As compañías galegas Seisdedos e Trécola estrean novas montaxes nunha terceira xornada que lle ofrece ao público un total de seis sesións
Rianxo, 13 de agosto de 2024.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, celebra en Rianxo a súa novena edición até o domingo 18 de agosto. O programa para este mércores inclúe, entre outras actividades, xogos tradicionais na Feira Vella, dúas estreas, ou unha sesión audiovisual cos especialistas checos Marie Jirásková e Pavel Jirásek. A xornada arrincará ás 13.00 horas na Praia de Tanxil. A esa hora, Trécola Producións estrará en coprodución con Titiriberia As aventuras de Pituquito. A veterana compañía galega incorpora un novo personaxe ao repertorio galego de títeres de cachaporra. A montaxe adapta esta centenaria tradición escénica a tempos actuais e enfronta o seu protagonista con problemas inéditos. Pituquito loitará “contra a avaricia, contra quen pretende destruír a natureza ou minguar a liberdade das persoas do mundo mundial” nunha serie de encontros nos que non faltan anxos, demos, xabarís ou mesmo a propia morte.Ás 17.30 horas, o Auditorio de Rianxo acollerá a proxección Os títeres de tradición centroeuropea no audiovisual. Esta proxección audiovisual amosa filmacións de diferentes títeres históricos checos comentadas por parte da familia Jiráskovi. Nos mesmos, repásase a estética e a técnica de manipulación centroeuropea, en versión orixinal con tradución ao castelán. Ao remate da actividade a investigadora Marie Jirásková presentará os catro libros que realizou sobre a colección familiar de títeres históricos, unha auténtica panorámica sobre as formas e contidos desta tradición que permite achegarse de xeito único ao traballo de investigación que desenvolveu arredor deste patrimonio. A participación de Marie Jirásková e Pavel Jirásek en Titiriberia é posible grazas ao apoio e á colaboración do Ministerio de Cultura da República Checa a través do Plan Nacional de Renovación e os Fondos Next Generation da Unión Europea, da Embaixada da República Checa en España, do Centro Checo en Madrid e da Facultade de Teatro da Academia de Artes Escénicas Leoš Janáček (JAMU), de Brno. O Dom RobertoO Centro Sociocultural A Capela-Araño recibirá ás 20.00 horas a Marionetas Rui Sousa e o seu espectáculo Teatro Dom Roberto. Esta anovadora perspectiva do títere popular portugués por excelencia, o teatro dos Robertos, visita o festival. Os familiares máis achegados de Barriga Verde amosan os seus números clásicos O Castelo Assombrado, O Barbeiro e a Tourada. Rui Sousa é un dos máis recoñecidos manipuladores e mantén vivo este patrimonio escénico en Portugal. Ás 20.30 horas, a Feira Vella volverá ser o epicentro da actividade do Titiriberia. Con este espazo, situado no Campo de Arriba, Titiriberia quere recrear as feiras antigas. Con ese obxectivo, ofrece unha nova sesión de Xogos da feira vella da man de Viravolta e Pedras de Papel. Ademais, a esa hora sairá do Campo de Arriba a última obra da xornada: Cantar do ano de Rianxo. Este espectáculo itinerante de Seisdedos Marionetas constitúe un cantar de cego que narra unha selección de feitos destacados da actualidade rianxeira desde a última edición do festival.Para rematar a xornada, ás 21.30 horas e tamén no Campo de Arriba, a compañía Babaluva ofrece o espectáculo A filla do Cacharulo. Un posto de feira é o escenario desta función na que a manipuladora representa unha artesá a vender as súas figuras de decoración ao xeito dunha peixeira. Historias de temática mariñeira conectadas co carácter da vila de Rianxo compoñen o espectáculo.