Curso de Dramaturxia “Mamulengo. Títere popular do Brasil”
Información sobre el curso en castellano
HORARIO:
VENRES 28 de 18:00 a 20:00 (visita guiada pola exposición e charla/conferencia).
SÁBADO 29 e DOMINGO 30 de 10:00 a 14:00
• LUGAR: Auditorio Municipal de Rianxo
• PREZO: 50€ sen aloxamento (25% de desconto ás persoas que fan parte do voluntariado do festival). Os socios de UNIMA poden solicitar as becas de formación para asistir / secretaria@unima.es.
• INSCRICIÓN: reserva por orde de inscrición e pago / info@barrigaverde.eu
• PRAZO: enviar solicitude de asistencia antes do día 20 de xullo, achegando os datos persoais de contacto, un breve texto de presentación e de cal é a motivación para facer o curso.
• DIRIXIDO A: +16 anos (persoas adultas que desexen perfeccionar ou achegarse á dramaturxia e á experiencia escénica do títere de luva tradicional no Brasil, un teatro popular con trazos comúns en tantos países europeos).
Se alguén dispón de títeres de luva pode traelos para practicar e compartir con quen non teña
A Asociación Morreu o Demo, coa colaboración do Concello de Rianxo,
a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, continúa a súa oferta
formativa coa Escola de Títeres Barriga Verde dentro das actividades
programadas no Titiriberia.
A titiriteira, profesora e investigadora da Universidade de Brasilia,
Izabela Brochado, canda a o recoñecido bonequeiro aragonés Marcos
Pena, imparten este obradoiro dirixido a persoas adultas que desexen
perfeccionar ou achegarse á dramaturxia de títere de luva tradicional.
Este obradoiro permite ás persoas participantes coñecer de preto a
dramaturxia, os personaxes propios do Mamulengo do Brasil e as
características diferenciais respecto doutras tradicións titiriteiras, para
despois pasar pola experiencia de crear pequenas escenas improvisadas.
Ademais, facilita dominar polo miúdo as estruturas dramáticas ou rutinas
deste tipo de bonecos de cara á súa inclusión en diferentes espectáculos.
Os contidos do curso serán personalizados e adaptados tanto para
público sen coñecementos previos como para persoas con nocións sobre
o manexo de títeres e mesmo para profesionais que queiran incorporar
esta dramaturxia ao seu repertorio.
O Mamulengo é unha tradición de bonecos brasileiros que en 2015
recibiu o título de Patrimonio Cultural do Brasil. Mamulengo é o termo
máis usado nos estados centro-sur do país, así como no estranxeiro,
para designar o teatro de monicreques popular na rexión nordeste do
Brasil. O inventario que deu como resultado o recoñecemento desta
expresión cultural como Patrimonio Cultural do Brasil, título outorgado
polo Instituto Nacional de Patrimonio Histórico e Artístico – IPHAN, foi
realizado entre 2008 e 2013 por cinco equipos de investigación, baixo
a coordinación xeral de a profesora e investigadora da Universidade de
Brasilia, Izabela Brochado.
IZABELA BROCHADO
Profesora xubilada da Universidade de Brasilia e actualmente
investigadora colaboradora no Programa de Postgrao en Artes
Escénicas da Universidade de Brasilia. Licenciada en Artes Escénicas
(1982) e Máster en Historia (2001), ambos pola Universidade de Brasilia;
Doutora en Estudos Dramáticos polo Trinity College – Universidade de
Dublín (2006); e Prácticas Superiores na Universidade de Évora (2017).
Coordinou co Instituto Nacional do Patrimonio Histórico e Artístico o
proceso de inscrición do Teatro de Bonecos Popular do Nordeste como
Patrimonio Inmaterial e Cultural do Brasil. Coordina o Laboratorio de
Teatro de Formas Animadas – LATA, grupo de investigación e extensión
do Departamento de Artes Escénicas da UnB, creado en 2001, e forma
parte do Grupo de Investigación Poética Escénica: visual e performativa,
con sede na Universidade Estadual Paulista Júlio de Mesquita Filho.
Membro do Comité de Investigación de Unima – Unión Internacional
da Marioneta. É directora e actriz-titiriteira, tendo en escena varios
espectáculos empregando a linguaxe do teatro animado (monicreques
e sombras) e actualmente forma parte da Compañía Trapusteros Teatro
(Brasil-España).
MARCOS PENA
Titiriteiro aragonés, creou o Grupo Trapusteros Teatro (2004), durante
o intercambio cultural realizado co Titerefué de Quito, Ecuador, dirixida
por Yolanda Navas. Con máis dunha década de experiencia a levar en
solitario títeres de luva, ten montado, entre outros, os espectáculos Los
Cuentos de Otro (2004) e Una Historia Sencilla (2009), cos que visitou
varios países. En 2011 trasladouse a Brasilia e comezou a traballar con
Izabela Brochado, a recoller influencias das tradicións populares brasileiras. Desta experiencia xurdiron espectáculos como Contos escollidos (2013), Elastic (2017), Mamulengo da Mancha (2019) ou Marieta e o boi Bumbá (2020). Ademais destas, Trapusteros Teatro leva a escena o mamulengo Bambú e morte (2016), a partir da experiencia do falecido mestre Zé Divina, de Pernambuco. En 2020, creou Asociación Cultural La Borda del Títere, con sede en Aguinaliu, Huesca, onde se celebra o festival Títeres na Montaña.
Como complemento ao curso, o festival Titiriberia programará funcións
do espectáculo Marieta e o boi Bumbá a cargo de Trapusteros Teatro.
Ademais, a exposición Mamulengo, teatro de títeres popular de Brasil,
con bonecos, fotografías e material audiovisual dará a coñecer polo
miúdo esta tradición titiriteira. A profesora Izabela Brochado impartirá,
no marco do programa do festival, unha conferencia aberta ao público
sobre esta forma escénica e realizará dúas visitas guiadas á exposición.