Os 90 anos de Teatro Airiños e Os Monicreques de Kukas nos escaparates do comercio local, focos do Titiriberia

Peluquería David. Fotografía de Marcelino de Santiago “Kukas”

O festival de bonecos tradicionais celebra entre o 24 e o 30 de xullo a súa oitava edición a descentralizar o seu programa entre as diferentes parroquias de Rianxo

Rianxo, 12 de xullo de 2023. –

Rianxo, 12 de xullo de 2023.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, celebra en Rianxo entre o 24 e o 30 de xullo a súa oitava edición. Para ir abrindo boca, Titiriberia inaugura xa esta semana unha singular exposición que servirá para estreitar a relación do festival coa veciñanza: a histórica compañía Os Monicreques de Kukas decorará, grazas á colaboración da Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE), os escaparates de doce establecementos con bonecos do seu repertorio artístico.

Deste xeito, o Titiriberia coarase no día a día de Rianxo ao distribuír polo comercio local títeres de diferente formato construídos por unha das compañías pioneiras da escena galega dos bonecos. Os Monicreques de Kukas, formación encabezada por Marcelino de Santiago Kukas e Isabel Rey, fundouse en Compostela en 1979. Ao longo dunha frutífera traxectoria, Os Monicreques de Kukas recibiron o recoñecemento tanto do público coma da crítica, xa que acadaron galardóns como o Premio da Cultura Galega das Artes Escénicas, Premio da Crítica Galega ou o Premio Xiria da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

Os comercios implicados nesta iniciativa son Don Dino, Nenis, Costuras para soñar, Zapaterías Marty, Librería Cándido, Peluquería Imperial, Pasarela Boutique, Agua Estilistas, Material de construcción Luis Vidal, Ferretería Aurora, Peluquería de Caballeros David e a farmacia Javaloy. Esta mostra implica, ademais, un xogo para os participantes: en todos os escaparates adornados estará agochado a figura de Lupe, mestra de cerimonias de Titiriberia. O xogo consiste en atopala polo menos en oito dos negocios para participar nun sorteo dun lote de produtos. Pódese consultar na web de Titiriberia as bases deste concurso.

Mamulengo e Barriga Verde

Á exposición nos escaparates, Titiriberia súmalle outras tres mostras que se poderán visitar no Auditorio de Rianxo durante os días do festival. A primeira delas reflectirá a historia do mamulengo, xénero popular da escena dos títeres no Brasil. Esta retrospectiva estará conformada por máis de 30 monicreques físicos e por unhas corenta instantáneas da evolución do mamulengo ao longo da historia. . A segunda exposición recolle o periplo da propia familia Silvent e mais do personaxe central dos títeres de cachaporra en Galicia: o Barriga Verde. A terceira, baixo o título A grande familia do títere europeo, recolle as diferentes tradicións de bonecos dos países do continente.

Aniversario de Airiños

Outro nome histórico do noso teatro terá un gran protagonismo nesta oitava edición: Teatro Airiños celebrará o seu noventa aniversario no marco do festival. Esta formación, esencial tanto no sector cultural coma no tecido asociativo de Rianxo, volverá colaborar con Tititriberia neste 2023 e farao por unha dupla vía. Por unha banda, participará no Varietés de Barriga Verde, un espectáculo de variedades que produce o festival cada ano e que desta volta incluirá a actuación de Airiños. A súa achega unirase aos números que ofrecerán artistas e compañías como Títeres Alakrán, Ura Vázquez, Santi Prego, a compañía vasca Ostomila ou Natalia Outeiro Pajarito. O espectáculo, que terá lugar no Auditorio  o venres 28 de xullo, contará con Clara Gayo como presentadora e co acompañamento musical do Cuarteto da Escola de Música de Rianxo.

Pola outra banda, Airiños será a encargada de poñerlle o ramo á oitava edición de Titiriberia cunha función de República Sideral, obra escrita pola tamén rianxeira Esther Carrodeguas e que foi merecente en 2020 do XIV Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques. Con  esta representación, que terá lugar no Centro Social da Atalaia en Asados o domingo 30 de xullo ás 20.00 horas, despedirase tanto o Titiriberia 2023 como a xira da peza.

Presenza galega

O festival Titiriberia, ademais de traer até Rianxo nomes do teatro de monicreques do ámbito internacional, nutre cada ano o seu cartel cunha mostra representativa do vizoso sector galego da escena dos bonecos. Así, neste 2023, combinará a participación de formacións do noso teatro de bonecos como son, ademais das xa amentadas Os Monicreques de Kukas e Airiños, Viravolta, Tanxarina, Trécola, Seisdedos, Babaluva, Larraitz Urruzola, Títeres Alakrán, Diáspora, A cova das Letras ou Os Monifates. O programa completo publicarase a próxima semana. Titiriberia volverá apostar nesta edición pola descentralización das súas actividades, de xeito que as diferentes funcións se celebrarán tamén en espazos das parroquias rianxeiras de Taragoña, Asados, Araño, Leiro ou Isorna, así como espazos referenciais para o público visitante que se achega até Rianxo durante as vacacións como é o caso da praia de Tanxil.  

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: