Titiriberia repite éxito en Rianxo ao congregar 3.000 espectadores nunha semana

O xigante Barriga Verde

Rianxo, 31 de xullo de 2023.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta e a Deputación da Coruña, despediu o pasado domingo a súa oitava edición. Neste 2023, o cartel ofreceu ao longo dunha semana 24 funcións que correron a cargo de 17 compañías procedentes de Galicia, Cataluña, Euskadi, Brasil e Portugal.

O público rexistrado no conxunto de actividades situouse en 3.000 persoas, a incrementar as cifras de anteriores edicións: 2.700 en 2022 e as 1.300 da edición de 2021. Esta cifra inclúe, ademais dos espectadores reunidos nas representacións, os visitantes ás exposicións, os asistentes ás conferencias e os participantes nos diferentes obradoiros.

O festival rexistrou cheos na práctica totalidade das propostas gratuítas, a miúdo mesmo a superar a capacidade prevista. Tamén se verificou un importante impacto nas propostas que se desenvolveron nas parroquias rurais do concello, o que amosa un crecente interese xeral polas propostas deste programa.

Comba Campoi, directora do evento, destaca que “un ano mais fica comprobado o interese que a sociedade de Rianxo ten polo festival, cun incremento de público, un seguimento masivo das actividades e unha colaboración crecente”. “A nosa intención é que o festival continúe a medrar e a consolidarse como parte da axenda cultural de Rianxo, para o que agardamos seguir contando co apoio do Concello, da Deputación da Coruña e da Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)”, sinala Campoi. A organización sinalou que grazas a estes apoios artellouse “un programa de primeira calidade”. Neste senso, apuntou o interese da organización en “abrir aínda mais a cita á participación da sociedade rianxeira, a procurar colaboracións na organización e actividades que cheguen a novos públicos”. Campoi tamén apuntou a intención de seguir a vencellar o evento “ao patrimonio material e inmaterial local”.

Obradoiros e compañías

Titiriberia incluíu, como cada ano, obradoiros para a cativada dentro do programa de Campamentos de Verán do Concello de Rianxo, apoiando e colaborando a través da cultura coa liña de apoio á conciliación do consistorio. Máis dun cento de rapaces e rapazas participaron no obradoiro de creación de monicreques.

Ademais, no apartado de talleres, Titiriberia ofreceu un curso de formación para profesionais do sector escénico ao redor do mamulengo, xénero popular de monicreques do Brasil. O programa deste 2023 achegoulle ao público unha visión ben completa dos grandes nomes do noso teatro de monicreques. O cartel combinou formacións pioneiras dos bonecos en Galicia como son Os Monicreques de Kukas, Tanxarina, Trécola ou Viravolta con nomes consolidados con longa traxectoria como son A cova das Letras, Os monifates, Diáspora, Larraitz Producións Artísticas, Seisdedos ou Títeres Alakrán.

O cartel de funcións completouse coa concorrencia de compañías procedentes do exterior. Dende Portugal, participou Red Cloud Teatro de Marionetas; dende Cataluña, contouse coa participación dos titiriteiros Toni Rumbau e Eudald Ferré; dende Euskadi, chegou a compañía vasco-nicaragense Ostomila Títeres; e dende Aragón, a formación maño-brasileira Traspusteros, quen representou Marieta e o Boi Bumbá e impartiu o curso de formación.

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: