Edición 2025

Titiriberia. Olladas sobre os cristovos.

Programa en pdf

Presentación

Xa están a atracar, xa se ven desde o peirao! Achéguense,  que aí os veñen, os monicreques e as xentes que son quen de darlles vida con artes máxicas e misteriosas. Saiban que só  comparten o segredo con quen está disposto a aprender e botarse aos camiños e facer dos títeres a súa vida. Un ano máis, e van dez, Rianxo convértese na capital monifateira da Iberia. Chegan dos distintos mares que arrodean esta península, desta volta cun papel senlleiro para as titiriteiras da Euskal Herria. Tamén nos visitan artistas do País Valencià, de Aragón e de Portugal. Chegan nos seus galeóns cargados de historias para contar ás crianzas e maiores que os queiran escoitar. Con elas xuntaránselles as titiriteiras galegas, chegadas nos seus carromatos desde Lalín, Santiago ou Pol, e nas súas chalanas desde Corcubión e Redondela. Veñan escoitar o que nos teñen que contar, ben sexa nun día de praia como á sombra dun plataneiro no Campo de Arriba, en Isorna, Asados, O Araño, Leiro ou Taragoña. 

Recíbanos de brazos abertos e aproveiten para lembrar que, non hai tanto, as feiras eran o espazo no que se forxaban os amores, as amizades e os tratos, onde nacían os contos e os romances para cantar todo o ano. Onde a farsa era a máis certa das verdades, e a tradición era a rabiosa actualidade. Revívano un ano máis e aproveiten para compartir as súas memorias coa xente moza. Que se faga a maxia por moitas décadas máis no Titiriberia!