Os romances do X Titiriberia

A última edición do Titiriberia levou a escena dous novos romance ao xeito dos cegos que percorrían as feiras antano. Seisdedos Marionetas Tradicionais recitou a segunda xeira do Cantar do Ano de Rianxo, que repasa a actualidade da vila en ton irónico, e presentou unha nova composición, o Romance do dedo. Esta peza, baseada como era tradición nun caso real que obtivo certo eco mediático, e cuxos protagonistas tomaron o caso con grande sentido do humor.

Achegamos agora as dúas composicións íntegras, elaborada en coprodución entre Morreu o Demo e Seisdedos Marionetas Tradicionais.

Romance do dedo (en pdf) aquí

Cantar do ano de Rianxo 2025

Que se faga xa o silencio
como se pasase un anxo
que agora imos repasar
o que aconteceu en Rianxo

E aínda veu algo novo
que xa non era sen tempo
acabaron de amañare
noso pazo do Martelo

Houbo como cada ano
quen naceu e quen finou
foiche grande pena o irse
o bo gaiteiro Carou

É-che bo signo dos tempos
e acábannos coa paciencia
que nos deixan sen pediatra
e anuncian a residencia

Haiche moito vello solto
e poucos nenos na cuna
se non muda ben a cousa
van ter que ampliar La Luna

Puxeron luces no porto
que alumean ben o mar
para ver que non hai marisco
nin fai falta se mollar

Non dá para apañar ameixas
morre todo xa na area
só se vai poder vender
o tabaco de batea

Pero ficade tranquilos
que o mar non fica vacío
xa andan a ampliar o náutico
prós iates dos señoritos

E con falta de marisco
Onde van as conserveiras?
A Miramar tivo un lume
Que case a levou enteira

Andan os pisos turísticos
a medrar por toda a vila
xa logo porán os hórreos
e as bateas prós turistas

E mentres os que traballan
non teñen para o alugueiro
vai haber que ir vivir
para o camping o ano enteiro

E disque vai ben o paro
no medio desta canción
mais para que quede claro
nós lembramos: ALTRI NON!

Que nos van deixar o Ulla
feito todo un estropicio
e despois xa nin marisco
nin turistas, nin oficio

O que se nos dá moi ben
É o de criar xabaríns
Só hai que ver as que armaron
Nas súas visitas a Tanxil

Temos ano Castelao
grande e ilustre rianxeiro
moito se fala da vila
desde dezembro a xaneiro

E ben se merece a sona
que Rianxo vale un mundo
temos aquí persoeiros
para fachendear en Saturno

Gobernos e oposicións
continúan coas súas leas
a xente segue tirando
entre marea e marea

A crispación chega a cotas
non aínda chegara antes
e ata hai que facer acordo:
tamén somos emigrantes

No de investir en cultura
sigue sen haber maneira
para ver os espectáculos
ides ter que traer cadeira

Nós xa perdemos un día
Que non dá de si lombo
Para seguir co festival
Imos ter que roubar fondos

E imos ir xa calando
por se a alguén lle parez mal
quedan aínda monicreques
que mirar no festival

Ou sexa que aquí acabamos
Ogallá gustase a leria
fiquen vostedes atentos
Que segue o Titiriberia

Tamén che podería gostar...