Cantar do Ano de Rianxo 2026

Achegamos o texto íntegro do Cantar do Ano de Rianxo que interpretou Seisdedos Marionetas Tradicionais no Titiriberia 2026 e que se desenvolveu en colaboración coa AC Morreu o Demo

Que se faga xa o silencio
como se pasase un anxo
que agora imos repasar
o que aconteceu en Rianxo

Vimos outra vez este ano
que é ano de carallada
ou para que fique máis claro
un ano de Trumpallada

Este ano foi tranquilo
non mo tomedes a mal
pasarom ben menos cousas
que en Venezuela ou Irán

Ainda que tal como andamos
Calquer dia xa nos toca
e aparece por aí Trump
a apañar unhas miñocas

que a Trump non hai quen o coute
e non nos deixa descanso
aínda ha aparecer
calquer día por Rianxo

que como é cabezudo
e ten moita gana de leria
calquer día ímolo ver
abrindo o Titiriberia

Porque para levar ameixas
berberecho ou longueirón
estache a cousa ben crúa
non se apaña un patacón

E para rematar a cousa
e fodernos bem a todos
aló pola Illa de Sálvora
disque van botar uns lodos

A este paso e como andamos
sen miralo no zodiaco
xa digo que das bateas
só se vai sacar tabaco

E seica por Taragoña
Un perruqueiro parava
Que sempre che perguntaba
Queres que che faga raia?

Que nesta perrucaria
Eran autenticos xenios
toda a caspa que caía
ia pra engordar o xénero

Disque anda por Tanxil
Nova caste de sardiñas
Teñen cairos teñen serdas
E asustan ás veciñas.

Que xabalis haiche moitos
de catro e de dúas patas
ás vezes fai mais destrozos
o que bebeu unhas latas

Pero teñen por diante
Un pobo que é do mellor
Se non mirade as veciñas
Que atraparon un ladrón

Somos refuxio climático
e seguen a vir turistas
coa auga quente da praia
San Air Bnb nos asista

Que somos hospitalarios
pero andamos apertados
nas festas xa só dá o sítio
para bailarmos agarrados

A mocidade non para
e mirade vós que leria
ata andan de primeiros
na liga B de trainheiras

Non todo che son desgrazas
Para a xente do montón
Algún houbo aquí en Rianxo
Que levou o euromillón

Por como anda o gasoil
Imos a pasar apuros
Ainda haberá que entenderse
Coa trama de hidrocarburos

E non che foi pouca cousa
no medio de tanta trupe
Que nos trouxeron de volta
A Virxe de Guadalupe

Seica lle andan a facer
um lifting ao hórreo de Araño
que é o mais grande do país
a ver se xa fica claro

A ver se despois do hórreo
Amañanlle a casa a Dieste
Castelao, Manuel Antonio
non teñen museo que preste

E tamén temos fechado
Este pazo do Martelo
E o museo do mar en obras
Isto dá peniña velo

e se me permiten vostedes
collo a pucha e vou marchar
que me chegaron co conto
que o Trump me anda a buscar

Ou sexa que aquí acabamos
Ogallá gustase a leria
fiquen vostedes atentos
Que segue o Titiriberia

Tamén che podería gostar...

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.