Titiriberia estreará en Rianxo sete novos espectáculos na súa décima edición

Un momento do Titiriberia 2024

As compañías A Cova das Letras, Seisdedos Marionetas Tradicionais, Trécola Producións e Teatro Airiños darán a coñecer as súas novas propostas. Ademais, o Festival Titiriberia produce dous espectáculos colectivos no que interveñen diferentes compañías e artistas que forman parte do programa: ‘As varietés de Barriga Verde’ e ‘A Festa dos Títeres’

Títeres Alakrán protagoniza este ano a xa tradicional exposición en escaparates de Rianxo que organiza Titiriberia en colaboración  coa Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE). A mostra repasa os 25 anos de traxectoria da compañía

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2025.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o INAEM, celebrará en Rianxo a súa décima edición entre o 12 e 17 de agosto. Este ano, o programa incluirá sete estreas absolutas, das cales cinco son as novas propostas escénicas de catro compañías galegas. As outras dúas son montaxes colectivas producidas polo propio festival nos que participan diversas formación e artistas que actúan este ano no Titiriberia.  

A primeira estrea chegará o martes 12 de agosto ás 12.00 horas: A festa dos títeres. Trátase dun pasarrúas inaugural producido polo propio festival e que inclúe a participación de Viravolta, Títeres Alakrán e da formación musical Vai de Roda. O seu punto de partida será o Auditorio de Rianxo e circulará polas rúas e prazas da localidade. O xoves 14 chegaralle a quenda á segunda produción propia de Titiriberia: As varietés de Barriga Verde, un espectáculo de variedades pensado para o todos os públicos que se celebrará ás 22.00 horas no Campo de Arriba. 

No apartado de estreas das compañías, a primeira en presentar o seu espectáculo será Trécola, que dará a coñecer ao público rianxeiro a súa obra Pituquito Literal no Parque de Santa Lucía, en Asados, o xoves 14 de agosto ás 11.00 horas. Xa o día seguinte, na praia de Tanxil ás 13.00 horas, A Cova das Letras representará Costureiriña bonita. O sábado 16, Seisdedos Marionetas tradicionais presentará dúas novas propostas: Teatro de mochila, que se poderá ver no Campo de arriba ás 12.30 horas, e Cantar do ano, que estará no mesmo espazo ás 20.00 horas. Por último, o grupo de Teatro Airiños actuará, tamén o sábado no Campo de arriba ás 12.00 horas, coa súa nova edición Os casos da Feira Vella

Exposición

Un ano máis, Titiriberia colabora co comercio local da man da Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE). E faino cunha nova exposición que encherá de monicreques os escaparates dun total de dez establecementos en Rianxo: Don Dino, Cenor ROT, Óptica Rianxo, Nenis, Costuras para Soñar, Irazi, Zapaterías Marty, Material de Construción e ferraxería Luis Vidal, Peluquería Imperial e Estanco Xacobiño. Nestes locais distribuirase a mostra 25 anos de Títeres Alakrán, compañía galega referente no noso teatro. Alakrán, ademais de amosar as súas creacións a través desta mostra, participa no programa desta décima edición de Titiriberia con dous espectáculos: O Xigante Barriga Verde e A vella do gaiteiro. A exposición, que xa está aberta nos establecementos citados, permanecerá aberta até o 18 de agosto. 

Tamén che podería gostar...