Titiriberia arrinca mañá luns co pasarrúas inaugural ‘A festa dos títeres’ e coa apertura da mostra de monicreques históricos checos

A compañía vasca Ostomila Títeres presentará o seu espectáculo ‘Baleazaleak’ en galego e o Auditorio de Rianxo acollerá ás 17.30 horas unha mesa redonda ao redor da época de maior esplendor da arte dos títeres

Rianxo, 11 de agosto de 2024.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, celebra en Rianxo a súa novena edición dende mañá até o domingo 18 de agosto. O cartel arrinca este luns con dúas estreas, a inauguración dunha exposición sobre monicreques históricos da República Checa e unha mesa redonda. 

Ás 11.30 horas comezará no Auditorio de Rianxo a programación de sala con Baleazaleak, obra de Ostomila Títeres. A compañía vasco-nicaraguana regresa a Titiriberia con esta ambiciosa produción, da que nos achega a estrea en galego, e que conecta co carácter mariñeiro de Rianxo. Baleazaleak repasa a epopea dos baleeiros vascos en Terranova e a conexión que realizaron coas comunidades Mikmaq desta zona a través da viaxe de Elaia e do seu cadelo. Ostomila chega a Rianxo grazas á colaboración do Etxepare Euskal Institutua. 

Ás 13.00 horas celebrarase o pasarrúas inaugural deste Titiriberia 2024. A Festa dos títeres achegará música e espectáculo á vila coa formación Vai de Roda, cos peixes xigantes de Os Quinquilláns e os bonecos de  Viravolta. Conformarán un desfile que representará diferentes escenas no seu percorrido animando as rúas de Rianxo desde o Auditorio ata a Martela, pasando pola praza Castelao e polo paseo da Ribeira.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas, celebrarase no Auditorio de Rianxo unha mesa redonda sobre o período de maior esplendor da arte dos títeres. Entre finais do século XIX e comezos do XX grandes compañías chegaron a ocupar trens enteiros e a realizar xiras internacionais. Participarán os investigadores Xesús Torres Regueiro, Adolfo Ayuso e Comba Campoi. Modera a xornalista Montse Dopico. 

Desde a República Checa

O Auditorio de Rianxo ás 19.30 horas acollerá a inauguración da mostra Títeres históricos checos da Colección de Marie e Pavel Jiráskovi, que se poderá ver até o 18 de agosto. A participación destes dous reputados especialistas en Titiriberia é posible grazas ao apoio e á colaboración do Ministerio de Cultura da República Checa a través do Plan Nacional de Renovación e os Fondos Next Generation da Unión Europea, da Embaixada da República Checa en España, do Centro Checo en Madrid e da Facultade de Teatro da Academia de Artes Escénicas Leoš Janáček (JAMU), de Brno. 

Marie Jirásková (1964) é deseñadora de escenografía e vestiario, especialista en títeres e artista plástica. Mestura o seu labor artístico coa docencia destas disciplinas, ademais de cultivar unha recoñecida traxectoria como especialista do monicreque checo. Pola súa banda, Pavel Jirásek (1963) é músico, escritor, guionista e director de cinema. Combina o seu traballo creativo e de coleccionista coa docencia e traballos na Televisión Nacional Checa (Česká televize), onde realiza programas e documentais de carácter cultural.

Tamén che podería gostar...

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: