Barriga Verde, gran protagonista de venres en Titiriberia

Títeres Alakrán paseará polas rúas de Rianxo co seu espectáculo itinerante ‘O xigante Barriga Verde’, Larraitz Urruzola representará a súa peza ‘Dona Barriga Verde’ e á noite celebrarase unha nova edición d’As varietés de Barriga Verde

O cartel do venres complétase coa estrea de ‘Chafallas. A vendedora de fume’, de A Cova das letras; un pase de ‘Cuentos Mágicos.Kamishibai’, da compañía murciana Los Claveles, e con dúas sesións de ‘Xogos da Feira Vella’

Rianxo, 15 de agosto de 2024.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, celebra en Rianxo a súa novena edición até o domingo 18 de agosto. O programa para este venres inclúe cinco funcións e dúas novas sesións de xogos tradicionais na Feira Vella, situada no Campo de Arriba. Ás 12.00 horas, no Parque de Santa Lucía, en Asados, representarase Dona Barriga Verde, espectáculo da compañía Larraitz Produccións Artísticas. Esta obra de títere de cachaporra integra elementos do Barriga Verde do noso país con préstamos doutras tradicións titiriteiras europeas. Os paisanos, o demo ou a morte atópanse en escena co crocodilo ou o bebé, habituais do Punch Inglés. E todo cunha gran particularidade: a de desafiar as convencións do xénero, xa que por vez primeira, Barriga Verde, a protagonista da obra, é unha muller.Ás 12.00 horas, Títeres Alakrán daralle inicio ao percorrido da súa obra O xigante Barriga Verde, unha coprodución desta compañía galega con Titiriberia que recunca por segundo ano no programa. Este espectáculo itinerante, que consiste nunha reprodución de gran tamaño de Barriga Verde cun pequeno teatriño incorporado, renóvase neste ano ao ofrecer novas interaccións co público e números diferentes aos vistos na edición de 2023. Sirá do paseo da Ribeira e chegará ao Campo de Arriba. A terceira montaxe relacionada co histórico personaxe da tradición galega dos títeres chegará ás 22.00 horas no Campo de Arriba. A esa hora, no espazo da Feira Vella, celebrarase As Varietés de Barriga Verde. Esta produción propia de Titiriberia pretende revivir, desde unha óptica actual, o espectáculo que a familia Silvent realizaba na súa barraca de xeito previo ao número dos monicreques. Para a montaxe cóntase con profesionais con ampla traxectoria en Galicia, ademais de novas compañías no campo dos títeres. Nomes como Ura Vázquez García, Títeres Alakrán, as propostas cómicas de Teatro Airiños, Trécola Producións e a música do cuarteto da Escola de Música de Rianxo intégranse nesta proposta que sae do Auditorio Municipal para dinamizar o Campo de Arriba de Rianxo con nocturnidade e aleivosía.Estrea de A cova das Letras.Ás 13.00 horas, chegará outra das estreas desta novena edición de Titiriberia: A cova das letras representará, no Campo de Arriba, a súa obra Chafallas. A vendedora de fume. Nesta homenaxe aos oficios errantes, A cova das letras presenta una obra protagonizada por unha narradora que leva a súa casa ás costas. Pola súa banda, ás 18.30 horas, a compañía murciana Los Claveles representará Cuentos mágicos. Khamishibai na Praia de Tanxil. O kamishibai é unha forma de espectáculo con orixe en Xapón que utiliza ilustracións para narrar unha historia nun teatriño de madeira. Cando esta caixa abre, crea un escenario que reúne a audiencia ao seu redor. Todo o mundo está atento porque o debuxo impreso na lámina que vemos pónnos en antecedentes, introdúcenos na escena: queremos escoitar o que vai pasar. O programa deste venres complétase cunha dupla sesión de Xogos na Feira Vella, da man de Viravolta e Pedras de papel. Celebraranse no Campo de Arriba entre as 12 e as 14 horas e de 20.30 a 22.30 horas. Para máis informaciónAlberto RamosTLF: 653 78 28 38a.ramos.rios@gmail.com

Tamén che podería gostar...

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: