Dieste, Lorca e os títeres de Latinoamérica protagonizan o xoves de Titiriberia

A regadora do Asubiote, de Viravolta Títeres

Rianxo, 25 de xullo de 2023.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta e a Deputación da Coruña, celebra en Rianxo até o domingo 30 de xullo a súa oitava edición. Neste 2023, o festival levará até o municipio rianxeiro 24 funcións, que correrán a cargo de 17 compañías e artistas procedentes de Galicia, Cataluña, Euskadi, Brasil e Portugal.

A programación continúa mañá xoves ás 12.00 horas no Centro Social da Atalaia, en Asados (Escolas Vellas), coa obra A regadora do asubiote. Esta montaxe de Viravolta Títeres ofrece unha revisión das orixes orais que deron pé á obra A nena que rega a alfabaca e o príncipe preguntón, de Federico García Lorca.

Ás 18.30 horas, na Praia de Tanxil, chegaralle á quenda á compañía vasca-nicaraguana Ostomila Títeres, que representará a montaxe Las aventuras del coyote y el conejo. A peza mestura dúas historias tradicionais do Pacífico nicaraguano dramatizadas mediante o teatro tradicional de monicreques. Os integrantes desta formación, Zoa Tamara Cuellar e Rubén Mejuto, protagonizarán unha sesión posfunción durante a que abordarán a tradición oral de Nicaragua.

Ás 20.00 horas, no Centro Sociocultural A Capela do Araño, acollerá a representación de Marieta e o Boi-Bumbá, da formación brasileiro-aragonesa Trapusteros Teatro. O espectáculo, pensado para o público familiar, preséntanos dous personaxes típicos do mamulengo, xénero do teatro popular do Brasil. Marieta é unha nena que vive nunha granxa cos seus pais e ten un boi pequecho chamado Bumbá. Un día Bumbá escapa. Así comeza esta historia que volverá representarse o venres en Taragoña.

Ás 21.30 horas, Trécola estreará no Auditorio de Rianxo a obra Coa música a outra parte. Trátase dunha farsa de monicreques tradicionais de cachaporra que enlaza catro historias a partir de obras de Rafael Dieste.

O programa do día complétase co obradoiro de monicreques que Titiriberia ofrece dentro do marco dos Campamentos de Verán do Concello de Rianxo. A cativada participante elaborará con materiais de refugallo os seus propios monicreques e realizarán unha dramatización.

Tamén che podería gostar...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: