Titiriberia despide a súa sétima edición mañá domingo da man de Títeres Alakrán, Fantoches Baj e A Cova das Letras

Rianxo, 30 de xullo de 2022.– O Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, despide mañá domingo 31 de xullo cun programa de tres obras de compañías galegas: Títeres Alakrán, Fantoches Baj e A Cova das Letras.

A actividade comezará ás 13.00 h. na Praia da Torre da man de Fantoches Baj, compañía que representará Novos lobos, espectáculo que mestura os monicreques coa narración oral para achegarse o tema do xénero dende o prisma das novas masculinidades. A partir de contos da literatura popular, deconstrúense as historias tradicionais para as adaptar a esta nova ollada, nunha tentativa de ofrecer ferramentas conceptuais que axuden a prever a violencia de xénero.

A praia de Tanxil recibirá ás 18.30 horas o espectáculo Procúra-se Pepa a Loba, da compañía A Cova das Letras. Neste contacontos interactivo, Cris Collazo actúa, narra e manipula títeres e obxectos para nos introducir na historia dunha muller á que todo o mundo procura polo seu tesouro. A danza e a música intégranse nesta historia de mulleres poderosas con aires de western e ambientada na taberna da protagonista.

Títeres Alakrán encargarase de lle poñer o ramo á programación desta sétima edición do Titiriberia cunha función que terá lugar no Centro Cultural Vidal de Leiro ás 21.00 horas. A compañía galega representará Barriga Verde ataca de novo, un espectáculo de cachaporra tradicional, inspirado nas rutinas que facía a familia Silvent na súa famosa barraca a principios do século XX no que se adapta e se atrae o famoso personaxe da tradición galega ao mundo actual. Tras a representación, celebrarase a o último encontro postfunción co público.

30 compañías e artistas

O Festival Titiriberia na súa sétima edición trouxo a Rianxo a máis de trinta compañías, formacións e artistas do teatro de títeres tradicionais para ofrecer os seus espectáculos, participar nas mesas redondas, impartir os cursos de formación a profesionais ou acompañar a cativada nos obradoiros de construción de bonecos que se insiren no programa dos Campamentos de conciliación do Concello de Rianxo. Este ano, o encontro rianxeiro recuperou tras dous anos de crise sanitaria a súa dimensión internacional ao contar coa participación de artistas e investigadoras procedentes de México, Italia e Portugal.

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: