Titiriberia continúa martes en Rianxo coa estrea de ‘O xigante barriga verde’

Frida de A Cova das Letras

O programa do día inclúe tamén as funcións da compañía galega A Cova das Letras e mais do titiriteiro catalán Eudald Ferré

O festival, que descentraliza o seu programa ao repartir as representacións, conferencias e obradoiros porcelebra a súa oitava edición até o domingo 30 de xullo

Rianxo, 24 de xullo de 2023.-

O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta e a Deputación da Coruña, celebra en Rianxo até o domingo 30 de xullo a súa oitava edición. Neste 2023, o festival levará até o municipio rianxeiro 24 funcións, que correrán a cargo de 17 compañías e artistas procedentes de Galicia, Cataluña, Euskadi, Brasil e Portugal.

A programación continúa mañá martes 25 de xullo ás 12.30 horas coa estrea d’O xigante Barriga Verde, coprodución do festival coa compañía Títeres Alakrán. Este espectáculo itinerante, que se poderá ver dende a Praza do Castelo, presenta unha singular adaptación do personaxe tradicional. Un boneco xigante que funciona como teatriño itinerante reivindica no espazo público a figura do personaxe clásico dos monicreques galegos. Percorrerá a vila a representar escenas breves desta obra que fai parte do patrimonio cultural galego.

A praia de Tanxil acollerá ás 18.30 horas a segunda función da xornada, da man do artista catalán Eudald Ferré. No espectáculo Un solo de guante, o referente dos títeres tradicionais cataláns presenta un interludio teatral de diferentes sketches e rutinas clásicas do teatro de monicreques de luva, un espectáculo rico en movemento con moitos xogos escénicos característicos dunha comedia onde nada é demasiado transcendental. Personaxes arquetípicos propios da tradición combínanse nun espectáculo con altas doses de acción, humor e tenrura para gozar do momento e deixarse ir.

O Auditorio de Rianxo ás 21.30 recibirá a compañía galega A Cova das letras, que representará o seu espectáculo Frida, unha vida de arte. Nesta peza ponse en valor o poder transformador da arte a través do corpo en movemento, títeres e obxectos. A actriz e manipuladora Cris Collazo encarna a Frida Kahlo neste espectáculo poético, colorido e con moita, moita vida.

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: