O festival de bonecos tradicionais traslada as súas datas á semana grande de agosto e contará este ano con máis de trinta actividades paralelas entre obradoiros, mostras, campamentos e conferencias.
O programa, que se dará a coñecer ao completo en próximas semanas, inclúe coproducións con formacións como Seisdedos Marionetas, Teatro Ariños, Títeres Alakrán, A Cova das Letras, Trécola, Ostomila Títeres ou Trécola Producións
Rianxo, 17 de xullo de 2024.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, muda este ano de datas: celebrarase entre o 12 e 18 de agosto. Con este traslado no calendario, o festival desenvolverase nunha das semanas de máxima afluencia de visitantes en Rianxo. Deste xeito, Titiriberia ampliará o seu alcance ao reatoparse tanto co público rianxeiro como co procedente do exterior converténdose nun reclamo estival máis da localidade.
Como aperitivo da súa novena edición, Titiriberia inaugurará este venres a súa exposición de escaparates que, baixo o título Marionetas do Mundo, decorará os comercios de Rianxo grazas á colaboración da Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE). A mostra confórmase con exemplares da ampla colección de Viravolta Títeres, unha das compañías de referencia histórica para o sector galego dos monicreques ao superar xa os corenta anos de traxectoria.
Unha decena de comercios acollerán nos seus escaparates as pezas de Viravolta: Don Dino, Cenor ROT, Europunto, Nenis, Costuras para soñar, Irazi, Zapaterías Marty, Pasarela Boutique, Peluquería David e Material de construción e ferraxería Luis Vidal. En todos eles repartiranse figuras elaboradas por diferentes artesáns de todo o mundo. As tradicións titiriteiras de Europa, América Latina, India, China ou Turquía chegarán así a Rianxo.
A exposición incluirá un concurso. En cada escaparate agocharase unha figura de Lupe, a anfitrioa de Titiriberia. Quen a atope en, polo menos, seis dos escaparates poderá participar nun sorteo de produtos e agasallos do festival. As instrucións están dispoñibles na páxina web do festival e atoparase información en cada un dos comercios colaboradores.
Producións propias e sete coproducións
Titiriberia amosaralle ao público rianxeiro nesta novena edición dous espectáculos de produción propia e sete coprodución en colaboración con diferentes compañías e artistas. Regresará así o tradicional espectáculo As Varietés de Barriga Verde, sesión na que se reúnen cada ano espectáculos de diferentes disciplinas e artistas nun formato de variedades. A outra produción propia do festival será A feira vella. Nela recrearase unha feira tradicional, a combinar os entretementos interactivos con propostas escénicas para amosar unha colección de antigos xogos e atraccións de feiras tradicionais. Instalaranse na praza do Campo de Arriba e contará con dramatizacións en coprodución co grupo de Teatro Airiños (Os casos da Feira vella) ou con Seisdedos Marionetas (Cantar do ano de Rianxo) Precisamente, a compañía Seisdedos protagonizará outra das coproducións: Peito de Lobo, na que se adapta aos títeres de cachaporra o famoso personaxe inmortalizado por Castelao. As outras coproducións deste ano correrán a cargo da compañía A Cova das Letras, que lle brindará ao público Chafallas, a vendedora de fume; de Ostomila Títeres, que traerán ao galego o seu espectáculo Baleazaleak; de Trécola Producións, coa súa peza As aventuras de Pituquito, e de Títeres en solitario, co pasarrúas A vella do gaiteiro. O programa ao completo darase a coñecer en próximas semanas.