Un total de 19 compañías ofrecerán unha trintena de funcións durante o X Titiriberia

Seis formacións estrearán espectáculos neste festival, que conta coa participación de nomes galegos como son Títeres Alakrán, Os Monicreques de Kukas, Viravolta, Trécola, Nao Caracola ou Seisdedos

O programa da mostra, que se desenvolve do 12 ao 17 de agosto, inclúe compañías de Portugal (Red Cloud), Aragón (Teatro Arbolé), Euskadi (Tenderete e Toti Martínez de Lecea, Gorka Hermosa e Edurne Zabalo), Navarra (Firulete) e Valencia (El Ball de Sant VIto)


Rianxo, 5 de agosto de 2025.-

O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o INAEM, celebrarase entre o 12 e 17 de agosto cun cartel que inclúe unha trintena de funcións. En total, serán 19 compañías as que participen no programa de Titiriberia este ano para conmemorar os dez anos de traxectoria deste festival. Formacións procedentes de Galicia, Navarra, Euskadi, Aragón, Valencia e Portugal brindaranlle ao público rianxeiro unha ampla radiografía do xénero dos monicreques tradicionais que, hoxe por hoxe, se está a cultivar na Península Ibérica.


Titiriberia, neste 2025, acollerá un total de seis estreas no seu programa, catro pertencen a compañías e outros dúas producións propias do festival. Estaba previsto, tal e como xa se anunciara, que o histórico grupo de Teatro Airiños participase un ano máis en Titiriberia cunha estrea, mais por baixas imprevistas na formación de última hora non será posible. Así o explicou esta mañá a coordinadora artística do festival, Larraitz Urruzola, que presentou o programa completo desta edición en compaña de Julio Alcalde, concelleiro de Cultura de Rianxo; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña.


Dúas destas obras inéditas pertencen á compañía galega Seisdedos: Teatro de mochila, que se poderá ver no Campo de arriba o sábado 16 ás 12.00 horas, e Cantar do ano, que estará no mesmo espazo o mesmo día ás 20.00 horas. Trécola, pola súa banda, dará a coñecer ao público rianxeiro a súa obra Pituquito Literal no Parque de Santa Lucía, en Asados, o xoves 14 de agosto ás 11.00 horas. Xa o día seguinte, na praia de Tanxil ás 13.00 horas, A Cova das Letras representará Costureiriña bonita

Producións propias
Titiribeira produce, como cada ano, dous espectáculos colectivos de factura propia. O primeiro deles poderase ver o martes 12 pola mañá e servirá para inaugurar a programación deste 2025 de forma oficial: A festa dos títeres. Trátase dunha montaxe itinerante que partirá do Auditorio de Rianxo para percorrer as rúas e prazas da localidade. Actúan nesta obra as formacións Vai de Roda, Viravolta e Títeres Alakrán. O xoves ás 22.30 horas, no Campo de Arriba, chegaralle a quenda a As varietés de Barriga Verde, un espectáculo de variedades para todos os públicos que conducirá este ano Raquel López Cendán e durante o cal actuarán, entre outros artistas, a compañía lusa Red Cloud Marionetas, o actor e titiriteiro Santi Prego, a formación galega Trécola Producións ou o cuarteto da Escola de Música de Rianxo.


Campo de Arriba e o Auditorio
Titiriberia aposta un ano máis pola descentralización do seu programa, de xeito que varias funcións se celebran en parroquias como Leiro, Asados, Taragoña, Isorna ou Araño e en lugares emblemáticos do concello como é a praia de Tanxil. Malia todo, dous lugares convértense nos centros neurálxicos do festival: o Auditorio Municipal e o Campo de Arriba. Polo primeiro destes espazos, que acolle as dúas únicas funcións de pagamento desta edición, pasarán as compañías Nao Caracola, coa súa montaxe Esperta o Rinoceronte o martes 12, e Red Cloud, que actuará coa súa obra Bonecos -dirixida por Quico Cadaval- o venres 15 ás 21.00 horas.


O Auditorio Municipal acollerá, ademais, unha función gratuíta para bebés (Alfombra máxica, de Babaluva), a palestra O cego dos monifates con Anxo García e Comba Campoi, o curso de formación sobre a farsa impartido por Santi Prego e catro das cinco exposicións que ofrece este ano Titiriberia: a primeira delas sobre a traxectoria Monicreques de Kukas e as outras son mostras didácticas sobre Barriga Verde, a familia Silvent e a familia teatral do títere europeo. Completan o apartado expositivo deste ano a exposición de Títeres Alakrán nos escaparates dos comercios adheridos a ARE (Asociación Rianxeira de Empresarios) e a fotográfica de Manuel Silva Bisgue ao redor da historia do propio festival.


Este última poderase ver na Feira Vella, o espazo que Titiriberia manterá ao longo da semana no Campo de Arriba e polo que pasarán parte das compañías que veñen de fóra de Galicia. É o caso das vascas Tenderete e Toti Martínez de Lecea, Gorka Hermosa e Edurne Zabalo ou da portuguesa Red Cloud. Na praia de Tanxil actuarán, pola súa banda, o resto de formacións procedentes do exterior: a navarra Teatro Firulete, a valenciana O Ball de Sant Vito ou a aragonesa Teatro Arbolé.
A representación galega en Titiriberia está conformada por Diáspora, Tanxarina, Larraitz Producións Artísticas e Laboratorio Fantoche, ademais de polas xa citadas Trécola Producións, A Cova das Letras, Seisdedos, Alakrán, Babaluva, Nao Caracola, Viravolta e Os Monicreques de Kukas.

Tamén che podería gostar...