Do 24 ao 31 de xullo
24 domingo
A festa dos títeres
Agrupación Vai de Roda e Viravolta Títeres (Galiza)
Produción propia
Este espectáculo de presentación do festival está producido integramente pola Asociación Morreu o Demo. Transcorre de xeito previo ao evento como un adianto das actividades que se desenvolverán durante a súa realización. Un pasarrúas achegará música e espectáculo á vila coa charanga da Asociación de música e baile tradicional “Vai de Roda”. Canda a el, os cabezudos tradicionais de Rianxo interactuarán con cabezudos da compañía Viravolta Títeres. Non faltará ao evento o famoso Peito de Lobo. Estades todos e todas convidados á festa. Poñede as mellores roupas e aproveitade ben o día nesta festa coa que o festival quere reivindicar esta forma escénica tradicional dos desfiles de cabezudos, unha variedade máis de monicreques que aínda agarda polo seu xusto recoñecemento.
Información das compañías: http://www.blogoteca.com/vaideroda/index.php?cat=4705
Vídeos: https://youtu.be/wxuwlPNC92M?t=62
- 12.30 h.
- saída desde Auditorio de Rianxo, subida á zona da Martela,Parada con bailes nos xardíns, baixar á Praza Castelao, parada no Paseo da Ribeira, retorno ao Auditorio / Localización / *En caso de choiva no Auditorio de Rianxo.
- Todos os públicos
- ESTREA
26 martes
Conferencia: A viaxe de Toribio – De Mañón a Rianxo?
José Luís do Pico Orjais (Galiza)
O investigador José Luís do Pico Orjais, compilador entre outras obras do “Cancioneiro urxente de Rianxo”, suxire a curiosa conexión entre o bandoleiro Mamed Casanova, coñecido como Toribio de Mañón, e Rianxo. Ao igual que noutras localidades do país, esta figura histórica deveu en lenda e puido protagonizar unha cantiga popular e darlle nome ao meco que protagoniza o Entroido da vila. Un xeito de se achegar á historia local a través da súa música e de reivindicar un personaxe que, coma Barriga Verde, quedou marcado na memoria popular durante décadas. A conferencia desenvolverase de xeito previo á representación da obra Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón a cargo de Viravolta Títeres.
- 20h
- Praza Rafael Dieste / Localización /*en caso de choiva no Auditorio
- Todos os públicos
Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón
Viravolta Títeres (Galiza)
Recreación con formas do teatro popular, onde se contan as andanzas que lle deron sona a Mamede Casanova “Toribio de Mañón”, famoso bandoleiro galego de principios do século XX, e que levaron os seus ósos o cárcere. Nestas andanzas inspirouse Ramón María del Valle-Inclan para escribir a súa obra Las galas del difunto. A sona de Toribio, que chegou a nivel de lenda, semella estar detrás do nome que recibe o personaxe por excelencia do Entroido de Rianxo. Coa programación desta montaxe, Titiriberia quere achegar unha nova perspectiva sobre a historia local ao tempo que contribúe a recuperar formas e temas propios da cultura popular galega.
Información da compañía: https://viravoltatiteres.wordpress.com/espectaculos/vida-crimes-e-prision-de-toribio-de-manon/
Vídeo: https://youtu.be/grKDtEigOdU
- 21h
- Praza Rafael Dieste / Localización /*en caso de choiva no Auditorio
- Todos os públicos
Encontro postfunción: O camiño a Toribio
Viravolta Títeres (Galiza)
Membros da compañía explicarán, logo da representación de “Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón”, os camiños que lles levaron a escoller esta historia para a trasladar ao mundo dos títeres. A toma de contacto co personaxe de Mamed Casanova, as peculiares eleccións escénicas que adoptaron ou as dificultades que atoparon para o proxecto compartiranse nunha distendida conversa.
- Praza Rafael Dieste / Localización /*en caso de choiva no Auditorio
27 mércores
O mais maior grande Dom Roberto
Teatro e marionetas de Mandrágora (Portugal)
Unha figura xigante e interactiva que representa un Dom Roberto, o tradicional fantoche portugués, sairá ao encontro das xentes de Rianxo. Realizada polo artista plástico enVide neFelibata, “O Mais Maior Grande Dom Roberto” convida a ollar para a grandeza deste títere tradicional dun xeito diferente.
Esta escultura en movemento circulará polas ruas da vila a revivir memórias dun teatro tradicional que renace e se reinventa. O público é convidado a entrar e a manipular marionetas tradicionais de vara neste dispositivo escénico deambulatorio. A compañía Mandrágora acompaña a asistencia a achegar un obradoiro con nocións sobre a construción e a posta en escena de títeres, ademais de representar breves pezas. Toda unha festa de marionetas nas rúas.
Información da compañía: https://www.marionetasmandragora.pt/
Vídeo: https://youtu.be/lQBqtgTgYao
- 12.00 h. > 14.30 h. e 18.00 h. > 20.00 h.
- Praza Castelao (itinerante pola zona Paseo da Ribeira e Subcampo) / Localización /*en caso de choiva no Auditorio
- Gratuito / Obradoiro con inscrición no propio lugar da actividade (20 prazas).
- Todos os públicos
LAMBE-LAMBES
O Teatro Lambe-Lambe, orixinario nas feiras tardomedievais e renacido a finais do s.XX no Sertão brasileiro, é unha modalidade escénica que emprega pequenos bonecos e obxetos acompañados por un relato ou música que, dentro dunha caixa escénica, representan nun tempo breve situacións e pequenas historias. Só unha ou dúas persoas espectadoras poden apreciar cada función, a observar estas obras, como en segredo, a través dunha fiestra. O festival recolle esta peculiar forma de títeres de orixes probabelmente medievais mais adoptada polas artistas ambulantes brasileiras no s. XX, como un xeito diferente, distendido e individualizado de achegar os títeres ao público.
Victoria
Diáspora teatro (Galiza)
Victoria é un espectáculo sen palabras que fala do paso do tempo, das partidas, da memoria. É unha homenaxe ás avoas e a todas as mulleres que tiveron que dicir adeus ao que foi o seu fogar.
Información da compañía: https://www.culturactiva.org/es/artista/diaspora-teatro
Vídeo: https://www.culturactiva.org/es/espectaculo/victoria
- 12.00 h. > 14.30 h.
- Praza Castelao/Subcampo / Localización /*en caso de choiva no cuartel vello
- +12 anos
Este espectáculo foi ilegal
Seisdedos Marionetas (Galiza)
O titiriteiro lalinense Anxo García preséntanos o monólogo do compadre Fidel do emblemático texto Os Cornos de Don Friolera de Valle-Inclán, nunha fermosa tradución de Mari Luz Méndez.
Información da compañía: https://viravoltatiteres.wordpress.com/titeres-seisdedos/
- 12.00 h. > 14.30 h.
- Praza CastelaoSubcampo / Localización / *en caso de choiva no Cuartel Vello
- +12 anos
Gernika
Os Monicreques de Kukas (Galiza)
Nesta obra feita a partir da inmortal obra de Pablo Picasso, a veterana compañía desenvolve a súa creatividade plástica aplicada aos títeres a abordar a destrución e o horror que xeran as guerras.
Información da compañía: https://www.facebook.com/osmonicrequesdekukas/
- 12.00 h. > 14.30 h.
- Praza Castelao/Subcampo / Localización /*en caso de choiva no cuartel vello
- +12 anos
nº8 rúa dos contos
Trécola Producións (Galiza)
Unha peza clásica dos títeres galegos, cunha longa historia e traxectoria. Nada en 1981, Trécola recupera a peza creada no seu día pola mestra titiriteira galega Fernanda Cabrera xunto ao seu compañeiro Rafa Vazquez. Os actuais integrantes da compañía, segunda e terceira xeración desta saga, presentan esta proposta familiar con ocasión dos corenta anos da formación. Fai moito, moito tempo vivía no Nº8 da Rúa dos Contos a bruxa Papandreia… Botou un feitizo sobre a casa e quen alí entraba non atopaba xeito de saír. Xinzo e Lelo, dous ladróns que non saben deste feitizo, deciden entrar na casa para encher o seu saco… Un lobo, un mago, un cazador e máis persoeiros compartirán a súa viaxe por este espazo encantado.
Información da compañía: http://marionetastrecola.com/quen-somos-1/
- 12.00 h.
- Pazo do Rianxiño / Localización / *en caso de choiva no polideportivo do IES
- Público familiar /+3 anos
- Actividade exclusiva para o Campamento de verán
Lúa quere viaxar a… Marte
A Xanela do Maxín (Galiza)
A gata Lúa anuncia a súa vindeira grande aventura… Unha viaxe a Marte! A seguir a inspiración de grandes mulleres científicas, investigadoras e astronautas, ninguén a vai afastar do seu empeño. As aventuras para conseguir este obxectivo e os personaxes que atopará polo camiño amosan esta singular aventura que combina narración oral e títeres para abordar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
Información da compañía: https://axaneladomaxin.com/espectaculos/lua-quere-viaxar-a-marte/
- 13.00 h.
- Praia de Tanxil. / Localización /*En caso de choiva no Auditorio
- +3 anos
MESA REDONDA: 40 anos de títeres en Galicia
Conducida por Topo Vidal
Nesta edición do festival, con ocasión do 40 aniversario de Títeres Viravolta e da compañía Trécola, repasamos a historia do movemento titiriteiro galego. Nado coa vontade de recuperar a presenza pública dunha arte que desaparecera das prazas cando a familia Silvent deixou de representar Barriga Verde, as compañías titiriteiras que apareceron no país durante os primeiros anos 80 enfrontáronse á necesidade de aprender técnicas e de coñecer propostas artísticas que non existían. Para este repaso daquel traballo pioneiro e do desenvolvemento do sector desde entón, con certeza cheo de anécdotas e de historias desta profesión, contamos con representantes destas dúas compañías e das tamén históricas Tanxarina e Monicreques de Kukas.
A AC Morreu o Demo gravará e distribuirá posteriormente a través das redes vídeos cos contidos íntegros da mesa redonda, con vistas a xerar material de interese para a formación e debate do sector titiriteiro galego.
- 18.30 h.
- Auditorio de Rianxo / Localización
- Público adulto
Eva
Trastero 203 (Andalucía)
Comedia musical e filosófica, cunha soa actriz acompañada dun gran elenco de marionetas que ela mesma manipula. Toda unha mostra das habilidades desta compañía para interpretar diferentes papeis e combinados con distintas técnicas e bonecos.
No espectáculo, Eva e Adán viven nun paraíso belo e perfecto, onde coexisten con outros animais, aparentemente, en paz e harmonía. Pero ela, famenta de coñecemento, ansía a liberdade. Cremos que sabemos a historia, pero a versión de Eva é moi distinta ao que se conta. Gardámoslle xenreira? Unha fábula que reivindica o papel agochado das mulleres na historia.
Información do espectáculo: www.trastero203.com
Vídeo: https://youtu.be/ydELP7RSO88
- 21.30 h.
- Auditorio de Rianxo-Sala Arcos Moldes / Localización
- Público adulto /+ 13 anos
- 5€
28 xoves
Teatro de Robertos
Teatro e marionetas de Mandrágora (Portugal)
Coas súas historias nadas da tradición popular, os Robertos son a versión portuguesa do noso Barriga Verde e parte da antiga tradición europea de títeres de cachaporra. Nun teatro profundamente interactivo co público, a xogar coa comicidade e os sentimentos máis primarios, o Dom Roberto fai a audiencia berrar e saltar das cadeiras, e crea unha fonda empatía que identifica o público cun protagonista que desafía as convencións e que se fai invencible. Personaxes clásicos como o demo, o barbeiro, o cura, o policía ou a morte aparecen como adversarios do protagonista na historia máis clásica que leva a escena Mandrágora. Noutra das montaxes que achega a compañía, a acción transcorre nun castelo onde Roberto ten que vencer un crocodilo, un xigante e unha pantasma.
Información da compañía: https://www.marionetasmandragora.pt/
- 12.00 h.
- Campo do Souto–Isorna / Localización / *En caso de choiva na casa da República
- 20.00 h.
- Centro Sociocultural A Capela do Araño / Localización
- + 4 anos
Encontro postfunción: Os robertos populares
Teatro e marionetas de Mandrágora (Portugal)
A historia dos robertos portugueses, a grande popularidade que conseguiron e as súas dificultades para se manteren nos nosos días é unha historia que ten grandes paralelismos no noso país. A coñecer esta tradición atopamos tamén múltiples ecos do Barriga Verde galego, con quen estes bonecos están estreitamente emparentados.
- Logo da función da mañá
- Campo do Souto–Isorna / Localización / *En caso de choiva na casa da República
nº8 rúa dos contos
Trécola Producións (Galiza)
Unha peza clásica dos títeres galegos, cunha longa historia e traxectoria. Nada en 1981, Trécola recupera a peza creada no seu día pola mestra titiriteira galega Fernanda Cabrera xunto ao seu compañeiro Rafa Vazquez. Os actuais integrantes da compañía, segunda e terceira xeración desta saga, presentan esta proposta familiar con ocasión dos corenta anos da formación. Fai moito, moito tempo vivía no Nº8 da Rúa dos Contos a bruxa Papandreia… Botou un feitizo sobre a casa e quen alí entraba non atopaba xeito de saír. Xinzo e Lelo, dous ladróns que non saben deste feitizo, deciden entrar na casa para encher o seu saco… Un lobo, un mago, un cazador e máis persoeiros compartirán a súa viaxe por este espazo encantado.
Información da compañía: http://marionetastrecola.com/quen-somos-1/
- 12.00 h.
- Parque da Santa Lucía de Asados / Localización *en caso de choiva no Ceip Ana Mª Dieguez
- + 3 anos
Encontro postfunción: Herdar unha obra
Trécola Producións (Galiza)
Membros da compañía explicarán, logo da representación de “Nº8 Rúa dos Contos” como se enfrontan a pór en escena unha obra herdada. Os corenta anos desta compañía en activo, que incorpora xa a terceira xeración de profesionais dos títeres, fan que as actuais persoas responsables do proxecto se atopen cunha montaxe herdada de longo alento que teñen que levar a escena e facer súa. Neste encontro explican as peculiaridades deste proxecto e a súa evolución ao longo do tempo.
- Parque da Santa Lucía de Asados / Localización / *en caso de choiva no Ceip Ana Mª Dieguez
O cego dos monifates
Seisdedos Marionetas (Galiza)
A compañía de Maese Seisdedos, cego e monicrequeiro ambulante, realiza as súas representacións usando a técnica tradicional do bululú na que o lazarillo manipulaba os bonecos oculto na capa do cego que tocaba a zanfona. Representará contos medievais e populares, romances históricos, romances de cego, pequenas pezas teatrais, cancións tradicionais e contos e narracións da literatura galega.
Información da compañía: https://viravoltatiteres.wordpress.com/titeres-seisdedos/o-cego-dos-monifates/
- 21:00
- Itinerante pola vila
- Todos os públicos
Paral.lel 55
Títeres desde abajo (Andalucía/Cataluña)
Paral.lel 55 é unha comedia para adultos que rememora a Folga da Canadiense, un dos feitos máis relevantes dentro do movemento obreiro no Estado Español. O 5 de Febreiro de 1919 os traballadores da empresa Fuerzas y Riegos del Ebro comenzan unha folga pola readmisión de 8 compañeiros despedidos que tras 44 días de loita culmina co decreto da xornada laboral de 8 horas para todos os oficios. Esta mobilización é lembrada como exemplo de solidariedade, tenacidade e organización. Despois do centenario destes feitos a compañía creou este espectáculo co obxectivo de dalos a coñecer e ao mesmo tempo reflexionar sobre o estado das loitas obreiras hoxe en día e en particular sobre a folga como ferramenta da clase traballadora.
Fartos de ser obrigados a pelexar a cachaporrazos en cada función, Francisco e Purita, dous vellos títeres dun antigo teatro da avenida paral.lel de Barcelona deciden poñerse en folga. Tal e como sucedeu 100 anos atrás en La Canadiense, cando a forza dos traballadores conseguiu que se decretase a xornada de 8 horas. Pero os tempos mudaron moito desde entón e nunca lles contaron que a loita é un camiño cheo de contradicións, ledicias e pelotas de goma.
Información do espectáculo: http://titeresdesdeabajo.blogspot.com/
Vídeo:https://youtu.be/6CYIIXTeVg0
- 21.30 h.
- Auditorio de Rianxo-Sala Arcos Moldes / Localización
- Público adulto/ + 14 anos
- 5€
29 venres
Barriga Verde ataca de novo
Títeres Alakrán (Galiza)
Espectáculo de títere de cachaporra tradicional, inspirado nas rutinas que facía a familia Silvent na súa famosa barraca a principios do século XX. Barriga Verde é o títere popular de Galiza, representando co seu humor a idiosincrasia galega. Títeres Alakrán recupera a súa figura adaptándoa ao mundo contemporáneo para que a nosa tradición siga viva. Nesta montaxe, o titiriteiro mestura a actuación ante o público co emprego da palleta detrás do escenario para pór a voz do protagonista, a seguir a técnica clásica que se empregou durante séculos neste xénero.
Información da compañía:https://titeresalakran.wordpress.com/
- 12.00 h.
- Campo Maneiro de Taragoña / Localización / *En caso de choiva Pavillón Municipal de Taragoña
- +6 anos
Pulcinella
Irene Vecchia (Italia)
Desde Nápoles chega ao Titiriberia un dos mellores exemplos existentes dos guaratelle napolitanos, tradición titiriteira con 500 anos de existencia á que se remonta a orixe de Barriga Verde. O protagonista, un ser libre con voz máxica, renova en escena o eterno conflito entre ben o mal. Acompañado da súa amada Teresina, un can, a morte, o carabineiro ou monxe son algúns dos contrincantes cos que se atopa. Un espectáculo cheo de ritmo que achega ao noso escenario os xeitos orixinais desta antiga tradición.
Información da compañía: http://www.irenevecchia.com/
- 13.00 h.
- Praia de Tanxil. / Localización / *En caso de choiva no Auditorio
- +5 anos
Encontro postfunción: A tradición hoxe
Irene Vecchia (Nápoles)
O xeito no que conseguiu sobrevivir durante séculos a tradición titiriteira napolitana e as dificultades de transmitir unha técnica como esta, así como as particularidades de personaxes e manexos que fan única protagonizarán este encontro aberto con Irene Vecchia.
- Praia de Tanxil / Localización / *En caso de choiva no Auditorio
A carteira de Augasclaras
Títeres Brincadeira (Galiza)
A través da correspondencia que transporta, a carteira de Augasclaras cóntanos as aventuras de toda unha serie de personaxes. A tartaruga Clementina, que percorre o mundo libre sen a súa cuncha, a elefanta Rosa Caramelo, que fixo xogar xunta a toda a súa manada, ou a rapariga que o abandonaba todo por lle gustar ao seu grande amor. Un contacontos que traballa a igualdade entre xéneros a combinar narración, monicreques e xogos de imaxes da man de Carmen Domech.
- 18.30 h.
- Praia da Torre / Localización / *En caso de choiva no Araño
- +4 anos
As varietés do Barriga Verde
Produción propia
Esta proposta escénica é unha iniciativa do festival Titiriberia que pretende reproducir, desde unha óptica actual, o espectáculo que a familia Silvent realizaba na súa barraca e no que estaba incluída a peza de Barriga Verde. Música ao vivo, teatro, marionetas e números de clown sucederanse nun ambiente de cabaré orientado ao público adulto. Na montaxe cóntase con profesionais do teatro de monicreques, do novo circo e do cabaré con ampla traxectoria.
Nesta ocasión, participarán nas varietés Larraitz Urruzola, Títeres Alakrán, Títeres Cascanueces, Santi Prego con Jorge de Arcos, Teatro Airiños e a artista de clown Pajarito. Ademais, a titiriteira napolitana Irene Vecchia participará cun número breve de monicreques tradidicionais. Todo conducido pola actriz Antía Costas e acompañado da música ao vivo dun cuarteto da Escola de Música de Rianxo, coordinado por Bernal Muíños.
- 22.30 h.
- Auditorio de Rianxo-Sala Arcos Moldes / Localización
- Público adulto
- 5€
- ESTREA
30 sábado
Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón
Viravolta Títeres (Galiza)
Recreación con formas do teatro popular, onde se contan as andanzas que lle deron sona a Mamede Casanova “Toribio de Mañón”, famoso bandoleiro galego de principios do século XX, e que levaron os seus ósos o cárcere. Nestas andanzas inspirouse Ramón María del Valle-Inclan para escribir a súa obra Las galas del difunto. A sona de Toribio, que chegou a nivel de lenda, semella estar detrás do nome que recibe o personaxe por excelencia do Entroido de Rianxo. Coa programación desta montaxe, Titiriberia quere achegar unha nova perspectiva sobre a historia local ao tempo que contribúe a recuperar formas e temas propios da cultura popular galega.
Información da compañía: https://viravoltatiteres.wordpress.com/espectaculos/vida-crimes-e-prision-de-toribio-de-manon/
Vídeo:https://youtu.be/grKDtEigOdU
- 13.00h
- Praia de Tanxil. /Localización / *En caso de choiva no Auditorio
- Todos os públicos
Travesías. Aventuras de libro
Raquel Queizás (Galiza)
Neste espectáculo de narración oral con obxectos e monicreques, a contadora e titiriteira convídanos a navegar por historias cheas de aventuras de nenas e mulleres bravas que loitaron contra os prexuízos para conseguir os seus soños. A bordo do seu barco coñeceremos uns contos diferentes que transmiten valores de igualdade, de respecto e convivencia entre nenas e nenos e entre mulleres e homes.
- 18.30 h.
- Praia de Tanxil. /Localización/ *En caso de choiva no Auditorio
- +3 anos
Videoconferencia: O que non se nomea non existe. As mulleres na arte dos títeres
Elvia Mante (México)
As “múltiples historias do teatro” foron sempre escritas e publicadas por homes, como o resto da Historia con maiúsculas, onde as mulleres non estamos incluídas. Así que dun tempo a esta parte, en todas as ramas da cultura, as mulleres puxémonos na tarefa de escribir a nosa Historia e o primeiro paso é cuestionar o que os homes, por mais eruditos que sexan, dixeron de nós. Unha das cousas máis repetidas, incluso hoxe en día, é que os títeres son unha profesión masculina á que hai poucos anos as mulleres nos integramos, maiormente como compañeiras.
Nesta videoconferencia e conversa on line, a investigadora da universidade de Monterrei (México) presentará os primeiros resultados da súa investigación internacional “Mujeres en el arte de los títeres”, na que colaborou a AC Morreu o Demo. O seu traballo pretende servir como catálogo e referencia sobre as mulleres relacionadas coa arte dos títeres: dramaturgas, directoras, titiriteiras, deseñadoras, investigadoras, construtoras, produtoras, xestoras culturais…. de calquera parte do mundo. Activas ou retiradas, todas contamos para a historia.
A conferencia será gravada e distribuída na rede.Máis información: https://www.mujeresenelartedelostiteres.com/
- 19.30 h
- Pazo do Rianxiño / Localización
A Lúa e Pulcinella
Irene Vecchia (Italia)
Espectáculo de títeres de luva ao xeito do Guarattelle napolitano.
Despois dun novo abuso, todas as mulleres da Terra rematan na Lúa. Para non perder á súa amada Teresita, Pulcinella intenta chegar onda ela e atópase así a compartir a perigosa condición que viven demasiadas mulleres. O espectáculo desenvolve o repertorio das guarattelle para contar as difíciles relacións entre o universo masculino e o feminino cando hai violencia de xénero, a través de Pulcinella que desde sempre encarna a harmonía dos opostos.
Irene Vecchia foi discipula dos mestres da escola napolitana de guarattelle e agora mestra desta arte. É moi recoñecida polo seu labor de actualización e recuperación do títere popular tanto en Italia como en Festivais e espazos culturais de Canadá, Brasil, Portugal, España, Francia, Inglaterra, Alemania, Austria, Polonia, Suecia, Hungría ou Líbano.
Información da compañía: http://www.irenevecchia.com/
Vídeo: https://www.youtube.com/user/ueuepullecene/featured
- 21.00 h.
- Pazo do Rianxiño / Localización / *en caso de choiva no Araño
- +5 anos
31 domingo
Novos lobos
Fantoches Baj (Galiza)
A compañía lalinense Fantoches Baj achega ao festival un espectáculo de narración oral e monicreques no que se toca o tema do xénero desde a perspectiva das novas masculinidades. A partir de contos da literatura popular deconstrúense as historias tradicionais para as adaptar a esta nova ollada, nunha tentativa de ofrecer ferramentas conceptuais que axuden a prever a violencia de xénero. O espazo no que sucede a acción é un pequeno refuxio da montaña no que un pastor está coidando das súas ovellas, representadas polo propio público.
Información do espectáculo: https://urdime.gal/project/novos-lobos/
- 13.00 h.
- Praia da Torre / Localización / *En caso de choiva no Auditorio
- +5 anos
Procúrase Pepa a Loba
A Cova das Letras (Galiza)
Neste contacontos interactivo Cris Collazo actúa, narra e manipula títeres e obxectos para nos introducir na historia dunha muller á que todo o mundo procura polo seu tesouro. A danza e a música intégranse nesta historia de mulleres poderosas con aires de western e ambientada na taberna da protagonista.
- 18.30 h.
- Praia de Tanxil. /Localización / *En caso de choiva no Auditorio
- +6 anos
Barriga Verde ataca de novo
Títeres Alakrán (Galiza)
Espectáculo de títere de cachaporra tradicional, inspirado nas rutinas que facía a familia Silvent na súa famosa barraca a principios do século XX. Barriga Verde é o títere popular de Galiza, representando co seu humor a idiosincrasia galega. Títeres Alakrán recupera a súa figura adaptándoa ao mundo contemporáneo para que a nosa tradición siga viva . Nesta montaxe, o titiriteiro mestura a actuación ante o público co emprego da palleta detrás do escenario para pór a voz do protagonista, a seguir a técnica clásica que se empregou durante séculos neste xénero.
Información da compañía: https://titeresalakran.wordpress.com/
- 21.00 h.
- Centro Cultural Vicente Vidal de Leiro / Localización
- +6 anos
Encontro postfunción: Versionar unha lenda
Títeres Alakrán (Galiza)
Non se conservaron textos nin gravacións de ningún tipo que recollan os contidos e diálogos do espectáculo Barriga Verde que a familia Silvent levou por feiras e festa de todo o país durante décadas. Borja Ínsua, responsable de Títeres Alakrán, explica neste encontro a problemática coa que se atopou para reconstruír unha obra da que apenas quedaban rastros fragmentarios nas memorias das persoas de idade. Ao tempo, buscar xeitos para achegar á actualidade esta obra clásica supuxo tamén un desafío, e o coñecemento das formas europeas desta tradición titiriteira supuxo unha axuda imprescindible para a reconstrución.
- Centro Cultural Vicente Vidal de Leiro / Localización
Exposicións
Títeres nos escaparates / A procura de Lupe
Morreu o demo / Pedras de papel
Os escaparates de comercios da vila transfórmanse en escenarios nos que se pode ver interactuar diferentes títeres coas mercadorías en exposición. A que poden armar os bonecos nunha tenda de roupa, na libraría ou na farmacia! A mostra pretende integrar os títeres na cotidianeidade da vila, ao tempo que dá a coñecer pezas históricas de diferentes compañías de títeres do país: Babaluva, Viravolta, Alakrán, Trécola e Monicreques de Kukas achegan pezas a este proxecto.
A procura de Lupe é un xogo de pistas integrado na exposición. As persoas participantes deberán percorrer os diferentes escaparates e atopar neles a Lupe, a protagonista do cartel do festival para entrar nun sorteo de produtos locais. Con estas iniciativas o festival quere contribuír a achegar a cultura a novos soportes ao tempo que pon de relevo a importancia do comercio local como axente de dinamización social e cultural para a comunidade.
“Lupe é a mestra de cerimonias do festival. É pequena, azul e gusta de xogar ás agochadas. A última vez que a vimos os seus amigos monicreques estaba de tendas pero agora non damos con ela. E andamos desesperados buscándoa porque sen Lupe non pode comezar a función. Percorre os escaparates de Rianxo e axúdanos a atopala. Se descobres o seu agocho en cando menos oito comercios entrarás nun sorteo dun lote de produtos locais e camisetas do Festival”.
- Diferentes locais comerciais da vila e das parroquias de Rianxo
- Actividades desenvolvidas co apoio da Asociación Rianxeira de Empresarios
- Exposición do 16 ao 31 de xullo
- Concurso ata o 2 de agosto
- Máis información
Onde foi Barriga Verde?
Morreu o demo
Unha reflexión xeral sobre o personaxe e o seu esquecemento. A historia dos Silvent, a importancia das feiras, o patrimonio inmaterial ou a tradición dos títeres europeos.
- Do 24 ao 31 de xullo
- Auditorio de Rianxo / Localización
A arte dos Silvent
Morreu o demo
Exposición en paneis sobre a xenealoxía de Barriga Verde e os títeres europeos. Pulchinella, Punch, Guignol, Kasper; todos os representantes internacionais desta familia preséntanse nunha serie de paneis contextualizándoos e explicando a súa evolución e diferenzas.
- Do 24 ao 31 de xullo
- Auditorio de Rianxo / Localización
A grande familia do títere europeo
Morreu o demo
Quen foi a familia que levou a Barriga Verde polas feiras de Galiza? De onde viñan, e como gañaban a vida?
Nesta exposición déitase algo de luz sobre as persoas que estiveron detrás do derradeiro expoñente do teatro popular de títeres no noso país, tentando así rendir homenaxe ao oficio das persoas titiriteiras e artistas ambulantes.
- Do 24 ao 31 de xullo
- Auditorio de Rianxo / Localización
Formación de públicos
Encontros postfunción
(Ver programa)
Con vistas a dar a coñecer entre o público as peculiaridades da artes dos títeres, o festival desenvolve unha serie de actividades de formación de públicos. Ao remate da función o público poderá conversar cos artistas de varias das compañías participantes sobre distintos temas, como a actualización, tamén en clave de xénero, dos contidos e das formas dos espectáculos tradicionais; sobre a vida titiriteira, os procesos de creación e a continua aprendizaxe en cada unha das producións.
- Do 24 ao 31 de xullo
- Varios lugares (ver programa)
O espectador cómplice
Toni Rumbau (Cataluña)
O festival convidou a este recoñecido especialista en títeres a nivel estatal e responsable da recoñecida revista “Titeresante” para que desenvolva a peculiar función de ser un espectador cómplice. Rumbau debaterá coas compañías participantes e achegará comentarios e ideas sobre os seus espectáculos, a facilitar que estas conten con novas olladas sobre o seu traballo. Este espectador crítico tamén participará, desde o público, nas conferencias e mesas redondas do programa e compartirá ao longo do festival nas súas redes sociais e espazos dixitais comentarios e análises sobre o festival e as súas funcións que poderán ser seguidos polo propio público do mesmo, que poderá así introducirse nas ferramentas de crítica desta arte escénica.
http://www.titeresante.es/
https://www.facebook.com/titeresante/
Certame de creación de títeres
O festival, en colaboración coa Asociación Somos Rianxo, organiza un concurso para escoller as mellores marionetas da vila. Esta iniciativa pon en valor o coñecemento adquirido polas crianzas nos obradoiros de creación de títeres que se integran nas diferentes edicións do festival e mais na aprendizaxe neste campo que ten recibido o alumnado dos centros de ensino locais no marco do programa didáctico Da Barraca á Aula que desenvolve a AC Morreu o Demo co apoio da Deputación da Coruña. As bases estarán dispoñibles nos negocios vencellados á Asociación Somos Rianxo. As pezas a concurso exporanse en instalacións municipais.
- Primeira quincena de agosto
- De 3 a 12 anos
- Actividade desenvolvida co apoio da Asociación Somos Rianxo.
Escola de títeres Barriga Verde
Curso de manipulación de guaratelle con Irene Vecchia
A recoñecida titiriteira Irene Vecchia imparte este obradoiro dirixido a persoas adultas que desexen perfeccionar ou achegarse á manipulación de títere de luva tradicional. Formada na “Scuola delle Guarattelle”, escola especializada en títere de tradición napolitana, Vecchia gradouse en Artes visuais e escénicas na Academia de Belas Artes de Nápoles e é internacionalmente recoñecida como un dos principais expoñentes desta tradición escénica. Constrúe e crea os seus propios espectáculos dende o 2012. Ao longo desta década de traxectoria, ten actuado tanto nas rúas de Nápoles como en programacións e festivais de relevancia internacional.
Este obradoiro eminentemente práctico permite ás persoas participantes coñecer de preto as forzas que se crean entre os títeres e nos repertorios clásicos da guaratelle e experimentalas desde o interior. Ademais, facilita dominar polo miúdo as técnicas de manipulación deste tipo de bonecos de cara á súa inclusión en diferentes espectáculos. Vecchia non esquece as mudanzas inherentes a toda tradición e aborda tamén a problemática de actualizar o xeito de levar a escena un repertorio con cincocentos anos de existencia que se espallou por todo o continente europeo.
No curso, as persoas participantes poderán aprender, mediante o manexo dos bonecos tradicionais propios destes antigos espectáculos, as técnicas de manipulación empregadas nas diferentes escenas desta forma artística. Os contidos do curso serán personalizados e adaptados tanto para público sen coñecementos previos como para persoas con nocións sobre o manexo de títeres e mesmo para profesionais que queiran puír as súas técnicas de cara a algunha montaxe.
Segundo explica a propia docente, a través deste antigo espectáculo cada persoa “tiña a oportunidade de rir dos seus medos, das súas debilidades e das súas incertezas dun xeito simple, sen facer dano, e de reunirse ao tempo cos seus compañeiros e compañeiras. Unha función catártica, celebrada dunha maneira sinxela, que a sociedade precisaba para seguir adiante e enfrontar con maior serenidade os problemas que impón a vida. Co seu ritmo e a súa potente linguaxe xestual, a guaratelle vai alén dos límites da lingua oficial e convértese nunha ferramenta eficaz para a comunicación intercultural”.
Con esta iniciativa a asociación Morreu o Demo quere contribuír á divulgación das técnicas de títeres tradicionais no seo do colectivo titiriteiro do país, favorecendo o desenvolvemento de novas montaxes a empregar esta técnica ou linguaxe escénica.
PRAZO E REQUISITOS:
Datas: 30 e 31 de Xullo de 2022.
■ Horario: 10:00 a 14:00
■ Lugar: Centro Sociocultural A Capela do Araño, Rianxo (A Coruña).
■ Prezo: 50€ sen aloxamento (50% de desconto ás persoas que fan parte do voluntariado do festival.)
■ Inscrición: reserva por orde de inscrición e pago
info@barrigaverde.eu
■ Prazo: enviar solicitude de asistencia antes do día 20 de xullo, achegando os datos persoais de contacto e un breve texto de presentación e de cal é o motivo de querer facer o curso.
■ Dirixido a: +16 anos (Persoas adultas que desexen perfeccionar ou achegarse á manipulación de títere de luva tradicional, un teatro popular con trazos comúns en tantos países europeos.)
– Se alguén dispón dun teatriño de títeres axustado á súa altura, pode traelo para practicar nel durante o curso e compartilo con quen non teña
*As persoas socias de Unima que así o soliciten, poden acceder á seguinte axuda para asistir ao curso: 0.10 €/km de viaxe e 18 €/día de estancia. secretaria@unima.es
Obradoiros
Construción de títeres con material de refugallo e de títeres en igualdade
A integrar o programa do festival coas actividades dos Campamentos de Verán do Concello de Rianxo, desenvolveranse 5 obradoiros que mesturan a construción de bonecos coa súa manipulación. A partir de material de refugallo, as crianzas participantes crearán un boneco propio. A continuación, preséntase unha pequena peza onde se amosa unha situación de desigualdade e un conflito que se resolve de xeito violento. Os/as participantes deberán reflexionar sobre as posibles solucións non violentas para o dito conflito. As solucións quedarán plasmadas en pequenas pezas con guión e bonecos creados pola propia rapazada, que as representará ao final do obradoiro.
- 26, 27 e 29 de xullo
- de 11.00 a 12.30 h
- Campamentos de conciliación nas distintas parroquias
Creación e manipulación de títeres para a Aula Ocupacional
Obradoiro específico a amosar as posibilidades dos títeres para persoas con diversidade funcional. As usuarias da Aula Ocupacional de Rianxo poderán construír os seus propios bonecos, levalos para a casa e aprender a manexalos.
- 28 de xullo
- Centro social Liceo
- Aula Ocupacional de Rianxo
Voluntariado
Titiriberia quere ser un proxecto do conxunto da sociedade de Rianxo. Deste xeito, a organización desenvolve colaboracións como con Asociación Rianxeira de Empresarios, Somos Rianxo, o Grupo de Teatro Airiños, a Escola de Música ou propostas creativas locais como Vai de Roda, Fotos de Rianxo, a Aula Ocupacional ou Pedras de Papel, entre outras. Para alén destas colaboracións, o festival conta cunha rede de voluntariado aberta a todas as persoas interesadas en participar. As persoas voluntarias poden contribuír ao xestión do evento a desenvolver diferentes tarefas como:
- Apoio na atención ao público, en particular a nivel de accesibilidade e inclusión para todas as idades e diversidades.
- Colaboración na difusión do evento
- Contribución a tarefas loxísticas e atención aos equipos artísticos.
- Axuda no cumprimento dos compromisos de sustentabilidade social e ambiental do programa.
Os equipos de voluntariado recibirán formación específica sobre a xestión de públicos e a organización de eventos culturais para desenvolver estas tarefas. Ademais recibirán entradas e descontos para participar nas actividades de pago do evento, camisetas e outro merchandising que se edite do festival.
As persoas interesadas en colaborar como voluntarias no festival poden contactar coa organización no correo info@barrigaverde.eu
Sustentabilidade
Accesibilidade
Todas as funcións contarán con espazos reservados para persoas con diversidade funcional ou mobilidade reducida e con persoal de apoio para facilitar a participación. Prégase comunicación previa á organizacion de necesidades específicas para optimizar a asistencia. Todos os espazos nos que se desenvolven as funcións contan con baños nas proximidades. O persoal e o voluntariado da organización indicaranlle ao público.
Residuos e transporte
Haberá contedores selectivos para lixo nas proximidades dos diferentes espazos do festival. Animamos ao público a ser responsables coa xeración de residuos e a empregar no posible recipientes reutilizables.
Recoméndase ao público o emprego de medios de transporte non contaminantes para acudir aos espectáculos. Pasear por Rianxo é tamén un xeito de disfrutar o festival. Existen aparcadoiros vixiados para bicicletas (candadas por parte das persoas usuarias) e outros dispositivos de mobilidade persoal no espazo das funcións.
Idades
O programa especifica as idades recomendadas, a partir da información fornecida polas propias compañías, para cada unha das obras que se representan. Algunhas das funcións poden tratar temas de violencia, conflito social, sexualidade e outras cuestións. Fica á discreción das persoas adultas responsables a xestión da asistencia ás mesmas de menores.
Prezo
O acceso ás funcións gratuítas será libre e as localidades ocuparanse por orde de chegada. As entradas para as funcións de pago terán un prezo de 5 euros. Poderán adquirirse de xeito previo á función no despacho de billetes situado no Cuartel Vello. No mesmo día da función poden adquirirse no Auditorio. Aplicarase un desconto para quen adquire entradas para as tres funcións, que ficarán a un prezo de 12 euros.
Entradas sociais
As funcións de pago do festival contan cunha serie de entradas sociais reservadas para persoas con poucos recursos e destinadas a facilitar o acceso á cultura. Calquera persoa interesada pode se pór en contacto con Servizos Sociais do Concello para conseguir estas entradas. A súa distribución será en todo momento absolutamente confidencial.
Punto lila e arco da vella
O festival conta cun punto lila e un punto arco da vella para informar de calquera situación de discriminación por xénero, orientación sexual ou calquera outro suposto. Se detectas calquera situación de discriminación por razón de xénero, identidade ou orientación sexual, diríxete ao persoal da organización.
- Atención a vítimas de violencia de xénero: 016
- Servizos Sociais Rianxo – Axente de Igualdade: 981 860 061
- Policía Nacional – UFAM de Ribeira (Unidade Familia e Muller): 981870108 – 091
- Policía Local Rianxo: 981 860 625 – 609 862 222
- Garda Civil Rianxo: 981 860 023
- Emerxencias: 112
- Urxencias Médicas: 061
Teléfono da Muller: 900 400 273 Atención 24 h