectoria. Nada en 1981, Trécola recupera a peza creada no seu día pola mestra titiriteira galega Fernanda Cabrera xunto ao seu compañeiro Rafa Vázquez. Os actuais integrantes da compañía, segunda e terceira xeración desta saga presentan esta proposta familiar e contarán a súa experiencia de herdar unha compañía histórica, espectáculos de referencia e un amplísimo legado cultural no segundo encontro postfunción co público.
Ás 21.00 horas chegará a quenda de Seisdedos Marionetas, que ofrecerá polas rúas de Rianxo o seu espectáculo itinerante O cego dos monifates. Usando a técnica tradicional do bululú, un monicrequeiro ambulante e cego representará contos medievais, populares, romances históricos e narracións da literatura galega.
Por último, ás 21.30 horas a Sala Arcos Moldes do Auditorio Municipal de Rianxo recibirá a Títeres desde Abajo, que presentará o seu espectáculo Paral.lel 55. Trátase dunha comedia para adultos que rememora a Folga de Canadiense, un dos feitos máis relevantes dentro do movemento obreiro en España. O 5 de febreiro de 1919, os traballadores da empresa Fuerzas y Riegos del Ebro comezan unha folga pola readmisión de oito compañeiros despedidos que tras 44 días de loita culmina co decreto da xornada laboral de oito horas para todos os oficios.
30 compañías e artistas
O Festival Titiriberia na súa sétima edición traerá a Rianxo a máis de trinta compañías, formacións e artistas do teatro de títeres tradicionais para ofrecer os seus espectáculos, participar nas mesas redondas, impartir os cursos de formación a profesionais ou acompañar a cativada nos obradoiros de construción de bonecos que se insiren no programa dos Campamentos de conciliación do Concello de Rianxo. Este ano, o encontro rianxeiro recupera tras dous anos de crise sanitaria a súa dimensión internacional ao contar coa participación de artistas e investigadoras procedentes de México, Italia e Portugal.