‘A vella do gaiteiro’, de Títeres Alakrán, protagoniza sábado o Titiriberia

O cartel da penúltima xornada do festival inclúe tamén pases de ‘Chafallas. A vendedora de fume’, da compañía A cova das letras; A filla do cacharulo, de Títeres Babaluva, e ‘Barriga Verde’, de Viravolta Títeres.

Rianxo, 16 de agosto de 2024.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, celebra en Rianxo a súa novena edición até o domingo 18 de agosto. O programa para este sábado inclúe catro funcións de compañías galegas. 

A xornada abrirá cunha estrea: Títeres Alakrán dará a coñecer o seu novo espectáculo itinerante, titulado A vella do gaiteiro. Esta montaxe de Títeres Alakrán, especialmente pensada para pasarrúas, emprega unha figura tallada para crear a ilusión dunha señora a portar un gaiteiro nun cesto. A música que interpreta este acompáñase de diálogos cómicos e dramatizacións coa figura a xerar asombro e risos entre o público. Será ás 12.30 horas e o seu percorrido abranguerá dende o Paseo da Ribeira ao Campo de Arriba. 

Ás 13.00 horas, no Campo de Arriba, A Cova das Letras ofrecerá un novo pase de Chafallas. A vendedora de fume. Trátase dunha homenaxe aos oficios errantes no que esta compañía galega presente unha obra protagonizada por unha narradora que leva a súa casa ás costas. Reinterpretacións de cantigas tradicionais, títeres de luva e manipulación de obxectos fusiónanse nun espectáculo cheo de sorpresas. 

En Tanxil e Leiro

Ás 18.30 horas, na Praia de Tanxil, chegaralle a quenda a Títeres Babaluva, que ofrecerá un novo pase da súa obra A filla do Cacharulo. Un posto de feira é o escenario desta función na que a manipuladora representa unha artesá a vender as súas figuras de decoración ao xeito dunha peixeira. Historias de temática mariñeira conectadas co carácter da vila de Rianxo compoñen un espectáculo no que se combinan fábulas ou a adaptación do conto O peixe luminoso, recollido por Italo Calvino, mediante os títeres 

Para rematar o día, Viravolta Títeres representará ás 20.00 horas no Centro Cultural Vicente Vidal de Leiro a súa peza Barriga Verde. A mesturar a tradición do títere galego coa  europea, a compañía recrea, logo dunha exhaustiva investigación, o espectáculo que a familia Silvent levaba de feira en feira durante a primeira metade do século XX. A montaxe presenta cinco situacións que Barriga Verde, na compañía da súa cachaporra, resolve dun xeito que incomoda ao Demo, ao ver o seu inferno cheo de personaxes que non lle son gratos.

 

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: