Titiriberia. Olladas sobre os cristovos.
PROGRAMA COMPLETO
PROGRAMA DE MAN en pdf
DÍPTICO COA PROGRAMACIÓN ESCÉNICA en pdf
Presentación
Pasen e vexan! Rianxo volve vestir de cores rechamantes e deixarse invadir polos espíritos máis libres das artes escénicas, porque volve o festival de títeres máis enxebre. Volven os cristovos, con cachaporras e sen elas, a xogar nas fronteiras dos xéneros e a experimentar coas linguaxes, aínda que coa tradición sempre no horizonte.
A farándula acáelle ben a esta vila festeira e elegante, berce de grandes artistas que tamén souberon aprezar a beleza nas artes de xograres, saltimbancos e bululús… Aquilo que o pobo deu en chamar títeres ou cristovos, e que hoxe reivindicamos como a nobre arte de darlle vida a un ser inerte.
Aquelas persoas que gañaban a vida a representar historias nas prazas e camiños souberon recoller o sentir dos pobos: aquilo que espertaba os seus risos e aquilo que os oprimía. Aquelas xentes sen patria foron quen de expresar, a través dos seus bonecos de tea e pau, a denuncia das inxustizas, de xeito que só as que as padecían eran quen de comprender. Converteron as gargalladas nunha arte libertadora.
Os cristovos, guiñoles, fantoches, polichinelas ou robertos… e o Barriga Verde que herdou un pouco de cada un. Todos estes (anti)heroes representaban aquel pobo que vencía, co seu pau, os personaxes abusóns. Hoxe as inxustizas son outras e os títeres seguen a contalo. En Rianxo darase cita unha recua de herdeiras e herdeiros daqueles monifates, chegadas de distintos puntos do país e do continente. Traerán as súas propostas dirixidas a crianzas, mozas e mozos, maiores e moi maiores que queiran gozar dos bonecos e coñecer a rica tradición do títere de cachaporra.
Logo das edicións marcadas pola pandemia, este 2022 finalmente facemos un festival como queremos que sexa. Aberto, con máis presenza internacional, novas actividades formativas e divulgativas e, sobre todo, cunha maior implicación no tecido local. Titiriberia medra nesta sétima xeira cunha decidida aposta pola sustentabilidade, un maior número de actuacións e un programa máis completo que atende a diferentes públicos e intereses.
A manter e incrementar a reivindicación de rúas e espazos públicos como lugares de cultura, o festival incorpora actuacións de pago que permiten coñecer propostas titiriteiras de maior complexidade técnica e novos formatos, na súa maior parte vidas de fóra do país.
Deste xeito, levamos as artes escénicas ao tecido asociativo local e aos campamentos de conciliación, con obradoiros, conversas co público e espectáculos no Araño, Isorna, Taragoña, Leiro, Asados e Rianxo, descentralizando a oferta nunha nova edición na que se mantén o especial peso das titiriteiras, tanto as galegas como das do Estado e de fóra del.
Viaxemos dunha parroquia a outra, sigamos o impulso itinerante que nos leva a descubrir unha nova historia en cada recuncho. Mesmo ao pe da praia, este ano os títeres poden ser un inmellorábel preludio a un bo mergullo.