As compañías Trécola, Seisdedos Marionetas, Airiños, A Cova das Letras ou Títeres Alakrán presentarán as súas novas obras durante o festival, que ofrecerá ademais novas entregas dos seus formatos propios: ‘As varietés de Barriga Verde’ e ‘A festa dos títeres’
Titiriberia celebrarase entre o 12 e o 18 de agosto en Rianxo, grazas á colaboración e ao patrocinio do Concello de Rianxo, da Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e da Deputación da Coruña
Rianxo, 7 de agosto de 2024.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, celebrarase entre o 12 e 18 de agosto cun cartel que inclúe 30 funcións da man de 20 compañías. Dentro deste amplo programa, o festival conta cun total de dez estreas, entre os novos espectáculos que presentan as compañías participantes e as novas entregas que o festival ofrecerá de dous formatos que xa se converteron en toda unha tradición: As varietés de Barriga Verde e A Festa dos Títeres. Precisamente este último protagonizará a sesión inaugural o vindeiro luns ás 13.00 h. Vai de Roda, Viravolta e Os Quinquilláns xuntan forzas e talento neste pasarrúas que encherá de música, monicreques e cabezudos as rúas de Rianxo.
Tamén o luns terá lugar a segunda estrea desta novena edición da man da compañía vasca Ostomila Títeres, que en coprodución con Titiriberia trae ao galego a súa montaxe Baleazaleak. Esta peza repasa a epopea dos baleeiros vascos en Terranova e a conexión que realizaron coas comunidades mikmaq. Outra estrea deste 2024 terá como protagonistas estes grandes mamíferos mariños. Os Quinquilláns e Vai de Roda levarán a escena De como chegou a Rianxo unha balea, baseado nun conto de Rafael Dieste. Trátase dun espectáculo itinerante que poderemos ver o vindeiro mércores e que terá como punto de partida o Campo de Arriba.
Este lugar acollerá ao longo do festival a Feira Vella, un espazo no que Titiriberia recreará as feiras tradicionais ao combinar xogos tradicionais, entretementos clásicos e espectáculos. Varias das estreas celebraranse neste enclave. Así, Teatro Airiños dará a coñecer Os casos da Feira Vella o martes 13 e Seisdedos presentará o xoves ás 21.00 horas a obra Peito de lobo, baseado nesta personaxe que Castelao inmortalizou en Cousas. Por este mesmo escenario tamén pasará A cova das letras para estrear Chafallas. A vendedora de fume o venres 16 e o sábado 17 ás 13.00 horas.
A praia de Tanxil tamén acollerá unha estrea nesta novena edición do Titiriberia. Trécola presentará o mércores 14 ás 13.00 horas a súa obra As aventuras de Pituquito. Pola súa banda, Seisdedos escollerá a Praza Castelao como punto de partida para a súa nova montaxe: Cantar do ano de Rianxo. A compañía recreará o mércores 14 ás 20.30 horas un cantar de cego que narra unha selección de feitos destacados da actualidade rianxeira dende a última edición do festival. Títeres Alakrán tamén escolle o formato itinerante para a súa nova montaxe: A vella do gaiteiro. A obra está pensada para pasarrúas e emprega unha figura tallada para crear a ilusión dunha señora a portar un gaiteiro nun cesto. Poderemos velo dende o paseo da Ribeira até o Campo de Arriba o sábado e o domingo ás 12.30 horas.
A estas montaxes, coproducidas todas elas polo festival, cómpre sumarlles As varietés de Barriga Verde. Esta produción propia de Titiriberia sairá este ano do Auditorio para reinventarse no Campo de Arriba. O espectáculo de varietés do Titiriberia pretende revivir, desde unha óptica actual, o espectáculo que a familia Silvent realizaba na súa barraca de xeito previo ao número dos monicreques. Para a montaxe cóntase con profesionais con ampla traxectoria en Galicia, ademais de novas compañías no campo dos títeres. Nomes como Ura Vázquez García, Títeres Alakrán, as propostas cómicas de Teatro Airiños, Trécola Producións e a música do cuarteto da Escola de Música de Rianxo intégranse nesta proposta.