Catro compañías galegas no mércores do Titiriberia

Os Monifates

O festival, que ofrece até este domingo 30 de xullo 24 funcións de 17 compañías diferentes, inicia mañá os obradoiros dentro dos campamentos de verán do Concello e organiza unha mesa redonda sobre os títeres e a plástica teatral durante a II República

Rianxo, 25 de xullo de 2023.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta e a Deputación da Coruña, celebra en Rianxo até o domingo 30 de xullo a súa oitava edición. Neste 2023, o festival levará até o municipio rianxeiro 24 funcións, que correrán a cargo de 17 compañías e artistas procedentes de Galicia, Cataluña, Euskadi, Brasil e Portugal.

A programación continúa mañá mércores ás 11.30 horas con ‘O xigante Barriga Verde’, un espectáculo itinerante de Títeres Alakrán coproducido polo propio Titiriberia que terá o seu punto de partida na Praza Castelao. A compañía galega ofrece nesta peza unha singular adaptación do personaxe tradicional galego. Un boneco xigante que funciona como teatriño itinerante reivindica no espazo público a figura do máis coñecido dos monicreques galegos. Percorrerá a vila e ao seu paso polas estatuas de Rosalía, Castelao e Dieste, renderalles unha homenaxe titiriteira a estas figuras da nosa historia.

A actividade seguirá ás 12.00 horas no Campo do Souto, en Isorna, coa obra Dona Barriga Verde, de Larraitz Producións Artísticas. Esta obra de títere de cachaporra integra elementos do Barriga Verde do noso país con préstamos doutras tradicións titiriteiras europeas. A obra desafía as convencións de xénero, xa que por vez primeira Barriga Verde, a protagonista da obra, é unha muller. O espectáculo está coproducido por Titiriberia en 2018.

Media hora máis tarde, ás 12.30 horas, no Parque Galiza, a formación Os Monifates ofrecerá un espectáculo de animación de rúa con bonecos danzantes. A obra preséntanos un peculiar carromato tirado por dous músicos ambulantes que percorre a vila para amosar a rica e variada música e instrumentación da cultura galega. Ao tempo integra na súa representación cancións ao vivo con marionetas danzantes para unha animación ideada para toda a familia.

Xa pola tarde, ás 20.00 horas, na Praia de Tanxil, a compañía galega Diáspora Teatro representará O peirao, un espectáculo que nos dará a coñecer dous pescadores duns contos que chegan como mensaxes en garrafas á beira do mar. Monicreques, teatro de obxectos e contos mestúranse nun espectáculo que pon en valor a natureza.

Mesa Redonda

O Auditorio de Rianxo, ás 17.30 horas, acollerá unha mesa redonda sobre a plástica teatral e os monicreques durante a II República. O traballo do rianxeiro Rafael Dieste neste campo, con varias obras escritas para monicreques e a súa participación no Retablo de Fantoches das Misións Pedagóxicas, ou a conexión de Maruja Mallo co universo titiriteiro a través da súa obra pictórica e escenográfica, serán algúns dos temas que se tratarán no encontro.

Na mesa de debate participarán o académico Xosé Luís Axeitos, a actriz Tero Rodríguez, a titiriteira Isabel Rey de Monicreques de Kukas e mais os profesores María Antonia Pérez e Eugenio Otero Urtaza. Con anterioridade á mesa redonda, a organización do festival homenaxeará a Rafael Dieste cunha ofrenda na súa tumba.

Pola súa banda, o IES Félix Muriel de Rianxo acollerá dende ás 11.00 horas o primeiro obradoiro de creación e manipulación de monicreques para a cativada. Este taller intégrase nas actividades do Campamento de Verán de Concello de Rianxo. As crianzas participantes aprenderán a elaborar un boneco de papel a partir de materiais de refugallo. Ademais, falarase das Xoubas e da pesca ao xeito, arte de pesca tradicional en Rianxo.

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: