Titiriberia 2016. Olladas sobre os cristovos
Presentamos o programa da primeira edición de Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, festival dedicado aos títeres tradicionais único da súa natureza en Galiza e no Estado, que queremos celebrar os días 7, 8 e 9 de decembro.
Durante estes tres días poderemos gozar de espectáculos de títeres, charlas, mesas redondas, proxeccións, obradoiros e exposicións en diferentes espazos da vila, dirixidos a crianzas, mozas e mozos, maiores e moi maiores que queiran gozar dos bonecos e coñecer a rica tradición do títere de cachaporra da Península.
Para alén do público xeral, a programación está dirixida a todas aquelas persoas que de xeito directo (manipuladores, compañías, distribuidores,…) ou indirecto (programadores, actores, artistas plásticos, educadores…) topen cos monicreques no seu desenvolvemento profesional. Nesa liña, para alén das funcións previstas, o programa achega tamén espazos para a reflexión sobre este legado e a súas posibilidades nos nosos tempos.
O festival está organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo para a Recuperación do Títere Tradicional Galego coa colaboración da Deputación de A Coruña e do Concello do Teo.
Programa completo
O tema do festival
O teatro popular de títeres estivo presente en feiras, festas e prazas das vilas e cidades ata ben entrado o século XX, e constitúe unha forma de entretemento, educación e comunicación das comunidades antes da irrupción dos medios de comunicación de masas e das transformacións que experimentou a sociedade galega nas últimas décadas. Esta expresión cultural permanece aínda na memoria colectiva das xeracións nacidas antes de 1950, pero corre o risco de perderse. Forma parte dunha rica e antiga tradición inspirada na Commedia dell’Arte e que se extende por toda Europa emparentando ao Punch inglés, o Guignol francés, o Pulcinella italiano, o Kasparek checo co Don Cristóbal español, o Pericu catalán, o Dom Roberto portugués… e o Barriga Verde galego. De xeito xenérico, en boa parte do Estado se coñecen estes bonecos co nome de Cristovos, de aí o subtítulo do evento.
Barriga Verde…
A principios do século XX xunto con José Silvent chega a Galicia un novo personaxe: Barriga Verde, que incorpora as características esenciais da tradición europea de títeres de cachaporra. A súa popularidade en Galicia é enorme entre 1920 e 1960, cando percorre gran parte das feiras e vilas coa súa barraca. Os seus irmáns Santiago e Julia tamén incorporaban a Barriga Verde nos seus espectáculos, e entre os tres non quedaba feira ou festa en Galicia que non tivese acollido unha representación do famoso monicreque. As feiras da Ascensión en Santiago, a Pascua de Padrón, a de San Xoán de Carballo ou a de Santa Mínia en Brión eran paradas obrigadas da barraca dos Silvent, e nesas vilas coruñesas, alén doutras moitas, a chegada dos titiriteiros era moi agardada. Nos anos 60, coa sucesiva retirada destes titiriteiros, o espectáculo esmorece. Ao igual que noutros lugares, o teatro de títeres de luva abandona as feiras e pasa a ser considerado un entretemento infantil no que prima o compoñente didáctico. Os títeres de feira, que ían dirixidos a públicos de todas as idades, non encaixan coas tendencias que impoñen os novos tempos e é así como Barriga Verde camiña lentamente cara o esquecemento.
A finalidade de Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, é dar a coñecer a tradición titiriteira ibérica da que fai parte o personaxe de Barriga Verde, como o seu representante último e máis coñecido en Galicia, e as profundas conexións coa tradición europea. Ademais, quere servir como punto de encontro para todas as persoas, profesionais e afeccionados, que queren recuperar a memoria deste espectáculo así como o traballo de feirantes e titiriteiros que durante anos foron unha parte fundamental do ocio e que se asentaron como parte do imaxinario común do país.
Dosier de Titiriberia