O festival achega dúas exposicións que permanecerán abertas até setembro sobre as históricas compañías galegas Tanxarina e Trécola
Entre os días 18 e 23 de agosto, Titiriberia ofrecerá o seu cartel de espectáculos con compañías galegas, portuguesas e do resto da península Ibérica

A inscrición para o curso de formación co mestre luso José M. Valbom Gil, de S.A.Marionetas xa está aberta. O curso desenvolverase entre os días 21 e 23 de agosto e achegará nocións básicas do Teatro Dom Roberto, títere de cachaporra do país veciño estreitamente vinculado ao noso Barriga Verde
Rianxo, 13 de xullo de 2025.- O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o INAEM, celebrará en Rianxo este verán a súa undécima edición. A programación de espectáculos celebrarase entre os días 18 e 23 de agosto cun cartel que incluirá compañías galegas, portuguesas e do resto da península Ibérica. Pero xa neste mes de xullo, Titiriberia arrincará coa súa oferta expositiva, que se estenderá até entrado o mes de setembro. Nesta undécima edición, o festival porá o foco en dous grandes nomes da escena galega dos monicreques: Tanxarina e Trécola. Ambas as dúas mostras abrirán o vindeiro 15 de xullo e botarán o peche o 3 de setembro.
O Auditorio de Rianxo acollerá a mostra Tanxarina, 40 anos de monicreques. Esta histórica formación, fundada en 1983 e encabezada por Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, Miguel Borines e Andrés Giráldez, é unha das compañías decanas do teatro de obxectos de Galicia. A compañía achega a esta edición do festival unha selección das pezas máis emblemáticas das súas catro décadas de carreira. Bonecos, teatriños, atrezzos, vídeos, fotografías e outros documentos propoñen un percorrido polas diferentes técnicas da arte dos monicreque a través da propia traxectoria da compañía.
A mostra, deseñada para ser interactiva e atractiva para públicos de todas as idades, achega unha oportunidade única para coñecer esta arte do teatro de monicreques e comprender a súa importancia como patrimonio cultural. Os membros de Tanxarina realizarán visitas guiadas á exposición os días 18, 20 e 21 de agosto ás 20 horas.
Tamén o 15 de xullo abrirá a xa tradicional exposición de Marionetas nos escaparates, unha colaboración que desenvolve o festival con ARE (Asociación Rianxeira de Empresas) dende hai xa varios anos. Unha selección de pezas da compañía Trécola, referente dos monicreques galegos con 44 anos de historia, comporán escenas nos establecementos participantes na iniciativa. Un auténtico repaso pola evolución deste xénero escénico en Galicia da man de pezas de artesanía que aínda fan parte das montaxes deste grupo. Os locais participantes este ano son: Don Dino, Cenor ROT, Peluquería y Estética Obel, Nenis, Costuras para Soñar, Rous Multimarca, Zapaterías Marty, Material de construción e ferraxería Luis Vidal, Peluquería Imperial e Estanco Xacobiño.
Nesta exposición, un ano máis, desenvólvese o xogo Á procura de Lupe, a mestra de cerimonias do Titiriberia. Este personaxe gusta de xogar ás agachadas. O público pode percorrer os diferentes escaparates implicados e quen localice en seis deles a Lupe poderá entrar nun sorteo de produtos locais e camisetas do festival.
Formación
Cada ano, Titiriberia ofrece -tanto ao sector profesional como ao público afeccionado aos títeres- cursos de formación para achegarse a esta disciplina artística ao abeiro da Escola de Títeres Barriga Verde. Este ano impartirá un curso o mestre portugués José M. Valbom Gil, de S.A.Marionetas. Desenvolverase entre os días 21 e 23 de agosto e nel achegaranse nocións básicas do Teatro Dom Roberto, forma portuguesa do títere de cachaporra estreitamente vinculado ao noso Barriga Verde. O prazo de inscrición remata o 15 de agosto e xestiónase a través do correo electrónico info@barrigaverde.eu. Toda a información no web do festival: www.titiriberia.com.