As compañía portuguesa as Marionetas Rui Sousa, a galega Os monicreques de Kukas e a murciana Los Claveles tamén actúan mañá venres, unha xornada que lle brinda ao público un total de cinco funcións e unha nova sesión de ‘Xogos na Feira vella’
Rianxo, 14 de agosto de 2024.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, celebra en Rianxo a súa novena edición até o domingo 18 de agosto. O programa para mañá inclúe cinco funcións, entre elas a estra de Peito de Lobo, e unha nova sesión de Xogos na Feira Vella. A actividade arrincará ás 12.00 horas na Praia de Tanxil con De Vilatriste a Vilalegre, coprodución do Teatro O Cubo e o Centro Dramático Galego (CDG) que se encadra na programación da institución de teatro público para o seu 40º aniversario. A mudanza social na Galicia rural, os superpoderes e os 40 anos do CDG mestúranse na nova proposta de monicreques e traballo actoral da compañía de Sofía Espiñeira e Roberto Casal. A odisea dos novos habitantes de Vilatriste que se enfrontan ao malvado alcalde cuns estraños superpoderes é o eixe desta comedia para todas as idades. Unha proposta que a compañía desenvolve sobre dramaturxia de Roi Vidal. Unha hora despois, ás 13.00 horas, o Campo do Souto-Isorna recibe a Marionetas Rui Sousa, que representará o seu espectáculo Teatro Dom Roberto. Esta anovadora perspectiva do títere popular portugués por excelencia, o teatro dos Robertos, visita o festival. Os familiares máis achegados de Barriga Verde amosan os seus números clásicos O Castelo Assombrado, O Barbeiro e a Tourada. Rui Sousa é un dos máis recoñecidos manipuladores e mantén vivo este patrimonio escénico en Portugal.Na Feira VellaEntre as 20.30 e as 22.30 horas, a actividade de Titiriberia regresará ao Campo de Arriba. Nese horario, Viravolta e Pedras de Papel ofreceranlle ao público unha nova sesión d’Os xogos da Feira vella. Ás 20.30 horas, no mesmo espazo, a histórica compañía galega Os monicreques de Kukas representará as pezas Tutilimundos: SOS e Gernika. Kukas achéganos así o teatro máis pequeno do mundo. O Lambe Lambe, que acolle unicamente a 1 ou 2 espectadores de cada vez, permite ver ao vivo micro espectáculos de títeres. As montaxes SOS Emerxencia Ambiental e Gernika combinan a maxia dos títeres con mensaxes a prol da paz e do medio ambiente.Ás 21.00 horas, tamén no Campo de Arriba, Seisdedos estreará Peito de Lobo, un espectáculo de monicreques de cachaporra que leva a escena a historia deste personaxe que foi inmortalizado por Castelao en Cousas. Para rematar a xornada na Feira Vella, ás 22.30 horas, a compañía murciana Los Claveles presenta a súa versión de El Retablillo de don Cristóbal, lembrada obra de monicreques escrita por Federico García Lorca.