Titiriberia arrinca mañá luns en Rianxo co pasarrúas ‘A festa dos títeres’

A festa dos títeres 2022

O festival, que descentraliza o seu programa ao repartir as representacións, conferencias e obradoiros por diferentes parroquias e escenarios do municipio, celebra a súa oitava edición dende o luns 24 ao domingo 30 de xullo

Rianxo, 23 de xullo de 2023.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta e a Deputación da Coruña, celebra en Rianxo entre o 24 e o 30 de xullo a súa oitava edición. Neste 2023, o festival levará até o municipio rianxeiro 24 funcións, que correrán a cargo de 17 compañías e artistas procedentes de Galicia, Cataluña, Euskadi, Brasil e Portugal.

A programación arrinca mañá luns 24 de xullo ás 13.00 horas co espectáculo A festa dos títeres, un pasarrúas que reúne a Agrupación Vai de Roda e as compañías Viravolta Títeres e Títeres Alakrán para inaugurar a oitava edición de Titiriberia. Os grandes protagonistas desta ruada serán os cabezudos tradicionais de Rianxo, entre os que destacan a Lupe ou Peito de Lobo, personaxe creado por Castelao que deberá enfrontarse ao lendario Urco. Ademais, este ano, como gran novidade, aparecerá por vez primeira o Xigante Barriga Verde, personaxe referente no xénero dos títeres de cachaporra en Galicia que en Rianxo se amosará en gran formato. O percorrido deste espectáculo iniciarase no Auditorio de Rianxo, subirá á zona de Martela, fará parada con bailes nos xardíns, baixará logo á Praza Castelao e fará unha nova parada no Paseo da Ribeira para finalmente retornar ao Auditorio.

A Sala Arcos Moldes do propio Auditorio acollerá a segunda función desta xornada inaugural do TItitiberia 2023. A cita será ás 21.30 horas e ofreceráselle ao público El titiritero, el doble y la sombra. Nesta peza, Toni Rumbau, veterano titiriteiro e estudoso das orixes da estirpe de Pulcinella (personaxe fundamental na historia dos monicreques italianos), presenta este espectáculo-conferencia no que convida o público a se mergullar nalgúns dos misterios máis agochados desta antiga práctica dos bonecos. Co apoio do recoñecido bonecreiro catalá Eudald Ferré, o conferenciante recorre á técnica clásica dos títeres de luva, combinada coa linguaxe das sombras para afondar nos ámbitos máis profundos do mito do titiriteiro.

Exposicións

Titiriberia ofrece este ano catro exposicións. A primeira delas corre a cargo da compañía Os Monicreques de Kukas, formación pioneira na escena galega dos monicreques con catro décadas de traxectoria. A mostra consiste na decoración dos escaparates de 12 comercios rianxeiros con monicreques do repertorio histórico de Kukas. As outras tres exposicións atópanse no Auditorio e percorren a historia de Barriga Verde galego, a evolución do xénero dos monicreques de cachaporra en Europa ao longo dos séculos e o mamulengo, disciplina do teatro popular brasileiro dentro do mundo dos títeres.

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: