Programación 2021

Do 20 ao 24 de xullo

RESERVA DE ENTRADAS

A asistencia ás actividades do Titiriberia 2021 implica a reserva obrigatoria de localidades en https://concelloderianxo.gal/reservas (preferente), ou no teléfono 981 100 688, nos prazos que se indiquen na publicidade específica de cada proposta.
As reservas serán efectivas unicamente cando se confirmen desde o Auditorio. A confirmación consistirá na indicación das localidades adxudicadas.

No caso de climatoloxía adversa, e de ser posible, as actividades trasladaranse ás instalacións sinaladas na publicidade específica. Como a capacidade é moito máis reducida que en exterior, adxudicaranse por orde de solicitude ata cubrir as localidades dispoñibles. As agrupacións de conviventes ou burbullas serán dun máximo de 6 persoas.

O lugar de referencia para consultar a información do Titiriberia (programación, modificacións, suspensións, traslados etc.) será www.concelloderianxo.gal

https://concelloderianxo.gal/reservas

En caso de choiva os espectáculos trasladaranse a:

Taragoña Pavillón Municipal de Taragoña
Isorna Casa da República Isorna
Asados Centro Social Atalaia Asados (Escolas Vellas)
O Araño Centro Sociocultural A Capela do Araño
Leiro e Rianxo Auditorio de Rianxo

20 Martes

Dona Barriga Verde

Larraitz Producións Artísticas (Galiza)

“Dona Barriga Verde” é unha obra de títere de cachaporra que integra elementos do Barriga Verde do noso país con préstamos doutras tradicións titiriteiras europeas.

Os paisanos, o demo ou a morte, atópanse en escena co crocodilo ou o bebé, habituais do Punch Inglés.E todo cunha grande particularidade: a de desafiar as convencións do xénero, xa que por vez primeira no noso país, Barriga Verde, a protagonista da obra, é unha muller.

  • 12:00
  • Campo Maneiro, Taragoña
  • 21:00
  • Centro Cultural Vicente Vidal, Leiro
  • +5 anos

21 Mércores

O cego dos monifates

Seisdedos animación (Galiza)

A compañía de Maese Seisdedos, cego e monicrequeiro ambulante, realiza as súas representacións usando a técnica tradicional do bululú na que o lazarillo manipulaba os bonecos oculto na capa do cego que tocaba a zanfona.

Representará contos medievais e populares, romances históricos, romances de cego, pequenas pezas teatrais, cancións tradicionais e contos e narracións da literatura galega.

  • 11:00 a 14:00
  • Praza Castelao (itinerante polo mercado)
  • Todos os públicos

Sidulfo e o diaño

Trécola (Galiza)

Sidulfo traballa día e noite para un home sen corazón que nin vive nin deixa vivir, até que aparece un aposto e elegante diaño cunha máxica proposta que solucionará todos os seus problemas.

Un espectáculo teatral con entremeses, no que un presentador tentará levar o fío da historia librándose dun espectador que non consegue atopar o seu lugar no teatriño.

  • 12:00
  • Campo do Souto, Isorna
  • Público familiar

Varietés do animalario

Paporrubio (Galiza)

Nun contexto humorístico e divertido, a raposa e o lobo vense envoltos nun conflito pola propiedade dunha pereira con sete peras, á que misteriosamente lle van desaparecendo as peras unha a unha.

No texto vense cuestionados os roles habituais que teñen a raposa e o lobo na cultura galega de tradición oral; os dous vólvense vexetarianos, son rexeitados polos seus grupos habituais de compañía e acaban sendo compañeiros a causa do amor pola pereira coas sete peras. Todo isto, acompañados das características humorísticas clásicas da tradición de monicreques galega: os enredos lingüísticos, a cachaporra, a astucia do heroe e do antiheroe…

  • 21:00
  • Centro Cultural A Capela, Araño
  • +3 anos

22 Xoves

O dia em que a morte sambou

Habib e Valeria (Brasil/Exipto/Galiza)

Seu Biu é un vello brincador que non deixa que a súa idade nin a morte poñan fin á súa alegría de vivir. A pesar de vivir só e ser obxecto de moitas críticas e envexas, vive sorrindo e bailando, feliz e despreocupado. Ten música, danza e, sobre todo, unha forte conciencia da súa profunda conexión coa natureza. Un día, a Morte decide buscalo. Pero cando chega á casa do ancián, é recibida dun xeito totalmente inesperado…

A compañía galego-exipcia emprega a antiga técnica das sombras chinesas para pór en escena esta orixinal historia en portugués.

  • 12:00
  • Auditorio de Rianxo – Sala “Arcos Moldes”
  • +5 anos

Mesa redonda

Títeres e medios, unha relación inexistente

Conducido por Comba Campoi | Convidadas: Xoan Carlos Rioboo (revista Erregueté), Jorge Rey (Títeres Cachirulo) e Lara Rozados (xornalista e investigadora).

Cando foi a última vez que liches unha crítica dun espectáculo de monicreques? Por que non hai espazo na prensa nin na televisión para este tipo de teatro en particular, nin para o teatro en xeral?

Na súa época, autores como Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro ou Rafael Dieste, si escribiron artigos sobre monicreques na prensa. Nalgúns lugares do mundo, tamén en Galiza, algunhas persoas teiman en escribir sobre artes escénicas nos medios e mesmo outras, máis tolas aínda, conseguen sacar adiante publicacións especializadas nesta linguaxe escénica.

  • 20:00
  • Pazo do Rianxiño
  • Auditorio de Rianxo
  • adultos

23 Venres

Vacacións no mar

Mircromina (Galiza)

Un espectáculo de monicreques de luva no que se conxuga a tradicional estilo da cachaporra cuns caracteres e aconteceres renovados para o público de hoxe en día. Na obra, a Marina encantaríalle viaxar polo mundo adiante. Un día Moncho chega a porto no seu veleiro Ovos con patacas mais, nun descoido, o pirata Ollo Virollo toma prestada a nave e faise ao mar… cumprirá Marina o seu soño de dar volta ao planeta?

Nun formato pensado especialmente para actuacións na rúa e cun sinxelo e eficaz guión, uns personaxes de marcado carácter e un ritmo trepidante, Mircromina fai a súa contribución á renovación deste xénero dramático para goce de todos os públicos.

  • 12:00
  • Parque da Santa Lucía
  • Pavillón do CEIP Ana María Diéguez, Asados
  • Público familiar

Maldita máscara

INDIGNATI Asociación Galega de Commedia dell’Arte (Galiza)

O 18 de xullo de 1984, o Piccolo Teatro de Milán levou a escena o seu Arlecchino servitore dei due padroni, durante o “Olympic Arts Festival” en Los Ángeles, nos Estados Unidos de América. Á volta, o barco que transportaba os colectores coa escenografía, vestiario, atrezzo e demais viuse inmerso nunha terrible tormenta no medio do océano. Non houbo vítimas nin graves danos para a nave, pero o barco perdeu parte da mercancía no mar…

Máscaras, contos, música en directo, acrobacia e acción trepidante fúndense nun interesante exercicio de interpretación que nos revelará os máis profundos segredos da Commedia dell’Arte

estrea

  • 20:30
  • Pazo do Rianxiño
  • Centro Cultural A Capela
  • Todos os públicos

Animación de rúa

Alakrán animación (Galiza)

A compañía Alakrán reproducirá números habituais nas feiras de antano e inspirarase nos números que desenvolvía a familia Silvent ante a porta para atraer o público co fin de animar a entrada ao espectáculo de varietés. Coa súa gaita e con números de monicreques á planchette, interactuará co público ao máis puro estilo das feiras tradicionais.

  • 22:00
  • Contorna do CEIP ADR Castelao
  • Contorna do auditorio de Rianxo
  • Todos os públicos

As varietés do Barriga Verde

Morreu o Demo

Esta proposta escénica é unha iniciativa do festival Titiriberia que pretende reproducir, desde unha óptica actual, o espectáculo que a familia Silvent realizaba na súa barraca e no que estaba incluída a peza de Barriga Verde. Canción melódica, malabares, marionetas, equilibrismo e números de clown sucederanse nun ambiente de cabaré orientado ao público adulto.

Números de clown, Participarán Larraitz Urruzola, Títeres Alakrán, Rafa Rey, Tero Rodríguez, Lucho Penabade e a artista de clown Malala. Todo conducido pola actriz e cantante Iria Pinheiro e acompañado de música ao vivo cun cuarteto da Escola de Música de Rianxo, coordinado por Bernal Muíños.

  • 23:00
  • Patio do CEIP ADR Castelao
  • Auditorio de Rianxo
  • adultos

24 Sábado

Retrocuentos

La Fábrica Fantástica (Catalunya)

O espectáculo Retro Contes, artellado a partir de textos de Gianni Rodari, mestura proxeccións, manipulación de monicreques e traballo actoral sobre o escenario.

A historia dun pai e da súa filla separados polo traballo e que manteñen a súa relación a base de contos, convida ás familias a unha reflexión sobre a importancia das historias para manter a humanidade nun mundo opresivo.

  • 12:00
  • Auditorio de Rianxo – Sala “Arcos Moldes”
  • +4 anos

Feira das sementes

Babaluva (Galiza)

Unha feira onde nada se vende, onde as sementes se trocan por outras, por un conto, un refrán, unha canción ou unha adiviña.

Mirari, unha vasca afincada en Galiza, percorre o país coa súa Feira das sementes. No seu postiño leva para trocar semente das fabas de Tolosa, de trigo candeal e outros cereais. Ela dá, mais tamén recolle. Nesta ocasión, en troca dunhas sementes de roseira e de garavanzo, representará con marionetas os contos A proba da semente e Garavanciña e o esquío.

Finalmente, para denunciar o secuestro que algunhas multinacionais da alimentación fan das sementes, representará con monicreques de cachaporra O rapto do centeo.

  • 21:00
  • Pazo do Rianxiño
  • Auditorio de Rianxo, sala Arcos Moldes
  • +2 anos

estrea

Actividades

Obradoiros

Construción de títeres con material de refugallo e de títeres en igualdade

Ao integrar o programa do festival coas actividades do Campamento de Conciliación no verán do Concello de Rianxo, desenvolveranse obradoiros que mesturan a construción de bonecos coa súa manipulación. A partir de material de refugallo, as persoas participantes crearán un boneco propio. A continuación, preséntase unha pequena peza onde se amosa unha situación de desigualdade e un conflito que se resolve de xeito violento. Os/as participantes deberán reflexionar sobre as posibles solucións non violentas para o dito conflito.

  • 20, 21 e 22 de xullo / 11:00 > 12:30
  • Campamentos de conciliación nas distintas parroquias

Recollida das testemuñas

Café da memoria sobre Barriga Verde

Para aproveitar a presenza no público de persoas de idade que lembran a Barriga Verde e a outras familias de titiriteiros tradicionais con presenza en Rianxo ou na contorna, desenvolveranse entrevistas e gravacións de vídeo e audio cos seus testemuños, enriquecendo o noso coñecemento sobre o personaxe, a vida dos titiriteiros e as feiras tradicionais. Para localizar estas persoas que poidan ter lembranzas sobre os títeres e as misións pedagóxicas, ou sobre este personaxe galego que popularizou a familia Silvent a principios do século XX, agradecemos a colaboración da cidadanía e do tecido asociativo de Rianxo e das súas parroquias.

  • 20 de xullo / 16:00
  • Campo Maneiro de Taragoña
  • 23 de xullo / 16:00
  • Parque de Santa Lucía de Asados

Exposicións

Onde foi Barriga Verde?

Morreu o demo

Unha reflexión xeral sobre o personaxe e o seu esquecemento. A historia dos Silvent, a importancia das feiras, o patrimonio inmaterial ou a tradición dos títeres europeos.

  • 20 > 24 de xullo
  • Auditorio de Rianxo

A arte dos Silvent

Morreu o demo

Exposición en paneis sobre a xenealoxía de Barriga Verde e os títeres europeos. Pulchinella, Punch, Guignol, Kasper; todos os representantes internacionais desta familia preséntanse nunha serie de paneis contextualizándoos e explicando a súa evolución e diferenzas.

  • 20 > 24 de xullo
  • Auditorio de Rianxo

A grande familia do títere europeo

Morreu o demo

Quen foi a familia que levou a Barriga Verde polas feiras de Galiza? De onde viñan, e como gañaban a vida?

Nesta exposición déitase algo de luz sobre as persoas que estiveron detrás do derradeiro expoñente do teatro popular de títeres no noso país, tentando así rendir homenaxe ao oficio das persoas titiriteiras e artistas ambulantes.

  • 20 > 24 de xullo
  • Auditorio de Rianxo

A %d blogueros les gusta esto: