Titiriberia celebrará entre o 12 e 18 de agosto en Rianxo unha novena edición cunha trintena de funcións da man de 20 compañías

A República Checa será a gran protagonista internacional do festival neste 2024, ao contar cos especialistas checos Marie Jirásková e Pavel Jirásek. Os dous artistas ofrecerán un curso de formación e unha exposición no Auditorio de Rianxo con figuras históricas da tradición checa dos monicreques

Viravolta Títeres, Teatro ao Cubo e o Centro Dramático Galego, Títeres Alakrán, Teatro Airiños ou Trécola son algúns dos nomes galegos dun cartel que inclúe tamén formacións procedentes de Andalucía, Madrid, Euskadi e Portugal.

Programa completo do IX Titiriberia

Rianxo, 2 de agosto de 2024.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, celebrarase entre o 12 e 18 de agosto cun cartel que inclúe 30 funcións da man de 20 compañías, ademais de obradoiros, mesas redondas e proxeccións. Este ano Titiriberia terá como gran convidada internacional a República Checa, xa que o festival trae a Rianxo a tradición histórica dos monicreques checos da man de dous grandes especialistas do país centroeuropeo: Marie Jirásková e Pavel Jirásek. “Volvemos a Rianxo, volvemos ás súas rúas e ás súas praias cun festival que muda de datas para atoparse co público na semana grande do verán. Titiriberia volve un ano máis e faino cun programa que inclúe dúas producións propias e sete coproducións con diferentes compañías”, explicou Larraitz Urruzola, directora artística do festival, esta mañá nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo tenente de alcalde de Rianxo, Julio Alcalde; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González. 

Urruzola, ademais, sinalou que un dos pratos fortes deste Titiriberia será a chamada Feira Vella, unha recreación dunha feira tradicional na vila de Rianxo. Situado no Campo de Arriba, neste espazo incluiranse propostas escénicas xunto a unha colección de xogos antigos e atraccións de feira tradicionais. Entretementos tradicionais de puntaría como a ra e o pimpampún ou un teatriño con títeres estarán a disposición do público para uso libre. Esta feira acollerá unha exposición do creador Manuel Silva Bisgue, quen leva anos a fotografar as diferentes edicións de Titiriberia, e será o espazo para a estrea de diferentes coproducións escénicas do festival neste 2024. 

É o caso de obras como Peito de Lobo, da compañía Seisdedos; Os casos da Feira vella, de Teatro Airiños, ou Chafallas. A vendedora de fume, de A Cova das Letras. Outras coproducións do festival serán As aventuras de Pituquito, que Trécola Producións estreará na praia de Tanxil; A vella do gaiteiro, de Títeres Alakrán; Cantar do ano de Rianxo, tamén de Seisdedos, e Baleazaleak, obra dos vascos de Ostomila Títeres que trae ao galego esta montaxe do seu repertorio. Precisamente, Ostomila será a encargada de abrir o programa de sala o vindeiro luns 12 de agosto ás 11.30 horas cunha función no Auditorio de Rianxo. 

A estas coproducións cómpre sumarlles dúas producións propias que, un ano máis, Titiriberia lle ofrecerá ao público rianxeiro: As Variétes do Barriga Verde, espectáculo de variedades que evoca as actuacións que facía nas feiras a familia Silvent na súa barraca, e A Festa dos Títeres, pasarrúas que protagonizarán Vai de Roda, Viravolta e Os Quinquilláns. Esta ruada será o acto inaugural e partirá do Auditorio de Rianxo para percorrer Rianxo.   

Chequia e Portugal 

A gran protagonista internacional deste ano será a República Checa, grazas a presenza dos xa amentados Marie Jirásková e Pavel Jirásek. A súa participación en Titiriberia, que incluirá un curso de formación, unha exposición, visitas guiadas, presentacións de libros e unha sesión audiovisual, é posible grazas ao apoio e á colaboración do Ministerio de Cultura da República Checa a través do Plan Nacional de Renovación e os Fondos Next Generation da Unión Europea, da Embaixada da República Checa en España, do Centro Checo en Madrid e da Facultade de Teatro da Academia de Artes Escénicas Leoš Janáček (JAMU), de Brno. 

A presenza internacional do Festival de Titiriberia deste 2024 incluirá tamén a compañía Marionetas Rui Sousa. Esta formación portuguesa ofrecerá o seu espectáculo Dom Roberto, personaxe equivalente na tradición lusa ao Barriga Verde galego. Ademais, dende fóra de Galicia, chegarán até Rianxo compañías de Murcia (Los Claveles), Andalucía (Títeres desde Abajo), Madrid (La Tartana) ou Euskadi (Ostomila Títeres). Estas últimas formacións participarán na mostra grazas á colaboración do Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música (INAEM) e do Etxepare Euskal Institutua, respectivamente. 

A presenza galega complétase con outros nomes da nosa escena. Ademais dos xa citados, pasarán por Rianxo Os Monicreques de Kukas, Babaluva, Xirapaus, Pedras de Papel ou Teatro O Cubo, compañía que coproduce co Centro Dramático Galego o espectáculo De Vilatriste a Vilalegre. O programa complétase con outras actividades, entre as que destacan a mesa redonda que se celebrará baixo o título Os títeres o maior espectáculo do mundo, a mostra dos fondos da compañía Viravolta nos escaparates de dez comercios grazas á implicación de ARE (Asociación Rianxeira de Empresas) e obradoiros para a cativada. 

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: