Catro décadas de creación desta veterana compañía poden verse no Auditorio de Rianxo do 15 de xullo ao 3 de setembro
Unha das compañías decanas do teatro de obxectos de Galicia, Tanxarina, achega a esta edición do festival unha selección das pezas máis emblemáticas das súas catro décadas de carreira. Bonecos, teatriños, atrezzos, vídeos, fotografías e outros documentos propoñen un percorrido polas diferentes técnicas da arte dos monicrequeces, os materiais as diferentes formas estéticas e os recursos escénicos que a conforman a través da propia traxectoria da compañía.
A mostra, deseñada para ser interactiva e atractiva para públicos de todas as idades, achega unha oportunidade única para coñecer esta arte do teatro de monicreques e comprender a súa importancia como patrimonio cultural. Ademais do seu atractivo para o público familiar, a mostra achega dun xeito didáctico e ameno aspectos relacionados coa creación artística, a expresión escénica, a artesanía, a narración visual e a historia do teatro de monicreques.

Tanxarina é unha compañía de teatro de monicreques con sede en Redondela, que leva creando e presentando espectáculos innovadores e educativos para público infantil e familiar durante os últimos 40 anos. Ao longo da súa traxectoria, recibiu numerosos recoñecementos e premios.
No marco do programa do festival, membros de Tanxarina realizarán visitas guiadas á exposición os días 18, 20 e 21 de agosto ás 20 horas.




