Viravolta Títeres, Raquel Queizás e Irene Vecchia actuarán en Rianxo sábado, penúltima xornada do VII Titiriberia

Rianxo, 29 de xullo de 2022.- O Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, continúa mañá sábado 30 de xullo cun programa de tres funcións e unha videoconferencia sobre a presenza da muller no teatro profesional dos títeres a nivel internacional.

A actividade comezará ás 13.00 h. na Praia de Tanxil da man de Viravolta Títeres, compañía que celebra en Titiriberia o seu 40º aniversario. A formación ofrecerá o seu espectáculo Vida, Crimes e prisión de Toribio de Mañón, no que retrata as andainas do famoso bandoleiro que inspirou a Valle-Inclán para escribir a súa obra Las galas del difunto e que está vencellado tamén ao Entroido rianxeiro.

A Praia de Tanxil volverá a se converter en escenario ás 18.30 h. Raquel Queizás ofrecerá a esa hora un pase da súa peza Travesías. Aventuras de libro. Trátase dun espectáculo de narración oral con obxectos e monicreques no que a contadora e titiriteira convida o público a navegar por historias cheas de mulleres bravas que loitaron contra os prexuízos.

Unha hora despois, ás 19.30 h., o Pazo do Rianxiño acollerá a videoconferencia O que non se nomea non existe, as mulleres na arte dos títeres. Impartida pola investigadora mexicana Elvia Mante, a charla centrarase nos primeiros datos extraídos do seu estudo internacional Mulleres na arte dos títeres.

E para concluír a xornada, a artista italiana Irene Vecchia ofrecerá ás 21.00 horas tamén no Pazo do Rianxiño a súa obra A lúa e Pulcinella. A obra cóntanos, a través da técnica de bonecos de luva ao xeito do guarattelle napolitano, como despois dun novo abuso, todas as mulleres da Terra rematan na Lúa. Para non perder a súa amada Teresita, Pulcinella intenta chegar onda ela e descobre así como son as perigosas situacións que viven demasiadas mulleres neste mundo.

30 compañías e artistas

O Festival Titiriberia na súa sétima edición traerá a Rianxo a máis de trinta compañías, formacións e artistas do teatro de títeres tradicionais para ofrecer os seus espectáculos, participar nas mesas redondas, impartir os cursos de formación a profesionais ou acompañar a cativada nos obradoiros de construción de bonecos que se insiren no programa dos Campamentos de conciliación do Concello de Rianxo. Este ano, o encontro rianxeiro recupera tras dous anos de crise sanitaria a súa dimensión internacional ao contar coa participación de artistas e investigadoras procedentes de México, Italia e Portugal.

PROGRAMA COMPLETO

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: