Cantar do ano de Rianxo 2024

O cego de Seisdedos a cantar o romance. Fotografía de Manuel Silva Bisgue

Velaquí o texto completo do Cantar do Ano de Rianxo, realizado de xeito específico para esta edición do Titiriberia e que foi interpretado por Seisdedos Marionetas Tradicionais na Feira Vella.

Que se faga xa o silencio
como se pasase un anxo
que agora imos repasar
o que aconteceu en Rianxo

O que pasou en decembro
éche o mesmo que en xaneiro
haiche xente sen traballo
e haiche xente con diñeiro

Algo que aquí tamén pasa
e que ten o seu carallo
é o de haber xente con cartos
que nunca tivo traballo

Haiche cousas que non cambian
Sonche o pan de cada día
O de subiren os prezos
E haber choques na autovía

E estreamos un goberno
chegado da oposición
non está a cousa moi clara
seica xa houbo moción

Tívoche emoción a cousa
ata o último momento
non sabiamos se ían
aprobar os orzamentos

Tán as contas aprobadas
e a ver se as deixaron cheas
que para tapar fochancas
compren cartos a moreas

Hai que gastar en servizos
e en atender as parroquias
e meter mais en cultura
Que non nola deixen coxa

E chega o verán e de novo
turistas a troche e moche
xa verás como aínda a algún
lle leva a marea o coche

Pero non está todo amañado
para atender os señores
seica botaron un peido
aló na praia da Torre

A auga estache ben quente
Porque os turistan non marchan
Hai algún que ha durmire
Nun palleiro ou nunha lancha

Ultimamente no mar
De todo hai que non int’resa
aparecen os pelletes””
mais marcharon as ameixas

Onde andará ese marisco
xa non cho hai coma antes
ainda iria de turismo
para a banda de Alacante

E se vos con todo isto
Non vedes a ria fermosa
Tade tranquilos que agora
Póñenvos a celulosa

Houbo quen foi a xuizo
Isto estáche xa moi negro
Para conseguir do sergas
Que o atendan en galego

E ao longo de todo o ano
Haiche contos a moreas
Pero temos que ir parando
Que xa nos colle a marea

Algunhas cousas que pasaron
E outras máis que van pasar
E para o ano que ven
Viremosvolas contar

Ou sexa que aqui acabamos
Ogallá gustase a leria
Sigan vostedes atentos
Que segue o Titiriberia

Tamén che podería gostar...

A %d blogueros les gusta esto: